Segundo noticias recollidas por EsCULcA, no mes de decembro do pasado ano morreron no cárcere da Lama outros tres presos, dous deles por sobredose de metadona. A circulación de fármacos no interior dos cárceres é facilitada pola dispensación de varias doses nunha única entrega debido á falta de persoal sanitario suficiente para distribuir o medicamento de forma regular. Un problema denunciado en numerosas ocasións mais que Institucións Penitenciarias non parece interesada en resolver.
Tres novas mortes
Hai agora pouco máis dun mes morreu morreu no módulo 1 do cárcere da Lama un interno (alcumado El Chapo) por sobredose de metadona. Segundo a información que chegou a EsCULcA a dirección do presidio tería aberto unha investigación para averiguar a orixe da substancia e apurar responsabilidades.
Unha semana máis tarde, nesta ocasión no módulo 2, morreu outro interno (alcumado El Yoky) e tamén neste caso por sobredose de medicación.
No mesmo módulo 2, e nas mesmas datas aproximadamente, outro preso (Juan José) entrou en morte cerebral e foi derivado ao hospital, onde finalmente faleceu.
Como xa foi reiteradamente denunciado por asociacións de defensa dos dereitos das persoas presas e mesmo por sindicatos de funcionarios de prisións, a liberdade con que circulan substancias opióides no interior dos cárceres está na orixe de numerosas mortes por sobredose. Esa circulación se debe en grande medida á dispensación de varias doses diarias nunha única entrega, un problema que ven de vello cuxa orixe está na falta de persoal sanitario suficiente para realizar a distribución cada día.