Á primeira hora da mañá foi a comisaria de Dereitos Humanos do Consello de Europa, Dunja Mijatovic, quen comunicou ás autoridades españolas a súa preocupación polas crecentes condenas de artistas e activistas estes últimos anos. Pola tarde foi a Comisión de Veneza a que reclamou a España unha reforma urxente da coñecida como lei mordaza, aprobada en 2015 no Congreso dos Deputados, polo seu potencial represivo. Dous carolos na cabeza nun día ao autodenominado goberno máis progresista da historia deberían facer reflectir o Executivo español e, a nós, obrigarnos a pasar menos no bico dos pés á hora de denunciar a permanente violación de dereitos que leva a cabo a que segundo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, é unha democracia plena. Plena de imperfeccións, quererá dicir o dirixente socialista, se ten ocasión de ler a carta que enviou ao ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, a comisaria do Consello de Europa.

 

La Ley Mordaza sigue vigente después de 5 años y es ...

 

Cando na semana pasada España Global anunciaba unha nova campaña para lavar a imaxe do Estado no ámbito internacional, que presentaba mesmo a ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, e que ten como slogan Spain, for sure (España, sen dúbida) xa cuestionábamos a inxente cantidade de diñeiro para tentar lavar o que é imposíbel mudar de cor. Ao final, o Consello de Europa acaba, mesmo, resaltando unha obviedade, como é adaptar o Código Penal aos estándares internacionais de liberdade de expresión para a salvagardar. O mesmo acontece co tema das inxurias á Coroa, que tampouco considera que teñan o tratamento adecuado á vista das condenas a prisión que se están producindo.

O Reino de España está nunha perigosa encrucillada, xa que necesita manter a represión actual para continuar amedrontando os independentistas cataláns, unha vez descartou levar a cabo calquera diálogo minimamente efectivo sobre o fondo do conflito catalán. Mais isto ten un grande inconveniente: a persistencia dunha cidadanía que elección após elección dá a súa confianza ás forzas independentistas que teñen exiliados e presos. Prolongar a represión é porse en evidencia en Europa; afrouxala, como esixe Europa, é considerado en Madrid como unha inaceptábel cesión ao independentismo. Mais a pregunta debería ser: Até cando España poderá soportar a crítica continuada de organismos europeos preocupados pola permanente vulneración de dereitos fundamentais? E esa pregunta é a única que ningún dirixente español, coa excepción de Pablo Iglesias, quer facerse.

Nesta segunda feira tamén coñecemos que a Sala Militar do Tribunal Supremo reducira a unha sanción económica disciplinar de oito días a multa ao tenente coronel do Exército Enrique Área Sancristán, que nun artigo ameazara os dirixentes independentistas coas armas. Este militar, actualmente na reserva, escribira o seguinte en referencia aos independentistas : “Non teñan a menor dubida de que se non entran en razón, restaríanos a solución armada con toda a súa contundencia”. Unha sanción dunha semana despois do recurso que presentou ao Supremo, porque o Ministerio de Defensa o sancionara por quince días. Sen comentarios.

José Antich

El Nacional