Onte foi lanzada a iniciativa conxunta de persoas e organizacións do ámbito da investigación pola paz. Máis de 700 especialistas de dezanove países da UE convidaron as súas compañeiras e compañeiros de profesión a asinaren unha petición en liña para pedir á UE que deixe de financiar a investigación militar.

 

 

A UE destina millares de millóns de euros a investigación e desenvolvemento de armamento. Os Estados membros da UE reuniranse hoxe en Bruxelas para debater cuestións relativas a defensa, seguranza e migracións. O Fondo Europeo de Defensa, que destinará 13 millóns de euros a investigación militar, é un dos puntos destacados da axenda.

Os 700 investigadores e investigadoras alertan das consecuencias dun programa de I+D de novas tecnoloxías de armamento. ‘A creación dun programa de investigación militar por parte da UE lévanos a unha militarización acelerada da UE sen precedentes’, afirma Stuart Parkinson, da organización Scientists for Global Responsability. ‘O investimento de fondos da UE en investigación militar non só desviará os recursos de ámbitos máis pacíficos, senón que tamén pode alimentar unha corrida armamentista, socavando a seguranza en Europa ou noutros lugares’.

Tomada de decisións

Os investigadores temen que o programa militar de I+D desvíe recursos económicos doutras áreas de investigación. ‘Europa ten unha longa tradición de innovación científica e os programas de investigación da UE demostraron ser unha poderosa ferramenta política. No entanto, Europa ten que tomar decisións sobre o tipo de investigación que quere financiar. Cada euro só pode ser investido unha vez’, afirma Jordi Calvo, do Centre Delàs d’Estudis per la Pau. ‘A UE debería seguir investindo en áreas de investigación civil que beneficien os europeos e europeas e o resto do mundo, axudando a resolver problemas sanitarios e ambientais e contribuíndo á estabilidade e a igualdade na sociedade.’

‘A UE debería financiar unha investigación innovadora que axude a abordar as causas dos conflitos e contribúa á súa resolución pacífica’, continúa Calvo.

Robots asasinos

As tecnoloxías militares desenvolvidas hoxe marcarán as guerras do futuro. A Unión Europea xa comezou a desenvolver sistemas autónomos através do programa chamado ‘Acción Preparatoria sobre Investigación en Defensa’.

Apesar das advertencias da comunidade científica e do Parlamento Europeo, esta decisión de desenvolver sistemas de armas autónomas están a levarse a cabo sen ningún debate público. A Unión Europea arríscase a exacerbar a actual corrida armamentista de armas robóticas e drones. E o asunto vai máis aló: existe un maior risco de que esta situación leve a un aumento das exportacións de armas a países con réximes represivos e a alimentar conflitos. Actualmente, as armas fabricadas na UE xa facilitan as violacións do dereito internacional humanitario e dos dereitos humanos en varias zonas de conflito.

Este financiamento do I+D militar non aumentará a paz e a seguranza. Ben ao contrario, non fará senón contribuír a empeorar as tensións globais. Entretanto, abandónase a investigación científica que podería contribuír de maneira efectiva á prevención de conflitos.

Sobre a petición

A UE está a destinar millaes de millóns de euros do seu orzamento a investigación e desenvolvemento de armamento. Convidamos todas as persoas que se dedican ao ámbito científico, académico e da investigación a instar á UE a que deixe de financiar a investigación militar.

Para asinar a petición: www.researchersforpeace.eu

Financiamento da UE para investigación militar

A finais de 2016, a Comisión Europea lanzou os seus planos para o Fondo Europeo de Defensa. O Fondo desenvolveu multitude de propostas, algunhas das cales xa foron postas en marcha, aínda que a maioría delas aínda están pendentes de aprobación.

No momento en que se redactou o presente documento, o Fondo Europeo de Defensa ten o seguinte aspecto:

O Proxecto Piloto e a Acción Preparatoria sobre Investigación en Defensa (PADR, polas súas siglas en inglés) son os primeiros programas que xa están sendo implementados. Ambos son programas de investigación militar. A Acción Preparatoria serve de precursor do Programa Europeo de Investigación en Defensa (EDRP, polas súas siglas en inglés), que comezará no ano 2021 e concluirá en 2027. O EDRP, que contaría cunha dotación de 4.100 millóns de euros, aínda ha de ser aprobado polo Parlamento Europeo.

Ademais, en xuño de 2017, a Comisión Europea propuxo un Programa Europeo de Desenvolvemento Industrial de Defensa (EDIDP, polas súas siglas en inglés). A votación do EDIDP terá lugar o próximo 3 de xullo. O obxectivo deste programa é desenvolver novos programas cooperativos de desenvolvemento de armamento e a obtención deste por parte dos Estados membros da UE. Ao contrario dos programas de investigación militar, o EDIDP estaría financiado principalmente polos Estados membros. Unha vez máis, a Comisión quere lanzar unha versión máis reducida do EDIDP para os anos 2019-2020, con 500 millóns de euros de fondos provenientes da UE e 2.000 millóns de euros de contribucións dos Estados membros.

Para o período 2021-2027, o obxectivo é a implementación completa do EDIDP, con 8.900 millóns de euros. Para animar os Estados membros a contribuír, a Comisión propón unha excepción ao Pacto de Estabilidade e Crecemento, o que significa que os Estados membros non terían que ter en conta nos seus déficits orzamentarios as adquisicións de armas realizadas através do Fondo Europeo de Defensa.

Algúns artigos e información oficial sobre a implementación dos programas de investigación militar da UE:

Visión xeral dos planos de investigación militar da UE, escrita pola organización Scientists For Global Responsibility: http://www.sgr.org.uk/resources/eu-moves-military-science-and-technology

Documento de preguntas e respostas, redactado pola Rede Europea Contra o Comercio de Armas (ENAAT, polas súas siglas en inglés), sobre o Fondo Europeo de Defensa: http://enaat.org/eu-defence-fund

A organización de paz Vredesactie publicou un informe sobre como o Fondo Europeo de Defensa foi influído pola industria de defensa: http://istopthearmstrade.eu/en/mapping-arms-trade?securing_profits

Artigo da revista Nature sobre o cambio de orientación da UE relativo ao financiamento da investigación militar: https://www.nature.com/news/peaceful-european-union-starts-to-fund-military-research-1.21212

Ficha técnica sobre o Plan de Acción Europeo de Defensa, escrita pola organización holandesa Stop Wapenhandel. http://www.stopwapenhandel.org/eumoney

Visión xeral dos documentos oficiais relacionados co Fondo Europeo de Defensa:

Fonte: Insurgente