Alerta Solidària pede “valentía” á xuíza para inhabilitar o axente coñecido co malnome de “Malamadre”. Irídia comparece como acusación popular e insta o corpo a revisar os protocolos.

 

Conferencia de prensa diante dos xulgados do Hospitalet con David Aranda e Ramon Gómez. | Aida Morales

 

Non é o primeiro caso, mais sí é un dos últimos en que a mala praxe policial resulta máis difícil de xustificar. No pasado 29 de maio, un equipo de dous axentes dos Mossos d’Esquadra interviron nun predio da rúa Miquel Romeu do Hospitalet de Llobregat para despexar un apartamento ocupado, mais todo indica que se excederon das súas funcións. Nomeadamente porque os dous ocupantes do apartamento resultaron feridos, un deles, que posteriormente perdeu un ollo, de carácter moi grave. Que foi o que causou a ferida e que pasou realmente é o que a xuíza do xulgado de instrución 2 do Hospitalet está investigando.

Diferentes elementos sustentan a incorrecta actuación dos dous axentes do corpo policial, alén da declaración das dúas persoas feridas, segundo argumenta Alerta Solidària e o Centre per la Defensa dels Drets Humans Irídia,que levan a defensa da acusación popular. En primeiro lugar, porque se trataba dun despexo ilegal, xa que había un mes que as persoas vivían no lugar e non constaba orde xudicial que xustificase a entrada no domicilio. En segundo lugar, porque tanto as características do apartamento como a valoración dos servizos médicos que atenderon o caso apuntan para un golpe de porra estensíbel na cara, e non a unha autolesión feita con obxecto punzante, tal como argumentan os axentes na acta policial e reiteraron perante a xúiza.

Un despexo cheo de enigmas

Os feitos aconteceron no 29 de maio no Hospitalet, cando dous axentes foron ao apartamento para o despexaren, despois de a propietaria ter denunciado a ocupación. Neste caso, porén, os Mossos alegan que se trataba dunha tentativa de usurpación de bens inmóbeis que, como non fora consumada -quer dicir, consideraban que a ocupación non fora levada a cabo- non requería orde xudicial. Os ocupantes, no entanto, xa instalaran as súas pertenzas persoais e o apartamento era o seu lugar habitual de residencia, un feito que os avogados de Alerta Solidària esgrimiron diante da xuíza.

Cando Ramón Gómez – a persoa que perdeu o ollo- abriu a porta, observou dous axentes á paisana, e aí comezou un tira-puxa que acabou cunha barra de ferro interposta entre a porta e a parede, que impedia que esta pudese ser fechada. Segundo o avogado de Alerta Solidària, David Aranda, foi nese momento cando os mossos tiraron de porra estensíbel e golpearon directamente a cara do ocupante do apartamento, embora os axentes afirmen que foi Gómez quen, coa barra de ferro, deu unha pancada na súa propia cara. “O problema é que a porta abre para o interior e é imposíbel sacar a barra”, explica o letrado, que argumenta a dificuldade de que Gómez se tivese autolesionado só. Non obstante, lamenta: “Tentan vestilo así”.

 

Ramon Gómez, despois de ser atendido na UCI por un golpe no ollo. Foto: Cedida

 

Unha vez dentro do apartamento, continúa explicando Gómez, os dous axentes entraron e comezaron a mallar neles. “Sacáronnos a hostias e co resultado que estades vendo agora”, denuncia, antes de lembrar que nada lle devolverá a vista. Dalí, a el leváronno detido e ensangrentado ao Centro de Atención Primaria que, posteriormente, o envio con carácter de urxencia á Unidade de Curas Intensivas (UCI): “Cando chegamos á UCI eu estaba desorientado e acompañado por mossos, custodiado, e eles comezaron a dicir que me dera un golpe cunha barra de madeira, despois de ferro…, e o médico ao velo mandounos marchar da sala”. No que di respecto ao compañeiro, foi atendido de diversas lesións e hematomas.
Segundo relata o avogado, a Gómez non lle permitiron mudarse de roupa -estaba en pixama e cheo de sangue- até pasar a disposición xudicial. Aliás, durante a operación non puido recibir visitas, e cando saiu do hospital estaba “nunha situación bastante lamentábel”.
Peden valentía á xuíza

As irregularidades e gravidade do caso levaron Alerta Solidària a recomendar a Gómez interpor denuncia e, actualmente, hai unha investigación xudicial aberta cun mosso investigado por suposto delito de lesións con perda de órgao principal. Tamén demandan que lle sexa imputado outro delito de violación de domicilio porque os dous axentes entraron sen orde xudicial e sen mediar causa xusta. Pola súa parte, os Mossos d’Esquadra acusaron o ferido dun suposto delito de atentado á autoridade, e admitiron ter utilizado a defensa regulamentar, mais á altura da cintura.

“Hoxe pedimos á xuíza de instrución que teña valor para levar adiante o procedemento xudicial, inhabilitar os axentes e decretar a abertura de xuízo oral”, explica Aranda, diante das portas do xulgado. Asi mesmo, di, puxemos os feitos en coñecemento do Síndic de Greuges, que está estudando a situación. Irídia, pola súa parte, anuncia que comparecerá durante os próximos días como acusación porque “é un caso moi grave que non pode volter repetirse”. Alías, explica o seu codirector, Andrés García, “xa hai moito tempo que se avisa de que os mosos non respectan a legalidade na hora de despexar casas”.

Alerta Solidària tamén pede que o mosso implicado sexa afastado temporariamente das súas funcións, e que se impute o seu compañeiro polos mesmos delitos. Este tándem policial integrado no grupo de delincuencia urbana dos Mossos d’Esquadra, subliña, é coñecido no Hospitalet co mal nome dun deles, o “Malamadre”. É máis, os dous están implicados noutros procedementos xudiciais que están sendo investigados por despexos irregulares na mesma cidade.