Aplicóuselle a ‘Lei mordaza’ e multárona sob a acusación de “desobediencia á autoridade”, apesar de que a propia normativa permite facer fotos de actuacións policiais e non autoriza os axentes a reclamar a súa eliminación.

 

La fotoperiodista Mireia Comas en una imatge d'arxiu.             A fotoxornalista Mireia Comas nunha imaxe de arquivo. ? ACN

 

 

Máis de dous anos despois de PSOE e UNIDAS podemos asinaren o acordo de goberno, a derrogación da actual Lei de seguranza cidadá (a normativa 4/2015, popularmente coñecida como Lei mordaza) está pendente e a lexislación continúa a ser aplicada cuestionando o dereito á información. Un dos últimos exemplos sófreo a fotoxornalista de Terrassa (Barcelona) Mireia Comas, que na semana pasada recibiu unha sanción de 601 euros, sob a acusación de desobedecer os axentes da autoridade.

Hai case sete meses negouse a eliminar unha foto a pedido dun axente policial, unha demanda que, como lembra en declaracións a Público, non autoriza a Lei mordaza. Comas presentou alegacións contra a multa. A orixe dos feitos remóntase ao 30 de xuño do pasado ano, cando Comas cubría unha operación policial no bairro de Ca n’Anglada da súa cidade. Despois de tirar varias fotografías, un axente dos Mossos d’Esquadra (pertencente á ARRO, unha das unidades con funcións de antidisturbios do corpo) achegóuselle para lle esixir eliminar unha das imaxes, o que ela recusou.

 

A lei mordaza fala de “desobediencia ou resistencia á autoridade ou aos seus axentes nas súas funcións”

 

“O que prevalece é o dereito á información. O que está penalizado segundo a lei é o mal uso da fotografía ou que poña en perigo a actuación policial ou os propios axentes, mais calquera cidadán ten dereito a gravar unha actuación policial. Non lle poden dicir nada se o fai”, subliña Comas. A fotoxornalista identificouse e foise “despois de me ameazaren se non marchaba”. Ela mesma subiu un vídeo en Twitter coa conversa co axente dos Mossos.

Que establece exactamente a Lei mordaza? Á fotoxornalista aplicóuselle o artigo 36.6 da normativa que, en concreto, di que é unha infracción grave “a desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións, cando non sexan constitutivas de delito, así como a negativa a identificarse a requirimento da autoridade ou dos seus axentes ou a alegación de datos falsos ou inexactos nos procesos de identificación”.

Comas identificouse correctamente co DNI e a acreditación profesional e a petición do axente de eliminar a fotografía non está amparada pola lei, que no seu artigo 36.23 fixa tamén como infracción grave “o uso non autorizado de imaxes ou datos persoais ou profesionais de autoridades ou membros das Forzas e Corpos de Seguranza que poidan pór en perigo a seguranza persoal ou familiar dos axentes, das instalacións protexidas ou en risco, o éxito dunha operación, con respecto ao dereito fundamental á información”.

 

Comas subliña que non incumpriu a lei e é acusada de desobediencia á autoridade, mais sen especificar os feitos

 

A fotoxornalista non utilizou a imaxe e, portanto, non tería vulnerado a normativa. Neste sentido, nas súas alegacións Comas subliña que non incumpriu a lei e resalta así mesmo que a sanción a acusa de desobediencia á autoridade, mais non especifica os feitos. Unha instrución de outubro de 2018 ratificada pola Audiencia Nacional subliña que “non constitúe infracción a mera obtención de imaxes ou o tratamento dos datos dos axentes se non representa un risco ou perigo para eles, as súas familias, as instalacións ou operacións policiais”.

Detida cando cubría un despexo

A fotoxornalista denunciou por “coaccións” e “ameazas” os axentes dos Mossos actuantes na operación, mais no pasado mes de outubro o xulgado de instrución número 1 de Terrassa decretou o arquivamento da causa. Non é a primeira vez que Mireia Comas é vítima dunha tentativa de represión por parte dos corpos policiais cando desempeña o seu labor profesional. En outubro de 2020 foi detida polos Mossos cando cubría un despexo en Terrassa. Acusárona de agredir un axente e do delito de atentado á autoridade. O Ministerio Público pediu unha pena de un ano de prisión, mais foi absolta no xulgamento, despois de que se desmontase a versión policial.

 

Comas, recoñece que “cada vez que topo con axentes dos Mossos en Terrassa teño problemas

 

Comas, contodo, explica que desde a súa detención, “cada vez que topo con axentes dos Mossos por Terrassa teño problemas” e destaca que pola súa maneira de traballar, que implica habitualmente evitar as coberturas masivas e, portanto, ser a miúdo a única fotoxornalista presente, “[os axentes] achéganseme de mala maneira desde o primeiro momento”, o que non deixa de supor unha certa intimidación cara ao seu traballo. Neste sentido, a fotoxornalista reclama a derrogación da Lei mordaza e apunta que “outorga un poder discrecional aos axentes [policiais] e utilízano con abuso de poder, intimidación e ameazas”.

Público