No plano de desconfinamento anunciado polo Goberno non se recolle unha única mención a normativa aplicábel a establecementos prisionais. Significa este silencio que até mediados de xullo estarán en vigor as mesmas condicións restritivas de dereitos para a poboación recluída? Así o denuncia un grupo de mulleres de presos do centro da Lama, que remeteron Queixas á Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias e ao Defensor del Pueblo en que solicitan que sexan revertidas as limitacións que afectan os seus homes desde que foi decretado o estado de alarma.

 

 

 

O decreto de desconfinamento, que se divide en 4 fases, ‘marxinaliza a poboación reclusa’ (unhas 59.000 persoas en todo o Reino de España), ‘ao obviar referencia algunha á posibilidade de circular polo polideportivo, nin de acudir ao ximnasio ou á escola do centro’, onde foron suspendidas as clases.

Entre outras medidas que se aplican no interior dos cárceres, estas mulleres citan a suspensión de visitas familiares en locutorios, igual que os cara a cara e as licenzas de saída, que foron eliminadas para evitar contaxios. Aos reclusos ‘tampouco é permitido recibir os pacotes de roupa limpa que lles facían chegar as súas familias; durante os primeiros 15 días de confinamento xeral nin sequera puideron lavar a súa propia roupa’. Outra medida restritiva consiste na prohibición de as familias enviaren aos presos efectos persoais através do servizo de Correos.

O ministerio do Interior comprou 250 terminais telefónicos para efectuar video-chamadas desde as prisións, co obxectivo de paliar a situación de distanciamento familiar agravado. Contodo, esta opción se concede cando se produce unha doenza grave ou o nacemento dun fillo, que dicir, en casos excepcionais. As mulleres de presos da Lama únense ás queixas efectuadas por asociacións de varios puntos do estado e reclaman que se poña fin á demora dos procedementos regulados e que sexan incluídas as persoas privadas de liberdade nas medidas aplicabeis nas diferentes fases de desconfinamento. Finalmente, reclaman que se lles transmita información caso se detectar algún contaxiado dentro das prisións.

L.C.

El Correo Gallego