O maxistrado emérito do Tribunal Supremo José Antonio Martín Pallín (A Coruña 1936) móstrase especialmente preocupado polas últimas sentenzas do Tribunal Constitucional español en que, no seu parecer, se cae no que em termos de ciencia xurídica é conhecido como “activismo xudicial”. Resístese a ser equidistante en relación á actual situación de parálise que viven os organismos como o Consello Xeral do Poder Xudiciario e atribúe ao Partido Popular toda a responsabilidade do bloqueo que se vive desde hai meses. Entende que todo este proceso “desmoraliza os cidadáns e é un grave cancro para a saúde da democracia”.

Martín Pallín analisa con InfoLibre a actualidade política.

.

””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””””

A cidadanía perante a Xustiza

A opinión que se ten da xustiza como servizo público que presta aos cidadáns é bastante deficiente segundo as enquisas. Creo que hai que mellorar o trato coas persoas que teñen acceso aos tribunais, explicarlles un pouco os complicados trámites que ten o procedemento, avisalos se hai demoras, mesmo se hai que pedir escusas por esas demoras. Eu poría unha especie de rexistro de satisfacción á saída ou faría unhas enquisas que serían moi beneficiosas e melloraría, polo menos, o criterio que teñen os cidadáns sobre a xustiza. Por suposto, quen perdeu o preito non vai estar contento e quen foi condenado a dez anos tampouco, mais hai unha carencia absoluta no trato, con todas as obxeccións que poidan ser postas, entre o cidadán que vai a un tribunal e os que alí traballan”.

Politización da Xustiza

A Xustiza é un poder político. Unha sentenza sempre ten un contido político, sexa nun sentido ou sexa noutro. Sobretodo cando unha das partes que interveñen non son particulares. O que acontece é que o que hai que esixir á Xustiza dun país democrático é que as súas resolucións se axusten aos principios políticos que rexen na nosa Constitución e niso, ultimamente, nótanse carencias preocupantes nas resolucións que estamos a coñecer. Considero que todos os partidos teñen unha tendencia a colocar neses lugares persoas que cren que lles van ser fieis e isto é unha mala mensaxe para a cidadanía, mais, indubitabelmente, eu non quero ser equidistante. O papel que está a xogar o Partido Popular coas institucións é moito máis incisivo ou de apoderamento delas, colocando persoas que cre que sempre van favorecer os seus intereses e iso, por suposto, desmoraliza os cidadáns e é un grave cancro para a saúde da democracia”.

Nomeamentos no Tribunal Constitucional

Ben, eu sempre fun un grande admirador do sistema xudicial norteamericano. Creo que demostraron xuíces nomeados por Bush pai e por Bush fillo, e mesmo algún nomeado por Trump, en materias como o Obamacare, que teñen criterio propio e que non renden tributo aos que os nomearon. Isto é debido a unha cultura que aquí, infelizmente, non se ten. A min paréceme que Enrique Arnaldo ten un bo perfil técnico-xurídico. As súas relacións co PP están a saír á luz. No que toca a Concepción Espejel, sinceramente, dentro da carreira e cos que eu trato, causou asombro porque é unha persoa que nunca se distinguiu pola calidade das súas resolucións xudiciais.A respecto das dúas persoas que foron nomeadas por parte do PSOE, Inmaculada Montalbán ten un matiz moi claro e moi interesante que é o feminismo, e Ramón Sáez considero que é un dos mellores xuristas que hai neste momento, non só na carreira xudicial, senón en España”.

O Tribunal Constitucional e a pandemia

O Tribunal Constitucional está a realizar un exercicio descarado do que no mundo xurídico é coñecido como activismo xudicial. Algúns son máis activistas que xuristas. O do primeiro estado de excepción é extravagante. Estando prevista no estado de alarma especificamente a pandemia, consideran que procede o estado de excepción para o confinamento, o cal leva aparellada a posibilidade de intervir os medios de comunicación ou deter unha persoa ou entrar nun domicilio sen autorización xudicial. Despois vén o de “control ao Goberno por fechar”. E dis: Home, que vostedes fecharon o Tribunal Constitucional pola pandemia! Non pasa nada porque durante un mes e tal estivese fechado o Congreso. Non ten ningunha relevancia constitucional, nin se lesionou ningún dereito de ninguén. A última sentenza ten un calado político preocupante. Vox mantén que hai que voltar ao estado centralista e suprimir o estado das autonomías. Pois ben, o Tribunal Constitucional veu dicir que ten razón Vox e que o Goberno non pode ceder competencias para enfrentar unha pandemia”.

