A nai dun interno do cárcere de Zuera decidiu publicar nas redes sociais unha carta en que denuncia os malos tratos que sofre fillo despois de funcionaros do penal lle teren dado unha malleira. A nai denuncia que o fillo sufriu lesións graves e que a súa integridade física está en perigo sen que até o momento fose asistido por un médico, mesmo despois de ela mesma pór os feitos en coñecemento do Xulgado de Garda.

 

madre                                   Foto: Pixabay.

Carta da nai

Redacto este escrito para denunciar publicamente a situación de vulnerabilidade que viven os presos do cárcere de Zuera, onde está actualmente o meu fillo.

Comezarei contando os feitos que me levan a recorrer a este método para tornar visíbel a situación do meu fillo e que fique constancia diso. Aínda que estou segura de que moitos máis presos están en situacións similares de vulnerabilidade.

O día 20 de marzo recibo unha chamada do meu fillo en que me conta que foi vítima dunha brutal malleira propinada por sete funcionarios, que lle produciron lesións. Pídeme, por favor, que denuncie esta situación.

Nesta chamada o meu fillo cóntame que todo comeza o día 18 de marzo ás 14.00 horas, cando os funcionarios do módulo 1 piden a todos os presos que regresen ás súas celas debido ao Estado de Alarma. Que o meu fillo sobe á súa cela como ordenaran. Varios presos organizan unha liorta en contra dos mandatos dos funcionarios, na cal o meu fillo non participa. Cando está na súa cela, un funcionario entra e comeza a meterse con el e a empurralo. Ante esta situación, o interno solicita ao funcionario o seu número de placa, ao que este contesta “Si, espera un momento que agora cha dou”. O funcionario abandona a cela e aos 5 minutos regresa, acompañado doutros 6 funcionarios, entre eles un xefe de servizos. Entre todos comezan a bater nel dicindo entre pancada e pancada “Toma esta é a túa placa de identificación, aquí a tes”.

As lesións desta brutal agresión de medidas desproporcionadas, son os dous ollos inchados, as fazulas inchados, a man moi inchada, un dedo probabelmente fracturado e unha forte dor de costelas. Despois disto lévano directamente a celas de isolamento.

O día 20, uns funcionarios diríxense á cela de isolamento en que está o interno, sen motivo ningún, e convídano a saír de alí. Xa que, probabelmente, despois de revisar cámaras, se deran conta de que el non tivera nada que ver coa liorta, que non hai maneira de inculpalo, nin motivos suficientes para o manteren en confinamento solitario. As palabras do funcionario ao interno foron: “Mira é ao único que imos sacar, a ti”, ao que este responde “Claro, mais a malleira xa a levei”, ao cal un funcionario contesta “Cala e non fales, porque como sigas falando imos matarte”.

Por causa da malleira, o interno sofre moitísimas dores, debidas ás lesións indicadas. Pide que o examine un médico, debido ás dores. O médico négase. Aos dous días acaba por o examinar, a razón é que ten que redactar un parte, neste parte pon que as lesións son leves. O interno pide por favor que se lle mire ben a man porque está con moitísimas dores, ao que o médico contesta: “Mira estou até os collóns, marcha agora mesmo ao módulo porque se non ainda vas levar outra vez”. O interno segue con dores na man actualmente.

Cando eu recibo a chamada do meu fillo, o día 20 como antes xa mencionei, chamo á súa avogada. Despois de contarlle os feitos acontecidos, subiu á prisión e solicitou unha visita co seu cliente para comprobar o seu estado, redactar a conveniente denuncia e indicarlle os pasos a seguir despois do ocorrido. Saíron a atendela 4 funcionarios. Recusaron a visita debido ao Estado de Alarma. A solución que lle deron foi que mandase un fax á prisión solicitando unha visita ao interno. A avogada mandou o fax, a día de hoxe aínda está agardando a resposta. Claramente, os funcionarios evitaron que se puidesen corroborar os feitos, ao non permitir á avogada comprobar as lesións do seu cliente. Dado que, pasando uns días, a inflamación e as lesións non terían a mesma intensidade.

Eu, como nai, chamei ao cárcere e falei coa directora do centro, a única resposta que recibín é que ela non tiña constancia dos feitos. Tamén me dirixín ao xulgado de garda a presentar a conveniente denuncia. Aínda ao meu fillo non o visitou ningún forense desde o momento dos feitos.

A cousa non fica aquí, desde o día que tivo lugar a agresión, os mesmos funcionarios, dos que aínda non temos constancia dos seus números de placa, están a intimidar ao interno através de olladas, ordes de estar quieto e non se mover, polo cal o meu fillo está totalmente constranxido e ten moitísimo medo.

O interno presentou unha denuncia ao xulgado de garda polos feitos ocorridos e pediu un habeas corpus, polo cal xa debía de visitalo o xuíz. Non temos constancia de que esa denuncia saíse do penal. Tamén solicitou a revisión da súa persoa por un médico forense, o xulgado aínda non recibiu este escrito. Chamei varias veces ao xulgado para corroboralo.

Os funcionarios dixeron ao interno que denunciase todo o que quixese, que eles tiñan ordes da directora do Centro Penitenciario de Zuera de dispararen para matar aos presos.

Como nai teño medo de que ao meu fillo lle pase calquera cousa aí dentro, sabemos que en Zuera xa houbo mortes de internos bastante sospeitosas. Tamén sabemos que os funcionarios se amparan entre eles. Agora non hai visitas, ninguén pode comprobar o estado de saúde dos presos.

No Estado de Alarma, o colectivo dos presos foi esquecido, entendemos que estamos nunha situación difícil e que hai que tomar medidas drásticas. Mais por favor imos respectar un mínimo os dereitos humanos. Agora os presos non teñen a asistencia médica necesaria para o coronavirus, deberían telos un pouquiño máis en conta e pensar que son seres humanos igual que todos. Que se fixeron cousas mal xa as están pagando. Mais en ningún momento debe permitirse a violación de dereitos humanos fundamentais.

Pido a máxima difusión e que, se hai persoas con situacións parecidas, que as denuncien tamén publicamente xa que a unión fai a forza.

Grazas polo seu tempo.

Un saúdo.

Pdt: O interno decidiu manterse no anonimato, por medo a futuras represarias.