Dúas educadoras sociais de Salhaketa Nafarroa van cada cuarta-feira á penitenciaria de Iruña realizar entrevistas coas persoas presas que queren acceder ao programa de casa de acollemento para saídas e estadias temporarias que xestiona a asociación. Nestes espazos, as persoas presas, alén de solicitaren un lugar na casa de acollemento e exporen as súas demandas sobre a situación no cárcere, conversan sobre o seu cuotidiano. María Rodés Laplaza é unha destas profesionais.

 

xxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx

 

                                                                                                                                                                   

Cal costuma ser o perfil da muller presa?

Como os homes, as mulleres que están no cárcere costuman ter unha situación socio-económica desfavorábel, un baixo nivel de estudos e traballos precarizados. De feito, son precisamente estas circunstancias as que moitas veces propician o seu ingreso na cadea. Tamén compre salientar que moitas destas mulleres teñen problemas de drogo-dependencia e saúde mental.

Alén diso, ainda que estatisticamente hai menos mulleres presas que homes, é preciso dicir que as súas condenas costuman ser máis longas, polo que pasan máis tempo en prisión (coas consecuencias que daí decorren) e que dificulta ainda máis unha posíbel reinserción.

Segundo os últimos datos, a maior parte das mulleres presas teñen entre 40 e 60 anos, ainda que en Iruña tamén hai mulleres mais novas.

Como é o cuotidiano das mulleres presas en Iruña?

No cárcere de Iruña hai un único módulo de mulleres, de tamaño grande para o número de persoas que alberga, o que xera unha sensación angustiosa. As mulleres pasan o tempo neste módulo. É aí onde están as celas, o patio, o ximnasio, o comedor, o economato e as salas onde realizan actividades. Salhaketa Nafarroa considera que as mulleres non reciben unha atención adecuada e que as actividades que realizan son escasas e moi feminizadas. Teñen costura, manualidades, música, horta… máis orientadas ao papel tradicional da muller e non tanto dirixidas a unha reinserción posterior. Algunhas teñen traballo, mais son traballos moi feminizados, de limpeza ou lavandaría; e están moi precarizados, gañan moi pouco.

Tamén é importante sinalar que este único módulo de mulleres é un dos chamados ‘módulos de respecto’, unha fórmula terapéutica creada pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. Do punto de vista de Salhaketa Nafarroa é algo absolutamente perverso na súa concepción e aplicación. Entre outras cuestións, a inclusión nestes módulos debe ser voluntaria, no entanto, en Iruña, esta voluntariedade na práctica é unha obrigación ao non existir outro módulo de mulleres, polo que de non se aceptar (ou “non encaixar”) no módulo, son transferidas a outro cárcere, con todo o que iso supón para as persoas presas e as súas familias e persoas achegadas.

Que supuxo a pandemia?

– O dia-a-dia das persoas presas mudou moito desde o inicio da pandemia. No cárcere de Iruña, as restricións comezaron xa antes da declaración do estado de alarme: no 12 de marzo a penitenciaria foi isolada e foron suspendidas todas as actividades tratamentais, as licenzas de saída, as visitas e os vis-à-vis, incluindo as visitas de avogadas e de asociacións, todo. Ainda que esta situación foi sendo revertida cara o mes de maio, a verdade é que  “a normalidade” non voltou en ningún momento.

Son constantemente restrinxidas tanto as actividades como as comunicacións e licenzas de saída, o que é moi grave porque afecta directamente o contacto das persoas presas coas súas famiias e persoas achegadas, a evolución tratamental e, en definitiva, o acceso á liberdade. Por exemplo, os vis-à-vis levan suspendidos desde agosto do ano pasado e as comunicacións por locutorio son reducidas e recuperadas segundo sexa a situación fora do cárcere.

