O 13 de marzo o Goberno aprobou o Estado de Alarma como unha maneira de facer frente a perigosa epidemia causada pola Covid19. Desta feita decidiuse alterar temporalmente o normal funcionamento do noso ordenamento constitucional, aumentando os poderes do Goberno para afrontar a crise e adoptando medidas tales como o confinamento xeneralizado da poboación.

 

Bilbo Coronavirus 1                                                                            Foto: Christian García

 

É a propia Constitución, en disposicións desenvolvidas por unha lei de 1981, a que dispón que frente a unha epidemia procede unicamente o Estado de Alarma. Na medida en que non se trata de afrontar unha alteración da orde pública nin un conflito armado, a Constitución prohibe terminantemente que durante a vixencia do Estado de Alarma sexan suspendidos os dereitos fundamentais; algo que si está previsto, limitado a algúns dereitos concretos, nas outras situacións mencionadas.

Os dereitos fundamentais son a esencia da democracia. Garanten a liberdade da cidadanía e por iso supoñen un límite absoluto ao poder. A democracia non alicerza apenas na idea da tomada colectiva de decisións, senón especialmente nunha maneira de exercer o poder respectosa coas minorías, de modo que vivir nun Estado democrático supón gozar dunha liberdade que xamais pode ser cancelada. Mande quen mandar. Nin o Goberno, nin os xuíces, nin o propio lexislador poden privar os cidadáns de exerceren a liberdade que aseguran os dereitos fundamentais. Por iso, durante o Estado de Alarma os dereitos permanecen inalterados. Funcionan como límite ao poder o mesmo que en circunstancias normais. Iso é o que significa que non poden ser suspendidos: que continúan protexendo a cidadanía, tal cal.

Entre eses dereitos que especificamente non poden ser suspendidos durante o Estado de Alarma está o de manifestación. A quen non saiba moito de dereito pode parecer unha barbaridade que durante unha epidemia non se suspenda o dereito de manifestación. Mais iso só pode pensalo quen non saiba o que é o dereito de manifestación. Porque di a Constitución que ese dereito consiste no dereito a reunirse en espazos de tránsito público para efectuar reivindicacións colectivas, de maneira pacífica e sen que haxa perigo para persoas ou bens. Quer dicir, que unha manifestación só pode ser prohibida cando resultar perigosa para a vida das persoas, tanto durante o Estado de Alarma, como en circunstancias normais.

O Tribunal Constitucional, con razón, encarregouse de especificar que ese perigo para as persoas debe ser certo, non eventual, e que debe constatarse efectivamente en cada caso concreto antes de prohibir unha manifestación. Mais, alén diso, o Tribunal establece que se unha manifestación, polo modo en que está convocada, pode supor un perigo para alguén, antes de a prohibiren as autoridades terán que impor aos manifestantes as restricións necesarias para facer posíbel a celebración. Quer dicir, que se a manifestación vai pasar por un lugar perigoso, en vez de a prohibir, a autoridade ten que propor un itinerario alternativo. O mesmo acontece se o perigo ten a ver coa hora en que vai celebrarse, ou coa ausencia dun servizo de orde ou con calquera outra causa. A regra é non prohibir, senón condicionar o dereito a que sexan adoptadas as precaucións necesarias.

Pois ben, todo isto que até hoxe mesmo se explicaba así en todas as facultades de dereito, en todos os libros de dereito constitucional e en decenas de sentenzas do Tribunal Constitucional foi despachado dunha asentada polos tribunais españois. En concreto, os Tribunais Superiores de Xustiza de Galiza e Andalucía.

Varios sindicatos convocaran para o 1º de maio manifestacións reivindicativas. Ían ser desenvolvidas en vehículos privados. En cada vehículo ía ir unha única persoa. Os convocantes comprometíanse a manter a distancia de seguranza e a limitar o número de asistentes a unhas poucas decenas. As subdelegacións do Goberno decidiron prohibir estas manifestacións. Os convocantes acudiron aos seus respectivos Tribunais Superiores de Xustiza e estes, sen pudor, ignoraron e lesionaron de maneira flagrante o dereito fundamental. O dereito a protestar, a mostrar a desconformidade cidadá cos gobernos, segundo estes xuíces, non existe nestes momentos en España.

