Pasaron tres anos e catro meses desde os  atentados do 17-A de Barcelona e de Cambrils en que foron mortas 15 persoas e moitas outras foron feridas.

Todos os autores da matanza, incluído o xefe da célula de Ripoll de que facía parte, Abdelbaki es-Satti, morreron. Mais hai dous membros daquel grupo e un terceiro acusado de colaborar que están vivos: son os acusados que serán sometidos a xulgamento a partir de mañá, terza feira 10 de novembro, na Audiencia española. Os dous membros do grupo son Mohamed Houli Chemlal e Driss Oukabir e o terceiro acusado, Saïd ben Iazza.

As sombras do proceso

O proceso, tal como o presentou a Audiencia española, deixa un monte de interrogantes e elementos duvidosos. Por que o tribunal recusou practicar máis dilixencias, como pedían algunhas acusacións particulares, como por exemplo caligráficas ou novos testemuños? Por que recusou que sexan interrogados como investigados persoas de evidente notoriedade como o ex-secretario de estado de Seguranza José Antonio Nieto ou José Luís Olivera, ex-director do Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado español (CITCO)? Tampouco aceptou dilixencias que permitisen confirmar se o imán de Ripoll en realidade sobreviviu á explosión no chalet de Alcanar, onde morreu a maioría do comando.