Na pasada cuarta-feira, o Ministerio do Interior derrogou a Orde de Servizo 6/2016 que establecia un réxime de inhumano de confinamento solitario e prolongado para persoas presas consideradas perigosas. A norma recibira numerosas críticas de organismos internacionais, de asociacións civis –entre elas EsCULcA– , do Defensor del Pueblo e de deputados no Congreso, no entanto foi necesario que unha xuíza ditase auto favorábel ao recurso dun preso para que o Ministerio a derrogase.

 

 

Un preso peligroso logra que se derogue una norma penitenciaria del PP

.

 

A decisión foi tomada despois de a xuiza de Vixilancia Penitenciaria de Alxeciras, María del Carmen Cañadas, ditar no pasado 28 de abril auto en que acepta a queixa presentada por F.V.A., preso galego clasificado no Ficheiro de Internos de Especial Seguimento (FIES), relativa ao trato que recibía no cárcere. No seu escrito, a maxistrada conclúe que o protocolo de isolamento solitario e prolongado é “contrario ao ordenamento xurídico español” e “crea un réxime de vida diferente e alleo ao contemplado no Regulamento Penitenciario”.

A Orde de Servizo de 6/2016 foi ditada en agosto de 2016, despois dun incidente protagonizado por oito funcionarios do cárcere de Puerto III (Cádiz) e o preso F.J.S.R., a quen a partir dese momento e até a súa morte no cárcere de Lama foi aplicado con todo o seu rigor o protoclo que agora a xuíza de Alxeciras declara ilegal.

Desde que a Orde fora cursada, as persoas presas clasificadas como FIES 1 -na altura 200 en todo o estado- foron recluídas en módulos de confinamento solitario, obrigadas a sairen ao patio apenas dúas ou tres horas ao día e sempre individualmente, sometidas a revistas corporais constantes -con frecuencia con nu integral- e expostas a inspeccións contínuas das súas celas. Cada vez que saían da cela debían ir coas mans alxemadas nas costas -ainda que se tratase dun traxecto curto no interior da prisión- e -como se quería evitar que coincidisen con outras persoas no percorrido- os funcionarios tomaban medidas estritas para prevenir calquera encontro casual. O obxectivo: impedir que estas persoas tivesen contacto humano, por mínimo que fose. Nin siquera na hora de comer (as comidas, na soledade da cela, eran entregadas por debaixo da porta) ou de pasar exame médico (a médica da Lama examinaba F.J.S.R. desde o xanelo da porta da cela e, cando foi achado morto, tamén foi alxemado antes de ela o examinar ).

No auto en que dá a razón a F.V.A., a maxistrada de Alxeciras lembra que a aplicación das medidas recollidas nese protocolo debían ter sido comunicadas en cada ocasión ao xuiz de vixilancia penitenciaria e que só poderían manterse “o tempo estritamente necesario”, nunca de maneira indefinida como se veu facendo até agora. Por iso, conclúe, “debe deixar de ser aplicado pois é contrario ao ordenamento xurídico español”. E resalta que ningún réxime de vida prisional contempla “o isolamento absouto de forma indefinida da persoa privada de liberdade nin o uso ordinario dun medio coercitivo como son as alxemas”.

Segundo a información de que dispón EsCULcA, no momento de a Orde ser derrogada había nos cárceres galegos dúas persoas a quen se aplicaba este infame protocolo.

 

Algunhas das notícias publicadas en EsCULcA sobre a Orde de Servizo 6/2016

 

Escrito de EsCULcA ao DP por vulneración de dereitos fundamentais a preso en Teixeiro

Defensor del Pueblo rectifica e asume tratamento cruel a preso en cárceres galegos

Morre na Lama preso suxeito a tratamento non amparado por norma legal ou regulamentar

O Defensor del Pueblo recoñece irregularidades no tratamento a preso no cárcere de Teixeiro

Pergunta ao goberno sobre confinamento solitario de réxime especial e morte na Lama