“Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social” Artigo 14. Constitución Española.

 

María Dolores de Cospedal aplaude a Concepción Espejel tras condecorarla.                     Maria Dolores de Cospedal aplaude Concepción Espejel despois de a condecorar.

 

Aconsellou Quixote a Sancho: “Non te cegue a paixón propia na causa allea, que os erros que nela fixeres as máis veces serán sen remedio, e se o tiveren, será á conta do teu crédito”, antes de que este asumise funcións de xulgador. É unha pena que tantos xuíces ignoren este capítulo do Quixote e, sobretodo, que ignoren a ética que se esconde por tras del, que non é senón a ética básica da xustiza e de quen a imparte.

Veño contarlles o caso, máis unha vez, dunha inxustiza moi esclarecedora cometida na Audiencia Nacional. E é un acto inxusto porque a xustiza debe tratar igual o igual e porque debe facelo sen discriminación algunha por ningunha circunstancia persoal. Nin sequera vale que o xusticiábel che pareza un cabrón e un antiespañol. Din algúns que non deixo os xuíces en paz, embora máis parece que os xuíces non deixan en paz a Xustiza e que non deixan outro camiño que arexar os abusoas para que non pasen desapercibidos no peneira da decencia.

Vou limpar de ramallos legalistas a cuestión e traducila á lingua de todos os días para que entendan mellor o que Concepción Espejel -“Querida Concha”- e tres maxistrados máis perpetraron tendo ao parecer máis en conta quen era o destinatario da súa acción que a coherencia e a imparcialidade. Os maxistrados Espejel, Gutiérrez e Sáez tiñan que determinar se prescribira ou non a responsabilidade civil derivada dun delito. Tres maxistrados, como se fai sempre. No entanto, a presidenta Dona Concha decide facer uso dun invento promovido por Grande-Marlaska no seu día e consistente en meter máis maxistrados, toda a sección, nun caso concreto. Unha forma que xa en por sí pode alterar o xuíz predeterminado, mais nisto non vou meter. Dita unha providencia en que di que “vista a natureza do asunto” considérase “conveniente” que o vexa a sección enteira. A natureza do asunto é a mesma que a de centenares de asuntos que se despachan todos os días, que non é outra que os criterios de prescrición pacíficamente aceptados polo tribunal. A non ser que haxa outra “natureza” que nos escape.

Reunidos os cinco xuíces e con relatorio de Ramón Sáez -xa lles contei, o número 1 no exame dos penalistas da xudicatura española- este propón a prescrición da responsabilidade civil seguindo “a práctica continuada da Audiencia Nacional que negou que unha simples investigación patrimonial interrompa o período de prescrición”, e nese mesmo sentido informara a Fiscalía. Sei que parece prolixo mais reteñan que todas as seccións da Audiencia Nacional teñen ese mesmo criterio e que o informe fiscal o apoia. Pois ben, non foi así neste caso. O relator ficou en minoría, defendendo o que hai décadas aplica a AN e tivo que facer un voto particular. A maioría mudou de terzo e considerou que este xusticiábel, digo este porque a ninguén máis se aplicou esta teoría, ten que facer frente á responsabilidade civil dun delito sentenciado en 1996 e cuxo único requirimento de pagamento, saldado con insolvencia, foi realizado en 1998 de maneira que os quince anos de prescrición foron cumpridos o 5 de agosto de 2012.

Así que agora, e polo menos só para este caso, a mera instrución de investigación patrimonial por parte da Fiscalía interrompe o período de prescrición. Esquezan o sarillo conceptual e reteñan que Concha Espejel e Eduardo Gutiérrez consideran agora -xunto aos dous maxistrados metidos de máis- que a mera investigación do fiscal serve para os prazos correren desde ese momento. Cousa certamente notábel se temos en conta que teño nas miñas mans un auto de hai 15 meses en que ambos asinaron que consideran prescrita a responsabilidade civil dun colaborador de ETA nun prazo de quince anos “por canto a investigación patrimonial que se realizou e que culminou nun decreto de insolvencia, non pode ser considerada interruptora do prazo”. Ou sexa, xusto o contrario. Teño varios autos así. Mais é que nestes días houbo autos doutras seccións que consideran tamén que esa investigación non interrompe o prazo de prescrición.

Que pasou entón? Teñan en conta que lles preparei unha armadilla porque non lles contei, e verán que é imprescindíbel para entendelo, que o auto diferente, o distinto, o que se afasta da doutrina de décadas da sala é o que declara que non prescribiu a responsabilidade civil do cabrón de Gonzalo Boye e que portanto ten que pagala. Ven como agora todo cobra outro cariz?

A min paréceme fenomenal que Boye lle pareza un cabrón a quen me le, ao do lado ou a unha masa social. Mesmo me parece perfecto que lle pareza un cabrón a moitos xuíces, sobretodo desde que puxo unha demanda persoal contra Llarena en Bélxica en que puxo en xeque que responda co seu patrimonio persoal. É lóxico que iso pareza unha aberración a calquera outro xuíz, porque podería sufrilo nas súas carnes e eu o entendo. A min non me importa que valoración íntima faga dunha persoa concreta a condición de que non retorzan a lei ad hominem e isto é o que non só parece que pasou senón que é o que pensan moitos, mesmo dentro da Audiencia Nacional.

Vale que Boye lles pareza un cabrón e un tipo infame que cometeu un delito e estivo no cárcere, mais non vale que ao tratar os seus asuntos non se teña en consideración o artigo 14 da Constitución Española, ese que di que todos os españois somos iguais ante a lei. Agora saltará algún con que o cabrón de Boye non é español senón alemán! e eu contestaríalles, entón é preceptivo considerar o artigo 14 da Convención Europea de Dereitos Humanos que tamén é lei española e que di o mesmo.

A historia é máis clara agora que xogo limpo. Boye pagou a súa pena e saíu de prisión e houbo un momento en que a súa responsabilidade civil prescribiu, entre outras cousas porque a vítima nunca a reclamou. Curiosamente, en novembro de 2018, alguén foi a buscar esa vítima de 92 anos para conseguir que, agora si, consentise en efectuar a reclamación. Así as cousas todo estaba pronto para o apertaren -e tentaren sabotar o seu actual negocio de avogado- e só restaba torcer toda a liña xurisprudencial aplicada pola Audiencia Nacional cando chegase o seu caso e non antes. Todo moi lindo. Tres maxistrados que queren chegar ao Supremo canto antes -dous á Sala II e un á Sala V- e unha maxistrada en comisión de servizo, á que Espejel e Lesmes deben “renovar o contrato” cada seis meses, deron volta ao criterio consolidado da Audiencia Nacional e sen levalo a un pleno da Sala do Penal. Todo en orde. A Xustiza que levanta a venda dos ollos cando resulta conveniente para ver quen é quen senta ante ela.

Non é esa a cuestión a valoración que se faga do xusticiábel. Hoxe a venda levántase para el e mañá pode ser por calquera de nós. O criterio alterado, para o que polo menos parece un escarmento, de aplicarse kantianamente daquí en diante convertería en imposíbel a reinserción xa que sempre pairaría sobre calquera que cumprise a pena e que lograse converterse nun cidadán de proveito, o golpe de graza inesperado e gratuíto que puidese esnaquizalo. Iso é o que se xoga nesta partida. Iso e a insoportábel tendencia da AN a crear viradas doutrinais con nome e apelidos. Todas cun obxecto claro e esquecendo que, en Xustiza menos que en nada, o fin non xustifica os medios.

Elisa Beni

eldiario.es