Un centenar longo de docentes de dereito das universidades españolas asinaron un manifesto en que rexeitan a acusación polos delitos de rebelión e sedición a líderes independentistas cataláns que xulgará en próximas datas o Tribunal Supremo por non concorrer o elemento necesario da violencia no proceso soberanista. Sob o título “A banalización dos delitos de rebelión e sedición”, o/as xuristas advirten que a interpretación da Fiscalía e a Avogacía “abre a porta á banalización” de dous delitos “practicamente inéditos en democracia e cun pasado de triste lembranza”, en alusión ao coronel Tejero e os demais participantes no golpe de estado do 23-F.
Más de 120 catedráticos y profesores de Derecho rechazan las acusaciones de rebelión y sedición contra los presos políticos
 

Os académicos lamentan, ademais, que a Procuradoría “converta en delito o exercicio de dereitos fundamentais” como o de reunión e manifestación en referencia a que o plano para a independencia prevía, segundo ela, a utilización da “violencia necesaria” através dos Mossos e de manifestacións “tumultuarias” de Òmnium e o ANC. “Para a Procuradoría o perigo radica en incitar as mobilizacións”, subliñan no manifesto, e afirman, con diferenza ao que considera ministerio público, que a concentración diante da consellaria de Economía do 20 de setembro ou as xornadas do 1 e o 3 de outubro “non dan lugar á violencia esixida” polo delito de rebelión.

“O único que até agora demostrou a Procuradoría é que todas as mobilizacións feitas só pretendían un referendo através de medios pacíficos e democráticos”, engaden a/os académicas, que ven nos procuradores unha “idea pertinaz de configurar a existencia de violencia no Proceso “.Mais tampouco, a criterio dos profesores asinantes do texto, se produciu no Proceso un delito de sedición porque “en ningún momento foi presentado ningún indicio de os imputados teren inducido, provocado ou protagonizado ningún alzamento tumultuario co fin de evitar o cumprimento da lei, a menos que se interprete que é suficiente incitar o dereito de manifestación, é dicir, o exercicio dun dereito fundamental “.

O documento foi promovido pola catedrática de dereito penal da universidade de Granada María Luisa Maqueda e os catedráticos de Jaén e Castilla-La Mancha Guillermo Portilla e Nicolás García Rivas; e os profesores de dereito penal nas universidades da Coruña e Valencia José Anxo Brandariz e Javier Mira Benavent. Ao texto sumáronse catedráticos e catedráticas de dereito penal de varias universidades españolas, como Manuel Cancio (Universidade Autónoma de Madrid), Jacobo Dopico (Universidade Carlos III), Luigi Foffani (Universidade de Módena), Patricia Laurenzo (Universidade de Málaga) ou Joan Queralt (Universidade de Barcelona).

Os académicos ven na petición de penas, que chegan aos 25 anos de prisión no caso da Fiscalía e 12 no caso da Avogacía do Estado, unha consecuencia do uso inadecuado dos delitos de rebelión e sedición, e subliñan que a solicitude de varios anos de prisión é “altamente cuestionábel” sobre a base do principio de proporcionalidade que debe guiar toda interpretación xurídica.

“Só conculcando moi gravemente o principio de legalidade penal pode chegarse a afirmar que os imputados, á vista dos feitos que se lles atribuíron, puideron realizar o delito de rebelión ou o de conspiración para a rebelión, que require dun acordo conxunto de facelo con esta mesma violencia”, apunta o texto, que critica que as acusacións do caso do 1-O se separaron” da doutrina do Constitucional en relación ao delito de rebelión, que esixe violencia explícita por exemplo mediante o uso de armas.

Así mesmo, o documento salienta, como xa fixo un centenar de académicos ao comezo da causa, a falta de competencia da Audiencia Nacional -a instancia que recibiu as querelas contra os ex conselleiros e ordenou as primeiras prisións provisorias- para investigar o 1-O. Por todo iso, o manifesto conclúe reclamando a posta en liberdade dos nove dirixentes encarcerados “por delitos inexistentes”, así como unha investigación do acontecido durante o proceso soberanista baseada no “respecto ao principio de legalidade penal, porque só dentro destas marxes pode haber oportunidade, proporción e xustiza “.

Ara

Ler aquí o Manifesto