Unha moza permanece ingresada no Hospital de Cruces despois de un proxectil disparado pola Ertzaintza ter impactado no seu rostro no decurso das cargas que tiveron lugar o sábado para disolver as persoas que protestaban ante un acto político de Vox no Palacio Euskalduna. A moza bilbaina, de 19 anos, ten o maxilar fracturado por dous puntos.

 

Herida

 

A veciña de Bilbo permanece no centro hospitalar de Cruces, agardando que diminúa a inflamación que lle produciu na cara o impacto do proxéctil disparado por un axente da Brigada Móbil da Ertzaintza a poder ser operada. Nunha primeira observación, explican os familiares, os médicos acharon unha dobre fractura de maxilar na parte dereita do rostro, o que obriga a unha intervención cirúrxica e é posíbel que sexa preciso implantar unha placa.

A seguir a morte de Iñigo Cabacas polo impacto dunha bola de goma, os ertzainas comezaron a utilizar proxectís de foam, teoricamente moito máis precisos e menos lesivos, seguindo o ronsel dos Mossos d’Esquadra, aínda que desde distintos colectivos xa se advertiu do carácter letal desas balas. Fontes da Ertzaintza informaron a NAIZ que os axentes empregaron o material adscrito á Brigada Móbil con lanzadores de 45 milímetros.

A xoven, relatan, chegou consciente ao hospital, onde foi conducida por unha ambulancia. Foi a propia vítima quen requiriu o auxilio a un ertzaina de paisano para que chamase os servizos de emerxencia.

Ao chegar ao hospital, vendo a gravidade das feridas, e logo após unha primeira exploración, proporcionáronlle medicación para rebaixar a inflamación, paso previo a que lle sexa practicada calquera operación con cirurxía aberta. A moza, que está consciente e pode falar, espera que hoxe poida ser intervida.

A vítima, segundo as súas explicacións, acudira a manifestarse «pacíficamente» ante o mitin que ofreceu Santiago Abascal no Palacio Euskalduna. Segundo o seu relato, a actuación policial comezou cunha carga por parte dun grupo de ertzainas contra os antifascistas que estaban na zona do parque de Dona Casilda Iturriza ao seren atiradas algunhas pedras, aos que seguiron o outro grupo en que se dividiu a barreira inicial da Brigada Móbil. Onde ela estaba, asegura, non se lanzou ningún obxecto aos axentes.

Viulle ao axente

Ao ver que as cargas se estendían, deu a volta e comezou a correr para fuxir do lugar. Nese momento, no medio do ruído das detonacións, os berros e as carreiras, viu como un ertzaina apuntaba coa súa arma á cara, movendo ela instintivamente a cabeza. Apesar diso, notou o forte impacto do proxéctil e a seguir, comezou a sangrar.

Nese instante, alarmada, reclamou o auxilio dos ertzainas. «Comecei a dicir que, por favor, axúdenme, que me doía moito. Eles tratáronme como unha puta merda», quéixase. Consciente de que estaba ferida, a moza recriminou aos membros da Ertzaintza a súa actitude, apuntándolles que algún dos seus fillos podería estar naquela mobilización. «Buscáchelo ti por estares aquí, é o que me responderon», lembrou desde o cuarto do Hospital de Cruces.

«Apuntoume á cara», insiste a vítima en tanto os seus familiares buscan probas gráficas do que aconteceu entre os medios de comunicación e particulares que cubriron o protesto. Apuntan que estudan interpor unha denuncia, incidindo no feito de o disparo ter sido efectuado á cabeza a unha distancia non superior aos 10 metros. «Segundo temos entendido, a normativa sobre o uso deste material non permite disparar directamente ás persoas, si ao chan», manifestan.

Hoxe mesmo, o alcalde de Bilbo cualificou os incidentes ocorridos nos arredores do Euskalduna como «absolutamente intolerabeis, indecentes e sobran absolutamente». Juan Mari Aburto dixo que a Ertzaintza e a Policía Municipal estiveron «á altura das circunstancias», cualificándoo de «notábel».

Detidos en liberdade

As catro persoas detidas nos incidentes do sábado, que foron postas a disposición xudicial hoxe, ficaron en liberdade por decisión do xuíz de garda de Bilbo. As catro, dous homes e dúas mulleres, están acusadas de desordes públicas.

A quinta detida, unha muller, arrestada por «atentado á autoridade», foi posta en liberdade pola propia Ertzaintza a noite do sábado, informaron fontes do Departamento de Seguranza.

AGUSTÍN GOIKOETXEA