A policía foi alertada no sábado pola mañá da presenza un home armado cun desparafusador en Chelsea Bridge Road, no oeste de Londres. Cando chegaron á ponte, os axentes intimaron o home e disparáronlle unha pistola Taser, mais non conseguiron, argumentan , “o deter de forma segura”.
O home, de pouco máis de 40 anos, despois de sufrir numerosos espasmos causados polos disparos da pistola eléctrica acabou por se atirar ao río. Foi rescatado por unha unidade do RNLI que o levou ao hospital, onde morreu no día seguinte..
O director do organismo de control da policía, Steve Noonan, dixo: “Falamos coa familia do home para expresar as nosas máis sinceras condolencias e explicar a nosa participación. As nosas condolencias están con eles neste terríbel momento”. “A investigación independente sobre a acutación dos axentes na ponte está en curso e xa comezamos a colectar e revisar probas”..
O vídeo do incidente publicado en liña mostra dous axentes confrontando o home, quen cae ao chan despois de recibir varias descargas da pistola paralisante. O home levántase e corre á varanda do rio, de onde finalmente se lanza.
As Taser
O uso policial de pistolas paralisantes, coñecidas comunmente como Taser, é obxecto de controversia. O IOPC descubriu en febreiro que un axente de policía de Met disparara a unha nena de 10 anos cunha arma deste tipo despois de recibir o aviso de que esta ameazaba unha muller cunhas tesoiras de podar e un martelo. Agora o axente deberá enfrentar un proceso por mala conduta grave.
No mes seguinte, outro axente foi acusado de lesións corporais graves despois de que un home ao que disparou cunha Taser ficara paralisado de cintura para abaixo. Os axentes do Grupo de Apoio Territorial do Met detiveron Jordan Walker-Brown, de 25 anos, en dous días consecutivos, o 3 e o 4 de maio de 2020, e en ambas as ocasións descubriuse que levaba unha pequena cantidade de cannabis para uso persoal. Foi atinxido polo disparo da Taser cando saltaba unha parede, de aproximadamente 1,2 metros de alto con queda de 1,8 metros no outro lado..
Un traballador social que recibiu un disparo cun Taser e ficou inconsciente durante unha parada na estrada o mes pasado declarou que a policía o tratara como un “animal selvaxe”. Edwin Afriyie, de 36 anos, demandou a policía de Londres despois de sufrir unha lesión na cabeza e ter pensamentos suicidas como resultado do incidente.
O último incidente produciuse cando a ministra do Interior, Priti Patel, anunciou que os axentes especiais terán acceso ás pistolas paralisantes como parte dunha serie de novas iniciativas contra o crime. O especialista en policía de Amnistía Internacional do Reino Unido respondeu que armar os axentes voluntarios era perigoso e conduciría inevitabelmente a “máis casos de uso indebido, danos graves e mortes por Taser”.