Organizado pola Associazione Antígone de Roma e a Università degli Stude Roma Tre,no pasado 29 de novembro tivo lugar un debate sob o título “O proceso aos independentistas cataláns. Análise crítica dunha sentenza polémica”, en que, xunto con Iñaki Rivera Beiras, profesor da UB e director do OSPDH, e Patrizio Gonnella, editorialista de Il Manifesto, Presidente da Associazioine Antígone e  da Coalizione Italiana per le Libertà e i Diritti Civili, participou o recoñecido pai do garantismo penal Luigi Ferrajoli.

 

 

Luigi Ferrajoli, doutor Honoris Causa por máis de 20 universidades do mundo, calificou a sentenza do Tribunal Supremo que condenou políticos e líderes independentistas por sedición de “horrenda” -un “golpe á democracia”- e advertiu que neste conflito se xoga grande parte do futuro da democracia, española mais tamén europea por canto, alén de vir deitar gasolina no conflito político,  criminaliza o exercicio de dereitos fundamentais como os de reunión e liberdade ideolóxica.

A violación do dereito a expresar o disenso supón, enfatizou Ferrajoli, un golpe contra os elementos fundacionais da democracia e advertiu do perigo do surximento da violencia, nun movemento pacífico como o catalán, como xa aconteceu noutros países.

Por outra parte, Ferrajoli calificou de “vergoñoso” e propio de “tempos fascistas” o delito de sedición -por canto vulnera, pola súa indeterminación, o principio de taxatividade penal- e reclamou unha amnistía para poder iniciar un diálogo, requisito imprescindíbel nun camiño para a paz, e abrir un debate crítico sobre a sentenza, vista a abdicación da política.

Na palestra tamén foi anunciada a próxima publicación dunha obra coa análise completa de Luigi Ferrajoli sobre o proceso penal, un proceso que, no seu parecer, “nunca debeu ter sido iniciado”.