Anderson Pérez Osorio, exguerrilleiro, pai, comunicador e cineasta de 24 anos, foi asasinado o 17 de xuño en Caloto, no departamento do Cauca, no occidente de Colombia. “Foi unha experiencia moi bonita”, declaraba ante as cámaras en marzo de 2017, cando se dirixía a unha das zonas establecidas para que el e os seus compañeiros das FARC deixasen as armas. “Ir gravar no medio dos soldados, e saber eles que eu son guerrilleiro, e tratarnos como o que somos, como irmáns de patria”, agregaba nas imaxes que divulgou após a súa morte a Forza Alternativa Revolucionaria do Común, o partido xurdido do acordo de paz asinado hai dous anos e medio co Goberno. O pacto incluíu un capítulo dedicado ás medidas que poría en marcha o Estado para garantir a seguranza dos excombatientes.

 

Resultado de imaxes para antonio pérez osorio far colombia                                                   Anderson Pérez Osorio

 

Esa mesma segunda-feira asasinaron outro, Daniel Esterilla, no Charco, un municipio de Nariño sobre o Pacífico. E hai unha semana un máis, Servio Delio Causaluzan, nese mesmo departamento. Os seus nomes son apenas os máis recentes dunha longa lista. A persistente violencia en varios territorios ameaza a fráxil implementación dos acordos coa extinta guerrilla, que denunciou con insistencia a falta de garantías para os seus membros. Aos incesantes homicidios de líderes sociais e defensores de dereitos humanos por todo o país fora, súmanse os de antigos rebeldes que asinaron a paz.

“Estes asasinatos sistemáticos constitúen unha clara violación do acordo final e, portanto, son responsabilidade do Estado e o goberno”, manifestou a dirección das FARC, despois dunha reunión de emerxencia convocada polo seu presidente, Rodrigo Londoño, Timochenko. Á vez que reafirmou o seu compromiso coa paz, o partido advertiu que o delicado momento que atravesa a implementación pode desembocar nun novo ciclo de violencia. Tamén denunciou a estigmatización por parte do Centro Democrático -o partido do presidente Iván Duque e o seu mentor político, o expresidente e senador Álvaro Uribe-, “que dalgunha maneira estimula os instintos criminais de quen aperta o gatillo; e que constitúe unha campaña de persecución política e persecución contra quen somos signatarios dun tratado de paz co Estado”.

 

Resultado de imaxes para daniel esterilla far colombiaTimochenko

 

Os episodios de mortes violentas de excombatentes multiplícanse. Os rexistros das FARC contan 134 membros asasinados despois da asinatura dos acordos de paz -que protexen 12.000 exguerrilleiros en tránsito á vida civil-, así como 34 dos seus familiares e outros 11 desaparecidos. O Goberno de Duque, que nega a sistematicidade e rexistra oficialmente 115 asasinatos de exguerrilleiros, anunciou na pasada quinta-feira un paquete de medidas, entre elas reducir o tempo de atención de solicitudes de protección e a creación dun corpo elite da policía.

“A mellor maneira de parar o que está a acontecer é a aplicación integral do acordado en La Habana, e aí é onde se está fallando un pouco”, manifestou Londoño, o presidente das FARC, a RCN Radio. “Aquí hai un fío condutor, hai que buscalo naqueles sectores que ven no proceso unha ameaza aos seus intereses, que teñen medo á verdade, á reconciliación dos colombianos”, sinalou.

Jorge Enrique Corredor, un antigo comandante de frente coñecido como Wilson Saavedra, foi asasinado no mes pasado por dous sicarios en Tuluá, no departamento do Valle del Cauca. Fora coordenador na zona veredal de Marquetalia, no Tolima, unha das rexións históricas para as outrora Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia. Foi o primeiro excomandante de rango medio asasinado despois da asinatura do pacto co goberno de Juan Manuel Santos en novembro de 2016.

Eses crimes estiveron precedidos, entre moitos outros, polo homicidio de Samuel David Gonzales, un bebé de apenas meses, fillo dun excombatente, na Guajira, no norte do país. E tamén polo de Dimar Torres, outro exguerrilleiro tiroteado en circunstancias non do todo esclarecidas por un militar no departamento de Norte de Santander, lindeiro con Venezuela. Casos estremecedores que activaron todas as alertas. O de Dimar Torres, en particular, propiciou unha proposta de moción de censura contra o ministro de Defensa, Guillermo Botero, que non prosperou no Congreso. Tanto as FARC como os aldeáns denunciaron o asasinato de Torres, o pasado 22 de abril, e o intento dun grupo de militares por enterrar o cadáver. Un cabo segundo está detido polo delito de homicidio en persoa protexida, e investígase a participación dun coronel.

Desde o Goberno, Emilio Archila, conselleiro presidencial para a Estabilización, reiterou que a seguranza e benestar dos excombatentes é unha prioridade no seu proceso de reincorporación. O seu despacho está implementando un plano de protección especial para os candidatos das FARC nas eleccións rexionais de outubro. Contodo, o partido manifestou que dificilmente terá plenas garantías para participar nos comicios, e pede apoio da comunidade internacional. De acordo cos seus rexistros, no 2018 produciuse unha media de 6,5 feitos de violencia contra os seus membros por mes, entre homicidios, tentativas e desaparicións forzadas. No que vai deste ano, a media aumentou a máis de 6,8. A fiscalía asegura ter esclarecido a metade dos casos.

“Convocamos todos os sectores da nación, a superar a indiferenza frente ao baño de sangue que padecemos”, manifestou o Consello Nacional dos Comúns, a máxima instancia de dirección das FARC. “O momento esixe asumir a responsabilidade que temos todos os colombianos para evitar que a tan desexada paz termine afogada nunha poza de sangue”.

El País