Houbo un interese político e un plano do Estado español para introducir heroína e con iso desactivar a insurxencia social e armada en Euskal Herria? A epidemia de desolación e destrución que deixou ao seu paso a heroína foi premeditada? É un antigo debate no que hai demasiadas opinións asentadas de antemán, o que frecuentemente imposibilita un diálogo e unhas conclusións eficaces.

O autor deste libro analizou e investigou con total exhaustividade o tema, deixando ao descuberto todas as evidencias que implican o Estado español e os seus diversos estamentos coas redes de narcotráfico en Euskal Herria: o pagamento con heroína aos asasinos de Santi Brouard; as confesións do narcotraficante Çiçek; o desaparecido informe do exfiscal xefe da Audiencia Provincial de Gipuzkoa Luís Navallas, a investigación ordenada -e despois silenciada- por José Antonio Ardanza ao xefe da Policía Municipal de Arrasate sobre a introdución de heroína na comarca de Debaldea, que os levou directamente á porta dos beneméritos cuarteis de Sálvea e Intxaurrondo… Todo está recollido e analizado nesta monumental obra, incluídas as experiencias contrainsurxentes con diversas substancias contra as Panteras Negras nos EUA ou a autonomía obreira italiana, así como a mobilización social e a resposta armada contra o narcotráfico en Euskal Herria. Un libro imprescindíbel para revisar apriorismos, recuperar unha memoria comunitaria indispensábel, e articular un debate positivo sobre un fenómeno de capital importancia na historia recente de Euskal Herria.