Unha presa faleceu na pasada segunda-feira no cárcere de Iruñea, segundo informou Salhaketa Nafarroa, que denuncia que esta morte se produce dous meses despois de o Goberno navarro ter asumido a competencia de sanidade penitenciaria. Apesar diso, non hai médico de garda a determinadas horas.

 

La nueva cárcel de Pamplona entrará en funcionamiento en enero tras una  inversión de 100 millones - Diario de Noticias de Navarra

 

A asociación de apoio a persoas presas Salhaketa Nafarroa denuncia que na madrugada da pasada segunda-feira faleceu unha presa no módulo de mulleres do cárcere de Iruñea. «Ao que parece, foi a compañeira de cela da falecida quen tivo de avisar o cárcere, através do interfono da cela, do que estaba a acontecer pois a intervención tanto do centro prisional, como dos profesionais médicos, non foi todo o áxil que sería de esperar nunha situación así», denuncia Salhaketa Nafarroa.

«É importante sinalar que este falecemento se produce apenas dous meses despois de o Goberno de Navarra ter asumido a competencia sanitaria do cárcere de Iruñea. Apesar diso, a cadea segue sen contar cun médico/a de garda de maneira presencial as 24 horas do día, medida absolutamente necesaria se se ten en conta as circunstancias sanitarias específicas das persoas presas», engade este colectivo.

Por iso, ante esta nova morte en prisión e tendo en conta a asunción da sanidade penitenciaria, Salhaketa Nafarroa solicita ao Goberno navarro que de forma urxente implemente no cárcere de Iruñea un médico de garda de maneira presencial as 24 horas do día. Así mesmo, solicítase a revisión dos protocolos de funcionamento, actuación dos servizos médicos así como os protocolos de aviso, derivación aos servizos médicos por parte do centro prisional.

Por último, esixe ao Goberno navarro que ofreza atención psicológica urxente a todas as mulleres presas no cárcere de Iruñea que así o desexen para poder enfrentar a este acontecemento.

«Este falecemento súmase á longa lista de persoas que morren en prisión. Así, segundo datos facilitados pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciaria (SGIP), entre xaneiro de 2015 e decembro de 2019 terían morrido nos cárceres dependentes dela 862 persoas presas. No ano 2020 o número de falecementos foron 204. No que vai de ano 2021, asociacións en defensa de dereitos humanos afirman ter coñecemento de polo menos 67 falecementos, contodo, afirman que, de certeza absoluta, a cifra oficial será superior», destaca Salhaketa Nafarroa.