Diversos colectivos e persoas a título individual organízanse contra a criminalización de Nines Maestro e outras dúas mulleres por arrecadaren axuda solidaria para Palestina.

 

 

A Plataforma de Apoio a Nines e Palestina constitúese co obxectivo de coordenar e impulsionar actividades de apoio a Nines Maestro e outras dúas activistas (que preferiron permanecer no anonimato) acusadas de financiamento do terrorismo por angariar fondos destinados á reconstrución de instalacións sanitarias de Gaza após os bombardeos en 2014 e 2015.

Despois dos ataques de Israel a Gaza levou a cabo unha primeira arrecadación de 5.300 euros en 2014, canalizada através de Leila Khaled, e unha segunda de 3.085 euros en 2015 que se fixo chegar através un representante oficial da Autoridade Nacional Palestina.

Agora a Audiencia Nacional dispuxo a apertura de sumario por colaboración con organización terrorista, delito que podería levar penas de dous a dez anos de cárcere e multas polo triplo da cantidade enviada. O pretexto esgrimido polo tribunal -a canalización da axuda solidaria através da dirixente palestina Leila Khaled, membro dunha organización, a Frente Popular para a Liberación de Palestina, que é considerada pola UE como organización terrorista- é inaceptábel. Leila Khaled é un símbolo da resistencia do seu pobo e é convidada con certa frecuencia -como na ocasión citada- por concellos como os de Barcelona e Madrid e outras institucións académicas e sociais.

A Plataforma de Apoio a Nines e Palestina créase para proporcionar información e divulgación do caso, buscar apoios a nivel estatal e internacional e contribuír a sufragar os gastos xudiciais.

Entre os colectivos integrados na plataforma figuran Anticapitalistas, BDS, CXT Corredor do Henares, Iniciativa Comunista, EU Madrid Cidade, A Comuna, Nais contra a Represión, Movemento Antirrepresivo de Madrid, Nodo50, Paz con Dignidade, Rede Vermella, Sindicato Asembleario de Sanidade-Madrid. Está e estará constantemente aberta á incorporación de novas organizacións e persoas interesadas en estender unha mensaxe clara: a solidariedade internacionalista non é delito.

Primeiras accións

Lanzouse unha recollida de asinaturas de apoio en torno ao Manifesto Contra a criminalización da solidariedade co pobo palestino, ademais de comezar os contactos con diversos Concellos, xuristas e artistas de todo o Estado.

A Plataforma conta xa cunha web https://www.conninesporpalestina.org/ (en construción), un perfil de Twitter (@PNinesPalestina) e unha imaxe identificativa que se irá divulgando nos próximos días:

Durante o verán o obxectivo da plataforma é dar a coñecer o caso e ir solicitando apoios, coa finalidade de comezar unha segunda fase de divulgación e actividades coordenadas a nivel estatal a partir de setembro, que culminarán nun evento de apoio de maior alcance antes de decembro de 2019.

Durante a semana que vén levarán a cabo accións de divulgación nas próximas festas da Karmela, en Vallecas, centralizadas nunha caseta informativa permanente.

Unha acusación que pretende reprimir a solidariedade internacionalista

Angeles Maestro, militante de Rede Vermella, exdiputada de EU no Congreso dos Deputados (1989 e 2000), comunista, médica, militante antifascista e contra a guerra que fixo do internacionalismo unha causa permanente.

A causa contra Nines Maestro e outras dúas compañeiras representa unha medida legal de criminalización dun acto solidario. Se xa no principio do ano parecía inaudita unha acusación por delito de financiamento do terrorismo, o pasado 14 de xuño recibiuse a noticia de que a Audiencia Nacional negara o arquivamento solicitado pola defensa.

En declaracións á prensa Nines Maestrp deixou claro que «O único que fixemos foi arrecadar diñeiro para axuda humanitaria en Palestina despois dos ataques de Israel en dúas ocasións. Unha a mediados de 2014 e outra a finais de 2015. Máis nada. Entregamos o diñeiro arrecadado, primeiro, a Leila Khaled e, despois, a un representante da Autoridade Nacional Palestina. Nunca pensamos que nos encontraríamos cunha demanda por financiar o terrorismo. Non ten sentido».

Insurgente