É verdade que, infelizmente, no noso país abundan os xuíces e maxistrados que demostran unha ignorancia ofensiva en todo o relativo aos dereitos fundamentais. Nese sentido, néganse a acatar a Constitución e hai anos que defenden que eles non teñen por que os respectar. Inventaron a idea pitoresca de que cando un xuíz se enfrenta a un dereito garantido explicitamente pola Constitución pode aplicalo ou pode decidir alegremente que hai intereses máis importantes e pasar sen dó por cima del. Dese modo, ao contrario do que acontece nos países do noso contorno, en España a miúdo o poder xudiciario non é a garantía dos dereitos, senón a súa principal ameaza.

Neste caso, contodo, ao desprezo polo valor dos dereitos fundamentais súmase algo que tampouco di moito do respecto que a nosa xudicatura debería ter á toga: o medo. É evidente que por atrás destas decisións hai unha única razón e non é nin xurídica nin sanitaria, senón persoal. Os xuíces non se atreven a autorizar unha manifestación porque se nela se producise un único contaxio estarían tan expostos ás críticas sociais que cren que sería o final da súa carreira.

Só así pode entenderse unha decisión que rebenta descaradamente todas as garantías constitucionais. O tribunal galego simplesmente fai como se a Constitución non existise ou fose letra morta. Di que o Goberno non incluíu as manifestacións entre as excepcións ao confinamento, portanto non se pode facer.

É o argumento máis perigoso que lin a un xuíz en corenta anos de democracia. Din os maxistrados galegos que se o Goberno prohibe absolutamente todas as manifestacións, pois que eles non teñen nada que dicir. Ou sexa, non só renuncian ao papel de defensores dos dereitos e a Constitución que xuraron respectar senón que tamén cren que os dereitos están á libre disposición do Goberno que é quen decide cando nos permite exercelos e cando non.

A decisión andaluza é un pouco máis elaborada, e tranquiliza ver que hai maxistrados que ao menos leron a Constitución, aínda que a consecuencia sexa similar. Eles si entran a ver a maneira concreta en que se quería facer a manifestación e consideran que as medidas propostas non garanten que non haxa contagios: din que se incluía a posibilidade de ir en moto -que polo mesmo é máis perigoso para contaxiarse- e que ao saíren e entraren dos seus vehículos na súa propia casa tamén podían diseminar contaxios. Non se trata tampouco dunha decisión respectosa coa Constitución, porque prohibe a manifestación de maneira absoluta, sen dar opcións nin impor medidas que eviten o contaxio; non propón que sexan menos vehículos, que non haxa motos ou que leven traxes de protección. Nada. Simplesmente a prohibe.

Desta feita, os medos e o pouco respecto á Constitución dos nosos xuíces e maxistrados viñeron suspender os dereitos fundamentais durante o Estado de Alarma, cunhas decisións de consecuencias imprevisibeis.

Cren os nosos xuíces que o goberno pode prohibir todas as manifestacións. Se son en poucos vehículos fechados, ocupados por unha persoa e separados convenientemente, están tan prohibidas como se un grupo de enfermeiros vestidos con traxes de protección, máscaras estancas e todas as medidas de seguranza quixesen protestar polas súas condicións de traballo. Tamén estaría prohibido.

Os xuíces determinaron que non é o risco de contaxio e o perigo para a vida das persoas o que leva a prohibir manifestacións, senón a mera vontade do Goberno.

Así que niso estamos, en pleno Estado de Alarma, onde a Constitución di que non se pode suspender o dereito de manifestación estes xuíces din que si, que o Goberno pode prohibilo de maneira absoluta. E, por se non bastase, renuncian á esencia da función xudicial e aceptan que se o Goberno prohibe un dereito a súa tarefa é acataren.

Tempos difíceis estes. Cando os xuíces non defenden os dereitos nin respectan a Constitución a cidadanía fica indefensa frente á arbitrariedade. É o final da democracia.

Joaquín Urías Martínez

El Salto Diario