Bloqueo dos organismos xudiciais

“Incuestionaeblmente, o PP é o responsábel do bloqueo da Xustiza en España. Viuse como así que quixo dixo: “Ben, agora interésanme o Constitucional, o Defensor del Pueblo e o Tribunal de Contas”. Mais atención, porque no Defensor del Pueblo hai un matiz que moita xente ignora desde hai moito tempo. O Defensor del Pueblo ten na súa man o recurso de inconstitucionalidade e o de amparo. O único recurso de inconstitucionalidade que se interpuxo na historia do Defensor del Pueblo foi un de Joaquín Ruiz-Giménez, o primeiro Defensor del Pueblo, respecto da Lei de Estranxeiría, e gañouno. Se hai un Defensor del Pueblo que, alén de facer relatorios, utiliza cando o considere conveniente e razoábel por suposto o recurso de inconstitucionalidade, pode ter moito máis poder do que hoxe en día lle dan os políticos”.

.

 

 

 

O CXPX sen solución

A miña proposta é: nunha primeira votación, tres quintos e, nunha segunda, unha maioría absoluta configurada non só polo partido gobernante, senón avalada por tres ou catro grupos parlamentares máis. Sexamos sinceros. Aos políticos, o único que lles interesa son os maxistrados do Tribunal Supremo, preferentemente os da Sala Segunda, como se está demostrando nestes momentos. Tamén os da Sala Terceira do contencioso, porque poden deitar abaixo moitas normas e decretos. E iso é o que verdadeiramente lles interesa. Entón, o que eu propoño é que, para o nomeamento de maxistrados do Tribunal Supremo, interveña, por suposto, o CXPX, mais non o Consello só. Que esas persoas sexan examinadas e que comparezan ante as comisións de Xustiza do Congreso e do Senado e tamén que faga un relatorio o Consello Xeral da Avogacía. Desta maneira, eliminamos as suspicacias de que era algo corporativo que se cocía entre xuíces. Isto pode ser o futuro, mais agora o que hai que despexar é o presente.

A sentenza contra Alberto Rodríguez

A sentenza é altamente preocupante por dous motivos: polo impacto político-constitucional que ten e pola forma ou a técnica xurídico-penal que foi empregada. Chama a atención que a única proba que hai é a declaración do policía, ao que se deu unha indemnización de 50 euros, o que indica que a cousa non debía ser tan grave, frente á declaración dun deputado, nese momento, do Congreso dos Deputados. Non hai máis proba. Isto é unha flagrante violación do principio de presunción de inocencia. Dino os dous maxistrados que fixeron un voto disidente. E, despois, no aspecto político-constitucional, realmente pode interferir esta sentenza na composición persoal do Parlamento? Eu creo que rotundamente non”.

Condenado a perder a acta de deputado

No fallo dise que condena a Alberto Rodríguez como autor dun delito de atentado a axente da autoridade á pena de 45 días. A pena de 45 días de prisión non existe no Código Penal español nin en ningún Código Penal do mundo civilizado. Neste caso, a lei di: “Se vostede chega a unha pena de prisión inferior a tres meses, obrigatoriamente ten que ser substituída a posíbel pena de prisión pola de multa”. A multa non produce ningunha inhabilitación. Fixeron unha manipulación do fallo e dixeron: “Non, non, vou limitarlle só o dereito de sufraxio pasivo”. Podían inhabilitalo durante 45 días, mais non o fixeron. Entón, que é iso da perda da condición de deputado? Por que? Que o expliquen. Acoden a ese artificio da “inelexibilidade sobrevinda”, que é un artificio intolerábel en dereito”.

A posición de Meritxel Batet

A señora presidenta actuou atemorizada ante a posibilidade de lle poren unha querela por desobediencia. Isto xa é o máis grave. Entramos nunha descomposición do Estado constitucional. En ningún país do mundo, o presidente dunha cámara pode ser condenado por desobediencia cando actúa no exercicio das súas potestades. A actuación da presidenta da Cámara paréceme absolutamente inaceptábel nun sistema democrático parlamentar, tal e como di o artigo 1 da Constitución. Un Parlamento é inviolábel e se unha presidenta decide aplicar o regulamento da cámara, ninguén, absolutamente ninguén, pode intervir. En Inglaterra, berce do parlamentarismo, desde 1698 rexe o Bill of Rights e no punto 9 di que ningún poder xudiciario nin ningún xuíz pode revisar ningunha resolución do Parlamento.

InfoLibre