O ex ministro Rodolfo Martín Villa, que formou parte do goberno da ditadura con Franco, acaba de recoñecer que podería ser considerado como “responsábel político e penal” dos supostos asasinatos e torturas cometidos nos anos 70 no marco do réxime.
Martín Villa -cuxo procesamento na Arxentina por delitos de lesa humanidade está suspendido á espera de novas probas- descartou, en todo caso, a existencia dun “plano sistemático, deliberado e xeneralizado” que fose encamiñado a eliminar adversarios políticos.
O que fóra titular de Interior pronunciou estas palabras nun almorzo informativo que supuxo a súa primeira intervención pública após que a Xustiza arxentina suspender o seu procesamento porque as maxistradas consideraron que non había “probas directas ou indirectas, indiciarias, variadas e/ou unívocas compatíbeis” cos delitos que lle eran atribuídos.
“Sería posíbel que nun rapto de tolemia puidese ser o autor material”, destacou esta segunda feira.
“O que non era posíbel é que eu formase parte dalgúns gobernos, en concreto da Transición, que trazaron un plano de apavorar os españois partidarios dun Goberno democrático”, engadiu.
Democracia e terrorismo
Do seu punto de vista, “dicir” que os dirixentes dos primeiros gobernos da democracia se dedicaban a eliminar a “as persoas máis representativas daquela etapa” é unha “mentira que ten a vida curta”.
“Non ten sentido que se use na querela esa palabra cando, se a Transición tivo un inimigo, foi o terrorismo”, explicou Martín Villa.