Na Faculdade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela terá lugar a próxima quinta-feira dia 29 de novembro, às 19:00, un acto promovido pola campaña “Mañá podes ser ti” que impulsiona Omnium Cultural e outras catro entidades (Institut dels Drets Humans de Catalunya, Irídia, Novact – Institut Internacional per la Acció Noviolenta e a Fundació per la Pau). No acto, organizado en colaboración con EsCULcA, participarán Lucía Barros (Presidenta de EsCULcA), Marcel Mauri (Vice-presidente de Òmnium Cultural), Antón Losada (Analista político), Lucía López Sobrado (“19 de Meirás”). Moderará María Obelleiro (Directora do semanario Sermos Galiza).

 

Demà pots ser tu!

O obxectivo é denunciar a vulneración de dereitos fundamentais e liberdades públicas no Estado español e lembrar que a represión pode chegar a calquera persoa. A campaña, que xa realizou numerosos actos en Catalunya, céntrase na exposición da situación de prisión preventiva de Jordi Cuixart e Jordi Sánchez, do encarceramento e exilio de membros do Govern, do procesamento a moitas outras persoas que exerceron o seu dereito a votar, do caso do comediante Jordi Pesarrodona acusado pola Garda Civil dun delito de odio por pór un nariz de pallaso, dos casos de Valtònyc, Pablo Hásel e Àxel Elgio, rapeiros condenados polas letras das súas cancións, dos casos de César Strawberry e Cassandra, condenados polos seus chíos (liberdade de expresión), do caso das xornalistas Cristina Fallarás e Mercè Alcocer sancionadas pola Lei Mordaza, do caso da censura do libro Fariña de Nacho Corredor ou do caso de Helena Maleno, activista prodereitos humanos que axuda a salvar vidas na fronteira sul da Europa.

Agora, na Galiza, a campaña pretende tamén dar a coñecer casos como o do dramaturgo Carlos Santiago, denunciado por un monólogo satírico, ou o caso das persoas -as “19 de Meirás”-  denunciadas por reclamaren a devolución ao pobo do Pazo expoliado polo franquismo.