O falecido, Víctor Campos Vera, levaba días cambaleando nos corredores e caendo da cadeira na hora para cear. Apesar de iso, ningún funcionario lle brindou asistencia, limitáronse a levalo á cela, segundo relatan os seus compañeiros presos.

 

Catalunyapress brians17g                                        Wikipedia

 

Es nai. O teu fillo chámase Víctor Campos Vera. Está en prisión preventiva dun ano que pode ser prolongada outros seis meses e enfrenta unha pena de tres ou catro anos. Non o sabes, mas el é consumidor. Sobretodo pílulas. El coméntao cos compañeiros presos. A que tamén di, nalgunha ocasión, que ten vontade de suicidarse. Resúltalle complicado convivir coa sensación de asfixia e a violencia. Dous atributos que definen a experiencia no centro prisional de Brians II. Os seus compañeiros cada día o ven peor: cambalea nos corredores e na hora da cea adormece e cae da cadeira. Apesar de velo nesa condición deplorábel e perigosa, ningún funcionario lle brínda asistencia. Ollan para outro lado, como se non pasase nada e lévano á cela.

Sobre as 21 horas do día 14 de novembro, na hora do reconto, actívase un código cero porque Víctor xa non responde. Comezan as corridas, osixéneo, ambulancia. Todo en van. Víctor falecera. Víctor falecera por abandono, por desidia, por falta de coidados e de atención das persoas responsaeis da súa saúde e da súa vida.

No día seguinte, non te avisan de que o teu fillo faleceu. Sabes da súa morte porque a muller doutro preso te chama para informarte. Entón vas a correr ao cárcere e confírmanche o desfecho fatal dúas persoas que están na porta. Outras dúas lévante a un cuarto onde o director, Juan Carlos Navarro, che di que “foi unha sobredose e pouco máis”. Ao ouvires isto comezas a desesperar e non consegues entender nada máis.

A asociación Families de Presos de Catalunya chama a prisión e pede cita para que expliquen á nai o que aconteceu. Recusada. Póñense en contacto coa Sra. Teresa Capell, xefa de Traballadores Sociais de Brians II, e contéstalles que valorarán se lles dan a cita ou non. Ante a súa insistencia e alegando que quen ten que valorar se quere ou non a reunión é a nai de Victor, finalmente conseguen marcar un encontro co Señor Navarro.

Pasa máis dun mes desde o falecemento de Víctor. Por fin podes entrar no gabinete do director do centro. Vas con Gracia Amo, outra das nais que perdeu o fillo no cárcere. Levas unha lista con sete preguntas para facer ao director e ficas na terceira. O señor Navarro non contesta as preguntas e responde con evasivas. ” Botounos do despacho “, explica Gracia Amo. ” Tentamos preguntarlle que por que non comunicaran con ela cando o fillo tivera sarna ou non llo dedicaron a tempo” continúa relatando. ” El respondía que había protocolos e vixilancia as 24 horas”, entre outras cousas, o que Gracia Amo califica de mentira, e enfatiza que xa lles gustaría que ” todo isto fose verdade mais que non sempre o é”.

“Non nos deixou nin terminar a entrevista”, subliña. “Levantouse e díxonos fóra do meu despacho sinalando a porta aberta, botounos á rúa”, apunta. Despois de saír pola porta, ” eu pregunteille en voz moi baixa porque non avisaron esta señora da morte do fillo e aínda tivo o valor de dicirnos que a chamaran”, detalla. ” Non recibira ningunha chamada, vergoñoso que se bote do despacho do director do cárcere dúas nais cuxos fillos faleceron alí. É unha tremenda falta de respecto para unha nai que acaba de perder o fillo con 27 anos e unha clara falta de educación cara todas as familias. Isto non vai ficar así polo meu fillo que tamén o matastes aquí”, di Gracia.

Esta é a situación que viviu a nai de Víctor Campos Vera. Mais como esta hai moitas máis. En 2017, dous reclusos de Can Brians II morreron tamén por sobredose nun fin de semana. Nese altura, a orixe e vía de entrada das substancias no centro prisional aínda se investigaba. En 2022, os Mossos d’Esquadra detiveron catro traballadores do cárcere de Brians acusados de introduciren droga no presidio. Entre os detidos había catro traballadores prisionais: tres funcionarios de carreira (dous homes e unha muller) e un traballador do Centre de Iniciatives per a Reinserció, o CIRE, o departamento dependente da conselleria de Xustiza reponsábel pola elaboración os obradoiros e as actividades para os presos.

No caso de Víctor aínda non se sabe que tipo de substancias provocou a morte, xa que aínda non saíu o resultado da autopsia. Contodo, a súa situación podria ter outro desenlace se os funcionarios testemuñas do seu estado “non lle tivesen dado as costas” asegura Gracia. “En Brians II hai moita dor, moita falta de agarimo e a xente daí non se cura, apodrece”, conclúe.

Catalunya Press