Mohamed Reda Ben Zaza na Quintana o 25 de xullo

 

O Rif continúa a ferver. As masas que se ergueron en 2016 contra a vulneración dos dereitos humanos máis básicos por parte de Marrocos non se dan en absoluto por vencidas, pese á dureza da represión. É un país virtualmente ocupado, “militarizado”, segundo a expresión de Mohamed Reda Ben Zaza, o portavoz do Hirak [Movemento Popular do Rif] no exilio. “Felizmente o pobo está organizado e unido”, afirma. Ben Zaza asistiu en Compostela aos actos do Día da Patria Galega, convidado polo BNG.

 

A brutal represión desencadeada por Rabat no Rif levou á cadea a centos de militantes do Hirak, entre eles o seu líder Nasser Zefzafi. Marrocos tencionaba afogar un movemento popular portador de demandas tan elementais como a criación dun hospital oncolóxico ou o fin do apartheid da lingua amazigh nos xulgados

Os secuestros e as torturas son a norma no Rif desde entón (en realidade sono desde que en 1958 o Estado marroquino decretou unha sorte de estado de excepción que continúa en vigor). A represión non só encheu as cadeas, senón que abocou ao exilio militantes do movemento popular. “Abandonamos o país para continuarmos a loita”, di Mohamed Reda Ben Zaza nesta entrevista con Sermos Galiza. Mestre de formación, mora en Madrid desde 2017. Na capital do Estado español atopou traballo na hostelaría.

“No Rif exercía como portavoz das asembleas [o Hirak é basicamente un movemento asembleario] e agora continúo a facer o mesmo, só que desde o exilio”, explica a Sermos horas antes de tomar un avión que o leve a Compostela na que constitúe a primeira presenza dun representante do movemento rifeño no Día da Patria Galega.

Como está neste momento a situación no Rif?

Vivimos un drama prolongado, coa economía moi castigada e cunha situación política que se agrava por momentos. Temos moitos compañeiros na cadea. A represión vívese día a día nas rúas. Vense furgóns do exército a calquera hora.

Podemos falar de ocupación?

Podemos falar de militarización. O Rif está militarizado desde 1958 [ese ano Rabat lanzou unha durísima campaña contra o movemento popular rifeño, co uso de gases venenosos. Houbo por volta de 8.000 mortos]. O Exército está nas rúas. Non sei se hai outro lugar no mundo en que exista unha militarización estabelecida por decreto desde 1958.

E como é a vida cotiá nesas condicións?

Moi dura. Unha das principais fontes de ingresos é o mar, o porto de Alhucemas, a pesca. Nese ámbito, do que viven moitas familias, hai unha corrupción estrutural. Contra esa corrupción levantouse un rapaz, un pescador de 31 anos, Mouhcine Fikri. A súa horríbel morte, triturado por un camión do lixo, foi o detonante do movemento contestatario e popular.

 

“Non sei se hai outro lugar no mundo en que exista unha militarización estabelecida por decreto desde 1958”

 

En que consiste a corrupción?

En que para sacar o peixe do porto tes que pagar mordidas. Fikri negouse e foi triturado.

Quen controla a corrupción?

Brazos importantes do réxime marroquino. O actual ministro de Agricultura e Pesca, moi afín ao Rei Mohamed VI. É unha das maiores fortunas do país. Unha das principais reivindicacións do Hirak é que se faga xustiza e sexan levados perante os tribunais os responsábeis da morte de Fikri.

Que posibilidades existen de conseguirdes a liberación do líder do voso movemento, Nasser Zefzafi?

A chave está na presión que se poda facer sobre a comunidade internacional. Presión que temos que a facer desde o exilio, porque no Rif se se reúnen máis de 5 persoas xa actúa a represión. Os organismos internacionais teñen que deixar de ollar para outro lado.

Como avalía nese sentido a postura da UE fronte ao conflito que se vive no seu país?

A posición da UE é moi covarde. Cando falan de dereitos humanos é pura maquillaxe, porque o que fan na práctica é antepor os intereses comerciais, o seu acordo de pesca con Marrocos, á protección das persoas que sofren a persecución, o secuestro, o exilio. Existe un lobby moi poderoso, o Majzen, e a UE prégase a el.

 

“No Rif se se reúnen máis de 5 persoas xa actúa a represión”

 

O Majzen é a coroa?

É a monarquía, mais son tamén todos os tentáculos de que dispón o réxime para controlar os pobos.

Nasser Zefzafi foi condenado a 20 anos de prisión por sedición. Inevitábel pensar na situación á que se enfrentan os líderes independentistas cataláns, acusados de cargos similares…

A cuestión de Catalunya énchenos de tristeza. Que haxa persoas na cadea por defenderen as súas ideas é algo que non pode acontecer nunha sociedade no século XXI. O seu encarceramento altera a convivencia. Deter persoas polas súas conviccións políticas non é o camiño para construír un mundo mellor.

Cal é o obxectivo último do voso movemento? Reconstituír a República do Rif ou lograr unha autonomía dentro do Reino de Marrocos?

O noso movemento non puxo sobre a mesa a cuestión do encaixe do Rif en Marrocos. As nosas reivindicacións condénsanse en 51 puntos. Son cuestións socio-económicas moi concretas que as formulamos desde a nosa terra, mais que tamén poderían ser postuladas desde calquera territorio de Marrocos. Ningún deses 51 puntos fala nin de independencia nin de autonomía nin de autodeterminación. Non é o momento de falarmos diso agora. Necesitamos que antes diso o noso pobo saía da marxinalización á que está submetido pola ditadura marroquina.

 

“A cuestión de Catalunya énchenos de tristeza. Que haxa persoas na cadea por defenderen as súas ideas é algo que non pode acontecer nunha sociedade no século XXI”

 

Rabat gábase de que grazas á última reforma da Constitución a lingua do Rif, o amazigh, xa ten rango de idioma oficial…

A nosa lingua ten sido historicamente maltratada. Nos xulgamentos os meus compañeiros víronse obrigados a falar en árabe. Obrígante na túa terra a falar nun idioma que non dominas ben. Que a Constitución recoñeza agora a súa oficialidade… aplaudímolo, mais o que en realidade están a facer é arabizando a miña terra. Felizmente, o Rif está agora organizado, estamos unidos como pobo perante un rexime que nos está esmagando. Felizmente dixemos basta. Basta de, por exemplo, non podermos falar na nosa lingua perante as administracións públicas!

Esta é a primeira vez en que un representante do Hirak acode ao Día da Patria Galega. Como se xestou o convite?

Nos últimos anos traballamos arreo nas institucións comunitarias e nelas atopamos a axuda de Ana Miranda. Ela foi un dos motores do traballo político para pormos en destaque a vulneración dos dereitos humanos no Rif. Dese labor naceu o Grupo de Amigos do Rif no Parlamento europeo. Ben, cando recibimos o convite do BNG para vir ao Día da Patria Galega, aceptamos encantados. Temos moitos trazos en común co pobo galego, somos pobos condenados á emigración os dous. E desde logo ilusiónanos moito a nosa presenza no Día da Patria Galega, ilusión por estarmos cabo de representantes doutros pobos do mundo que tamén loitan pola súa dignidade, pola súa identidade.

Sermos Galiza