A Corte de Apelación de París analisou hoxe a cuarta euro-orde presentada pola Audiencia Nacional contra Iratxe Sorzabal. O avogado xeral pediu recusar a entrega dando credibilidade aos relatorios sobre torturas.

 

Movilizacion-sorzabal

                                            Movilización en Irun (2018) en defensa de Iratxe Sorzabal. (Jon URBE/FOKU)

 

A Corte de Apelación de París analisou hoxe a cuarta orde de entrega presentada pola Audiencia Nacional española contra a presa vasca Iratxe Sorzabal. O tribunal dará a coñecer a súa decisión no 16 de decembro.

Contodo, e despois da aceptación das tres euro-ordes presentadas anteriormente polas autoridades españolas, compre salientar que o novo procurador xeral da Corte marcou unha posición propia, dando credibilidade aos diferentes relatorios que respaldan a denuncia de torturas presentada pola presa de Irún a seguir a súa detención en 2001, en Hernani, pola Garda Civil. En particular, o procurador público deu valor ao relatorio presentado pola doutora Itsaso Idoiaga durante o xulgamento e á proba pericial realizada por un forense francés con base no Protocolo de Istambul.

Na audiencia foron postas en causa tanto as declaracións en período de incomunicación como a ‘falta de solidez’ da documentación remitida por Madrid cando se lle requereu certificar que dispón doutras probas contra Sorzabal que non sexan a súa declaración auto-inculpatoria en período de incomunicación.

Por esta razón, o procurador pediu recusar a euro-orde, unha posición que a avogada de Sorzabal saudou con satisfación.

No entanto, a avogada Xantiana Cachenaut, que estivo apoiada na vista polo ex-maxistrado da Corte de Versalles Serge Portelli, e polo letrado de Estrasburgo e especialista en dereitos humanos Grégory Thuan Dieudonné, insistiu, como fixera xa noutros procesos en casación, ainda que sen obter resposta favorábel, no pedido de elevar ao Tribunal de Luxemburgo a solicitude de que fixe un criterio xeral.

Concretamente, pediríase ao Tribunal de Xustiza europeo que estabeleza cal é a actitude que debe seguir un Estado, neste caso a Franza, ao recibir unha orde de entrega baseada, como sostén a defensa de Sorzabal, nunha denuncia de torturas e portanto nunha eventual violación dos dereitos humanos.

Se a corte francesa aceptar elevar este pedido, no parecer da defensa de Sorzabal sería posíbel dispor dun criterio que, caso ser favorábel á tese de que para o Estado que recibe a petición debe primar a defensa dos dereitos humanos sobre o principio de mutua confianza, obrigaría a recuar nos pronunciamentos que tiveron lugar nas tres demandas de entrega que pesan sobre a presa vasca, aceptadas xa pola xustiza francesa.

MAITE UBIRIA

Naiz