É un dos centenares de xuízos que se celebrarán nesta terza feira nos xulgados de Barcelona, mais chama a atención polo castigo que solicita a Procuradoría. O ministerio público pede catro anos e dez meses de cárcere para un home por roubar un bocadillo nunha panadaría de Barcelona no pasado mes de marzo. A chave do caso e da petición de pena tan elevada áchase no uso ou non da violencia por parte do acusado, un home en risco de exclusión social e sen antecedentes, para cometer o roubo.

 

Varios jóvenes han dormido en la sala de espera de la Ciutat de la Justícia por el colapso de los centros de acogida

 

No seu escrito de acusación, a Fiscalía asegura que o home “esgrimiu un obxecto metálico cortante similar a unha lata de bebida rota” e “fixo ademán de cortar” unha das empregadas da panadaría para lograr o seu obxectivo, que non era outro que levar o bocadillo sen pagar. “Obter un beneficio patrimonial ilícito”, en palabras do procurador.

Por contra, o home, que foi detido poucos minutos despois do furto polos Mossos d’Esquadra, manifestou á policía catalá que rompeu a lata para facerse cortes nos brazos, que efectivamente practicou (na causa obran fotografías das autolesións), diante das empregadas da panadaría “para demostrar que tiña fame e chamar a atención”. É dicir, que foi un furto sen violencia e para levar algo para comer á boca.

No xuízo comparecerán como testemuñas as dúas empregadas da cafetaría. Unha delas declarou á policía que, antes de coller o bocadillo, o acusado dirixiuse a un dos clientes do local para pedir que lle comprase algo para comer. Ante a negativa do cliente, explicou que o acusado se dirixiu ao mostrador onde se expuñan os bocadillos e, despois de preguntarlle que quería, “sacou un obxecto afiado” e esgrimiuno” diante delas antes de coller un emparedado e saír do local.

O feito de “esgrimir” a lata contra as empregadas ou para cortarse a si mesmo será unha das chaves do xuízo. Ademais, testemuñas e acusado coinciden en que non fixo ningún intento de roubar o diñeiro da caixa ou obxectos do local de moito máis valor que o bocadillo. No entanto, a Fiscalía cre que os feitos son constitutivos dun delito de roubo con violencia e intimidación e uso de arma en establecementos abertos ao público, e ademais da pena de cárcere pede que o acusado pague as costas do procedemento e non se poida presentar durante o mesmo período como candidato a calquera convocatoria electoral.

Ao interpretar que a lata foi usada como arma intimidatoria, o procurador non solicita que o furto se castigue cunha multa senón que pede catro anos e dez meses de cárcere, só dous meses menos que a pena máxima contemplada por este delito, que é de cinco anos. O martes, após a declaración de acusado e testemuñas, o fiscal dirá se mantén a súa petición de pena. O ministerio público chegou pedir o ingreso en prisión provisoria do home despois de este non se presentar nunha primeira comparecencia, algo que a súa avogada, da quenda de oficio, evitou ao constatarse que os problemas económicos do acusado lle impediran chegar ao xulgado na súa primeira citación.

Oriol Solé Altimira

eldiario.es