Non podemos esquecer que o mero feito de pasar pola cadea fai que os vínculos que teñen as persoas presas co seu contorno se debiliten. Se a isto acrecentas restricións nas comunicacións, o impacto na persoa presa, na súa saúde mental e emocional, é bestial. Por outro lado, as licenzas de saída tamén son concedidas e suspendidas segundo sexa a situación socio-sanitaria. Cando se permite sair é coa condición de na volta ser submetida a un isolamento ‘sanitario’ de aproximadamente 11 días nunha cela, con menos dunha hora de patio. Aplícase cada vez que unha persoa sae do cárcere, non apenas con licenza, tamén para acudir a un xulgamento, a unha consulta médica…

Desde o inicio do Covid19, estamos exixindo xunto con outras asociacións navarras e estatais que sexan tomadas medidas respectosas cos dereitos das persoas presas. Desde Salhaketa Nafarroa insistimos en que a única maneira de prevenir os contaxios, sen caermos en vulneracións de dereitos, é adoptar medidas tendentes á excarceración das persoas presas.

Como se senten elas?

No cárcere de Iruña hai aproximadamente 20 mulleres e 262 homes, o que fai con que ocupen un maior espazo e haxa máis actividades dirixidas a eles. Isto leva a que as mulleres non teñan a mesma visibilidade e sexan castigadas duplamente. En moitas ocasións, cando quen comete un delito é muller e tamén nai, como son moitas, a carga moral e o castigo social son ainda maiores, porque son consideradas malas mulleres por estaren ou teren estado en prisión, e no caso das nais, tanto por se separaren dos fillos como por os manteren con elas no cárcere.

Alén diso, o funcionamento dentro do cárcere é diferente ao do exterior, hai unha serie de normas que compre aprender (alí dentro todos os pedidos teñen de ser tramitados mediante instancia, por exemplo) e de códigos de comportamento, tanto cos funcionarios como coas súas compañeiras, é outra maneira de relacionarse. Algunhas mulleres contan que, apesar de non ter intimidade (moitas partillan cela), séntense moi soas e o isolamento social que sofren é moi alto. Hai que entender que, no momento en que entras na prisión, es separada de todo o teu círculo social, familiar e de amizades, da túa rotina e afectos. En definitiva, de todo o teu arraigamento, e es encerrada con persoas descoñecidas coas que tes de convivir diariamente. No nivel psicolóxico isto é moi potente.

Como viven dentro esta situación de pandemia?

Alén da desinformación tan grande que teñen, porque non hai acceso á internet e a comunicación exterior é moi reducida, case todo o que saben é através da televisión, polo que a información que lles chega é enviesada. En xeral, teñen medo a sair e poder contaxiarse ou que o fagan as súas familias cando van velas, sobretodo se é doutra comunidade autónoma ou doutra parte de Nafarroa, pois teñen que deslocarse. Isto xera moita ansiedade e incerteza.

Que costuman demandar?

Algunhas mulleres din que lles gostaría comunicar cos seus familiares e amigas de maneira máis regular e durante máis tempo e, sobretodo, recuperar os vises. Outra das demandas é a mellora na atención médica: non hai suficiente persoal, a atención non é personalizada, non lles dedican tempo suficiente… e quéixanse bastante diso. Tamén demandan asistencia xinecolóxica, e médicos especialistas, como odontólogos, psicólogos… faltan recursos para unha atención de calidade. En Nafarroa comezamos o ano 2020 sen médicos na cadea e levamos máis de 18 anos de atraso en asumir a competencia sanitaria do cárcere de Iruña.

Que opina da iniciativa da Escola de Educadoras e Educadores da recollida de libros con dedicatorias para elas?

Estamos moi contentas de que as alumnas e alumnos da Escola de Educadoras e Educadores se animasen a pór en andamento este proxecto e que contasen con nós. Un destes alumnos está connosco esta ano facendo as prácticas e isto permitiunos levar a cabo esta colaboración. A iniciativa e súper bonita e tivo moi boa acollida, as mulleres coas que falamos están encantadas coa noticia e á espera de recibiren os libros.

E. NAVARRO – Noticias de Navarra