Entidades sociais exixen indemnizar os milleiros de traballadores que sufriron explotación laboral durante a construción das infraestruturas do Mundial coa mesma contía que se destina a premios durante o torneo, 440 millóns de dólares. Porén, a FIFA e outras federacións como a española dan a calada por resposta mentres Gianni Infantino reduce a defensa dos dereitos fundamentais a “batallas ideolóxicas” que pide evitar.
.
.
Mundial de Qatar: miseria e vulneración de dereitos humanos no país da  opulencia
. Estímase que durante a construción das instalacións do Mundial morreron máis de 6.000 persoas. (Foto: Federico Gambarini / dpa)
.
.
.
Rañaceos, coches de alta gama e tendas de luxo definen a capital de Qatar, Doha, que concentra a meirande parte dos 2,9 millóns de habitantes do país. Os Porsche e os Lamborghini conducidos por homes traxeados conviven cos hiyab, niqab e burka que agochan os rostros das mulleres qataríes, que, se ben moitas delas estudan e traballan —algo perfectamente lóxico nas sociedades igualitarias mais tristemente salientábel neste caso—, fican inalterabelmente á sombra dos seus homes.

En Qatar as mulleres non poden saír do país sen o permiso por escrito do marido nin lles está permitido, dentro do seu, falar con alguén do sexo oposto. As relacións sexuais alén do matrimonio están prohibidas, con base na Lei Sharía, e poden supor penas de cárcere, mentres as violencias machistas, directamente, non están previstas na lexislación penal.

No marco do Mundial de fútbol, as mulleres “teñen permitida” a entrada aos estadios, segundo salientou un tempo atrás Nasser Al Khater, representante do comité de organización do torneo, mais sempre respectando o seu código de vestimenta. O radicalismo do Réxime qatarí —e a permisividade da FIFA neste senso— é tal que a entidade que preside Gianni Infantino elaborou unha guía para mulleres estranxeiras que acodan ao Mundial no que dispón: “Non tes que levar velo como turista, mais tampouco vaias demasiado espida pola rúa”.

A situación non é diferente para a comunidade LGBTIQ+, pois as relacións entre persoas do mesmo sexo son castigadas con até sete anos de prisión. A ONG Human Rights Watch (HRW) ten documentado múltiples casos de abusos contra persoas homosexuais e transexuais nos últimos anos, incluíndo seis casos de “malleiras graves e repetidas baixo custodia policial” entre 2019 e 2022, até este mesmo mes de novembro.

Preguntado por como se recibirá á comunidade LGBT no Mundial, o emir de Qatar, Tamim bin Hamad al-Thani, matizou: “Nós damos a benvida a todo o mundo, mais tamén agardamos e queremos que a xente respecte a nosa cultura”. Nese “respecto” da súa cultura inclúe a homofobia imperante nun país que, se ben desbotou xulgar as persoas que introduzan a bandeira do arco da vella nos estadios, si asegurou que poderá requisalas baixo o pretexto de “protexer a poboación”.

O deporte rei, que no próximo mes converterá Qatar no principal escaparate a nivel mundial, pode xogar un papel chave na defensa deses dereitos tan básicos como sistematicamente vulnerados no país do Golfo —e nos seus veciños—. Os capitáns dalgunhas seleccións nacionais como as de Francia, Dinamarca, Gales ou Alemaña disputarán os seus partidos portando un brazalete coa bandeira LGBT.

Indemnizar as vítimas

Moitas destas federacións sumáronse xa á campaña #FIFAPayUP, impulsada por diferentes ONGs e entidades sociais co obxectivo de que tanto a propia FIFA como o Estado qatarí compensen economicamente os milleiros de vítimas —e familiares— que deixou tras de si a construción dos estadios. Segundo as estimacións oficiais, nestes anos faleceron uns 6.500 traballadores, a inmensa maioría estranxeiros, que desenvolvían os seus labores nunha contorna practicamente escravista.

“Cremos que o lóxico e xusto é que se indemnicen estas persoas coa mesma contía que a FIFA destinará a premios durante o Mundial, uns 440 millóns de dólares. Temos a oportunidade de deixar un legado positivo para os dereitos humanos no país”, explica, en conversa con Nós Diario, o responsábel de medios de Amnistía Internacional —unha das promotoras da campaña— no Estado español, Ángel Gonzalo, para quen o obxectivo de Qatar é botar man do sportswashing e ‘branquear’ o seu réxime, “como fan outros países da contorna como Bahréin ou Emiratos Árabes Unidos”, ambos os dous organizadores de senllos grandes premios de Fórmula 1.

A elección de Qatar como sede da Copa do Mundo de 2022 propiciou as sospeitas desde o momento mesmo da súa designación, en 2010. Pouco tempo despois, a revista France Football fixo público o que deu en coñecerse como Qatargate, unha trama internacional de corrupción e intercambio de favores que tería a ver coa compra de votos a favor de Qatar e que involucraría desde o daquela presidente da UEFA, Michel Platini, até o seu vicepresidente e homólogo na RFEF, Ángel Villar, pasando polo presidente de Francia naquela altura, Nicolas Sarkozy, e o Paris Saint-Germain, que sería adquirido polo emir qatarí a cambio do Mundial.

“É un claro intento de ofrecer ao mundo unha imaxe máis amábel, de normalidade, mais que sabemos que non é real”, apunta Gonzalo. A FIFA, lembra, está obrigada a someter o Mundial de Qatar aos Principios Reitores da ONU sobre as empresas e os dereitos humanos, malia que, á vista está, non exerce o labor fiscalizador que lle correspondería a este respecto.

Lonxe diso, Gianni Infantino enviou recentemente unha carta ás 32 federacións participantes no torneo instándoas a “concentrarse no fútbol” e a “non permitir que se vexa arrastrado a a todas as batallas ideolóxicas ou políticas que existen”. “É lamentábel, porque é mentira. Non estamos a falar de política, senón de dereitos humanos. En Qatar as mulleres son cidadás de segunda, e as persoas homosexuais deben ocultar a súa orientación sexual. Iso non é política, son cousas básicas e moi serias”, censura o portavoz de Amnistía.

Entre as entidades que apoiaron esta campaña, incluídas marcas comerciais patrocinadoras da competición como Budweiser ou Adidas, non se atopa a Real Federación Española de Fútbol (RFEF). “Nos últimos dous anos enviamos sete cartas á Federación demandando unha reunión, mais nunca nos recibiron. Mais tampouco había moito que esperar de Luis Rubiales [presidente da RFEF], xa que a Supercopa española estase a xogar en Arabia Saudita, que é outro país que non respecta os dereitos humanos”, precisa Ángel Gonzalo.

O papel dos medios de comunicación, sempre esencial, será especialmente relevante, mais tamén complicado. “En Qatar non existe a liberdade de prensa, todos os medios pertencen ao Estado. E mesmo estes días soubemos que as autoridades apercibiron unha xornalista dunha televisión dinamarquesa por gravar en certos lugares. Hai un control total sobre a información”, denuncia. Este domingo botará a rodar a bóla no encontro inaugural entre o país anfitrión e Ecuador. O tempo dirá se as xeracións vindeiras coñecerán os abusos que arrodearon desde o principio este Mundial de fútbol ou se, pola contra, o sportswashing terá efecto e só quedará para o recordo a clásica imaxe do capitán da selección gañadora levantando ao ceo o trofeo.