Nunha resposta enviada ao deputado de Jon Iñarritu (EH Bildu), o Ministerio do Interior sinala que só en 2020 foron abertos 50 procedementos dese tipo. As provincias que acumulan o maior número de casos son Sevilla, Málaga e Pontevedra.
A Lei de Seguranza Cidadá -popularmente coñecida como ‘Lei Mordaza’- que hoxe defenden as asociacións policiais serviu para que máis de 200 persoas fosen sancionadas entre 2015 e 2020 por divulgaren imaxes de actuacións das Forzas de Seguranza do Estado en diferentes puntos do país. Así o desvela Interior nunha resposta remitida ao deputado de EH Bildu Jon Iñarritu, que solicitara información sobre este asunto.
O documento recolle os casos de “persoas propostas para sanción, segundo o artigo 36.23 da citada Lei Orgánica”, en que se establece que será castigado “o uso non autorizado de imaxes ou datos persoais ou profesionais de autoridades ou membros das Forzas e Corpos de Seguranza que poida pór en perigo a seguranza persoal ou familiar dos axentes, das instalacións protexidas ou en perigo o éxito dunha operación, con respecto ao dereito fundamental á información”.
De acordo coa tabela fornecida por Interior, entre 2015 -ano en que entrou en vigor a ‘lei mordaza’- e 2020, ambos inclusive, houbo 213 “propostas para sanción” ao abrigo dese artigo. Trátase precisamente dun dos puntos que PSOE e Unidas Podemos prevén reformar da citada lei, algo que foi respondido na rúa pola maioría de sindicatos e asociacións policiais, que se opoñen -do mesmo xeito que PP, Vox e Cidadáns- a calquera modificación da restritiva norma que implementou o Goberno de Mariano Rajoy.
O informe sinala que o ano en que se rexistrou un maior número de denuncias foi 2020, con 50 casos, 12 máis que en 2019. No que se refere a territorios, os datos facilitados por Interior a Iñarritu permiten establecer que Sevilla encabeza o ranking de multas por divulgar imaxes de actuacións policiais cun total de 19 casos, seguida por Málaga (12), Pontevedra (11), Tenerife (10) e Jaén (10).
“É preocupante que esta tipoloxía de sanción fose en aumento nos últimos anos. Trátase dunha proba máis de que hai que acabar coa Lei de Seguranza Cidadá, sobretodo con estes artigos tan lesivos”, sinalou Iñarritu a Público.
Xornalistas multados en Nafarroa
Na súa pregunta, o deputado de EH Bildu tamén solicitara información concreta sobre o caso das sancións impostas a dous xornalistas gráficos dos medios navarros Ahotsa.Info e Ekinklik “após publicaren imaxes dun protesto contra o proxecto turístico de Aroztegia en Nafarroa” que se produciu no pasado 9 de abril.
Interior alega que ás 16.00 dese día, “unha patrulla de seguranza cidadá da Garda Civil foi á localidade de Lekaroz-Baztán (Nafarroa) para a comprobación dunha posíbel manifestación non comunicada na praza desa localidade”, onde se constatou a concorrencia de persoas no lugar, que se dispersaron á chegada dos axentes e dirixiron a un dos terreos onde se estaban realizando obras de desmatamento e urbanización á volta do denominado ‘Palacio de Aroztegia’, en Lekaroz”.
Despois de describir que “estes terreos son de titularidade privada, están valados perimetralmente e o seu acceso é restrinxido a toda persoa allea aos traballos que alí se desenvolven”, o Goberno sinala que “ao veren os axentes que unha multitude de persoas accederan a esta leira sen autorización e se sentaran frente ás máquinas escavadoras impedindo aos operarios continuaren cos labores que estaban realizado, solicitaron apoio da Policía Foral de Nafarroa”.
“Despois de verificar que a permanencia daquelas persoas no lugar non estaba autorizada polo titular da finca, e que a súa estadía alí podería resultar perigosa para a súa propia integridade, procedeuse ao seu despexo, após requerimento verbal”, continúa o relato de Interior, e acrecenta que “os axentes da Garda Civil procederon á identificación das 21 persoas que alí concorrían de forma irregular, entre as que había dúas que se identificaron como xornalistas”.
O Goberno sostén na súa resposta que “ambos os profesionais da información estaban nunha parcela privada contra a expresa vontade do titular do dereito real daquel ben inmóbel”.
“Unha barbaridade”
“Vemos máis unha vez a impunidade das Forzas de Seguranza do Estado que, utilizando a lei mordaza, poden multar arbitrariamente quen consideren, neste caso xornalistas que informan sobre un protesto”, lamentou o deputado de EH Bildu, quen engadiu que nese caso en concreto “non se vía a cara aos axentes, que ían con capacetes regulamentares e máscaras”, polo que considerou este feito como “unha barbaridade”.