Día chave para o futuro da internet en Europa. O Parlamento Europeo aprobou no 12 de setembro, nunha apertada votación, a polémica lei de ‘copyright’ que, entre outras cousas, regulará como subir contido ás grandes plataformas de vídeo, como YouTube, e imporá un imposto a adicionadores de noticias por compartillaren extractos de artigos de medios de comunicación. Os dous artigos máis controvertidos da directiva, o 11, con 393 votos a favor e 279 en contra, e o 13, con 366 votos a favor e 297 en contra, foron aprobados con diversas emendas, mais manteñen a base que, segundo xuristas e europarlamentares, pon en risco a liberdade de expresión e de acceso á información.

 

Foto: (Foto: EFE)

 

Dous dos artigos máis polémicos da directiva, o 11 e o 13, acaban de ser aprobados no Parlamento Europeo de Estrasburgo, e o resultado final é un pau para quen defendía que a actual directiva atenta contra os dereitos fundamentais dos cidadáns na rede. Haberá unha nova votación. O máis delicado, o artigo 13, que propuña obrigar as grandes plataformas de vídeo, principalmente YouTube, a filtrar o contido que soben os usuarios antes da súa publicación para detectar se infrinxen dereitos de autor, foi directamente aprobado, o cal supón unha mudanza drástica, xa que Google terá que xestionar millóns e millóns de vídeos a cada pouco.

O Parlamento Europeo deu luz verde ao momento máis polémico do artigo 13, a necesidade de usar filtros para controlar o contido subido polos usuarios. Só incluíu unha excepción contemplada nas emendas: estes filtros non se esixirán ás pequenas plataformas, senón só ás grandes compañías, é dicir, YouTube e Dailymotion, principalmente. Ben, porque as pequenas plataformas non se verán afectadas ao teren que desenvolver custosas tecnoloxías de filtrado, o que as levaría á falencia. Mal, porque as páxinas máis usadas en todo o mundo serán precisamente as que teñan que filtrar contido.

 

 

“É un desastre. Podemos ir dicindo adeus á internet tal e como o coñeciamos até agora. As emendas aprobadas endurecerom aínda máis a directiva. Respecto dos fltros de control, agora serán obrigatorios e previos a subir o contido. Aínda é cedo para saber as consecuencias exactas sobre a internet e os cidadáns, mais somos moi pesimistas”, explica a Teknautas Lola Sánchez, europarlamentar de Podemos que, xunto ao seu tres compañeiros de partido, votou hoxe en contra do texto final.

Sánchez e outros opositores a esta lei, como a europarlamentar do Partido Pirata Julia Reda, aseguran que o resultado final de que un algoritmo controle de forma previa o contido que se sobe a YouTube será un recorte da liberdade de expresión. Os algoritmos non entenden as parodias, o humor ou os ‘memes’. Calquera vídeo deste tipo que conteña, aínda que sexa só uns segundos, unha canción ou imaxes protexidas por dereitos de autor, non verá a luz na rede. Dá igual que o fin dese vídeo-parodia non sexa compartir o contido protexido. O ‘filtro’ evitará que se publique.

A directiva, apoiada por europarlamentares españois de PP e PSOE, foi rexeitada por Podemos e tamén por Esquerda Unida.”Non podiamos apoiar a directiva porque entendemos que non se fixo pensando nos dereitos dos traballadores da cultura, nin no dereito da cidadanía a acceder á cultura, senón co obxectivo de regular o conflito entre as grandes empresas de creación de contidos e as grandes empresas de distribución”, explica un portavoz de EU.

A reacción da Electronic Frontier Fundation (EFF), organización centrada en protexer os dereitos dos cidadáns en internet, vai na mesma liña. “O peor resultado posíbel [produciuse] na votación do Parlamento Europeo”. Unha das poucas voces contrarias ás críticas foi a do europarlamentar Pepe Blanco, que resumiu nun chío a posición do PSOE e, por extensión, do Goberno

A Organización Europea de Consumo (BEUC, polas súas siglas en inglés), “lamenta” o resultado da votación de hoxe. “Se os planos votados hoxe convértense en lei a nivel europeo, os beneficios da internet para os consumidores estarán en perigo. A consecuencia deste voto é clara. As plataformas non terán outra opción que escanear e filtrar calquera contido que os consumidores queiran subir á rede. A experiencia demostra que isto acabará en moito contido sendo bloqueado de forma inxustificada”.

 

 

Volta o canon AEDE
É o outro gran pau para os defensores dunha rede aberta e sen control: o Parlamento Europeo aprobou tamén o artigo 11, que abre a porta a que os medios de comunicación cobren aos adicionadores de noticias, como o defunto Google News no Reino de España ou Menéame, por enlazaren noticias nas súas páxinas. A emenda aprobada estipula que só poderán enlazarse palabras individuais do artigo orixinal. Iso significa, por exemplo, que usar o titular dun artigo para enlazar nunha páxina como Menéame sería ilegal se Menéame non paga un canon á publicación propietaria dese contido.

Trátase da resurrección da ‘taxa Google’ ou ‘canon AEDE’, que se tentou establecer no Reino de España e acabou no encerramento de Google News. O movemento tentouse en 2014 e fracasou: Google News fechou, deiando ficar para atrás o canon da Asociación de Editores de Diarios Españoles (AEDE). Na actualidade, Cedro, a entidade xestora do canon, asinou un acordo co adicionador de Samsung Upday, mais faltarían outros por entrar. “Si, consideramos que Menéame realiza funcións de adicionador e sería obxecto desta lei”, sinalan fontes do Ministerio de Cultura. Algo parecido tentouse en Alemaña e tamén fracasou: os medios voltaron pedir a Google aparecer en News porque o seu tráfico, simplesmente ruiu após sair do servizo. Agora, o Parlamento Europeo aproba unha nova lei de ‘copyright’ que sabe que non funcionou no pasado.

“Esta lei só beneficia os intermediarios entre o creador e o consumidor final, á SGAE, ás produtoras de música, á prensa tradicional… Refórzase a súa posición fronte ás plataformas, mais non a posición dos autores”, explica a Teknautas Lola Sánchez.

Que pasará a partir de agora? Após a aprobación de hoxe, ábrese unha nova negociación entre Comisión e Parlamento para acordar o texto definitivo. A directiva terá unha última oportunidade de ser rexeitada nunha nova votación que se producirá a comezos do ano que vén. E hai algo importante entre medias: eleccións europeas no próximo maio. Se a lei fose finalmente aprobada, aínda terá que ser adaptada aos diferentes países. “España terá que facer unha transposición da directiva e aprobala no Congreso, poida que aquí non chegue nunca a implementarse, aínda que o lóxico sería seguir os pasos de Europa”, explica o avogado especializado na internet Carlos Sánchez-Almeida. “Ma internet non hai nada catastrófico nin definitivo, mais está claro que é unha pésima noticia”.

MANUEL ANXO MÉNDEZ

El Confidencial