Após a crise política máis longa da historia de Israel, Benjamín Netanyahu conseguiu crear un goberno cuxo principal obxectivo é a anexión de grande parte da Cisxordania. Para facer iso, dispón do apoio de Donald Trump e da pasividade-complicidade da ‘comunidade internacional’.

 

                                                                                                         O Val do Xordán – Abir Sultan/AFP

Netanyahu prometérao aos seus compatriotas durante a súa última campaña electoral: pretendía anexar logo que posíbel unha parte substancial dos territorios palestinos da Cisxordania. Vencedor nas eleccións, pasou á acción. Asinado o 21 de abril co seu principal competidor, o xeneral Benny Gantz, líder do partido Azul e Branco, o acordo para formar unha grande coalición considera a anexión como o seu obxectivo político prioritario e calcula que o proceso anexionista poderá ser levado a cabo a partir do 1º de xullo.

Agora Netanyahu aparece máis unha vez como o home forte indiscutido do goberno. É el -só el- quen fixa as prioridades. En palabras cruéis dun cronista israelita, Netanyahu “contratou Gantz como garda-costas para o próximos tres anos”. E, alén diso, Netanyahu encarna máis que nunca as correntes políticas profundas que alentan na sociedade xudía israelita.

A CAPITULACIÓN DE BENNY GANTZ
Gantz, ex-xefe do Estado Maior, cuxa formación estourou logo a seguir a súa adhesión a Netanyahu, parece un político anódino ao seu lado. Todo o que puido obter con ese acordo de goberno é que calquera anexión terá que recibir previamente un ‘acordo total dos Estados Unidos’ (algo que de todas as maneiras Netanyahu buscaría). Actualmente, o número dous de Azul e Branco -Gabi Ashkenazi, outro ex-xefe de Estado Maior- dá a entender que é hostil a unha anexión, mais que o seu partido non podería facer nada para impedila, xa que mesmo sen o seu apoio, Netanyahu dispón dunha maioría indiscutíbel no parlamento para validar unha anexión. Aínda que é un razoamento lóxico, non dá mostras de grande ímpeto político…

Os outros partidos, afora o chamado ‘partido árabe’, que representa os intereses palestinos no parlamento, non teñen case nada que dicir. A extrema dereita só espera que a anexión sexa o máis vasta posíbel. A esquerda, o partido laborista histórico, ou o que resta del (tres lexisladores!), tivo que comprometerse a respectar a disciplina da coalición de goberno para poder integrala. Por outras palabras, iso implicaría votar a favor das anexións chegado o caso, o que, visibelmente, xa non supón problema ningún ao partido.

EMPURRAR OS PALESTINOS PARA OS CENTROS URBANOS
Que territorio pretende anexar Netanyahu? A totalidade? Iso está case descartado, porque aboliría de facto a Autoridade Palestina (AP), algo que Israel non quere en absoluto, polo menos non neste momento. Calquera goberno israelita preferirá deixar a unha AP impotente a aparencia de responsabilidade sobre a xestión dos seus grandes centros urbanos. De feito, desde hai polo menos dúas décadas un dos elementos chaves da política colonial israelita na Cisxordania consiste en tomar as terras dos palestinos das zonas rurais para os facer se reagruparen na periferia das cidades e así ofrecer aos colonos lugares de asentamento o máis vacíos posíbel de populación autóctone. Seguramente a anexión implicará a totalidade do val do Xordán (excepto, moi probabelmente, a cidade de Xericó, a oito quilómetros da ponte Allenby, único paso por estrada entre Israel e a Xordania), e unha parte máis ou menos importante da chamada zona ‘C’, que desde os Acordos de Oslo (1993) permanece na súa totalidade sob control israelita e abranxe no todo o 62% do territorio de Cisxordania.

 

 

                                                       Cisxordania, Zona C e Xerusalén Oriental (OCHAoPT, 2011)
En azul escuro, a parte xa fechada (mapa 2011) a calquera construción para os palestinos (70 %); en azul claro, o 30 % restante, onde o acceso está severamente restrinxido.

 

Esa zona C está dividida en sete grandes bloques desconectados, que á súa vez están fragmentados. Nela viven unhas 300.000 persoas palestinas (un número case equivalente xa se viu obrigado a saír desa zona no últimos vinte anos), e o número de colonos chega xa a 390.000, quer dicir, case o 90% do total dos israelís que residen na Cisxordania (sen contar os 250.000 que viven en Xerusalén Leste). En Israel, as proxeccións sobre a dimensión dos futuros territorios anexados varían entre o 30 e o 40% do territorio palestino. Compre lembrar que o ‘plano de paz’ de Donald Trump, presentado en xaneiro último, outorgaba a Israel o dereito de apropiarse de aproximadamente o 35% da Cisxordania. En realidade é un 5 a 6 % máis, tendo en conta da extensión das terras estatais das colonias.

ALGUNHAS VOCES DISIDENTES
En Israel, a anexión programada foi obxecto dun apoio popular importante. No entanto houbo algunhas voces que se levantaron para cuestionala. Como acontece con frecuencia nese país, só se atreven a manifestar a súa oposición á política anexionista altos responsabeis de seguranza. Segundo Al Monitor, o actual xefe do Estado Maior, Aviv Kochavi, o de Shin Bet, Nadav Argaman, e o da intelixencia militar, Tamir Hayman, son algúns deles. No inicio do mes de abril, 220 ex altos responsabeis de seguranza (exército, Shin Bet, intelixencia militar) asinaran un pedido contra as anexións programadas. No 22 de abril, o ex-almirante e ex-xefe do Shin Bet, Ami Ayalon, o ex-director da Mossad, Tamir Pardo, e o xeneral de reserva Gadi Shamni publicaron nos Estados Unidos unha columna denunciando os ‘riscos’ das anexións previstas.

Do seu punto de vista, o risco máis importante está na Xordania, un país que ‘posúe unha populación palestina significativa’, e do que temen que unha desestabilización do réxime, a monarquía hachemí, podería ter un custo moi superior para Israel que o beneficio potencial concedido polas anexións na Cisxordania. Nos Estados Unidos, 149 eminentes dirixentes da comunidade xudaica tamén advertiron Israel contra a deriva política que emprendería o país caso anexar a Cisxordania. Mais esas voces, sobretodo en Israel, continúan a ser marxinais. É moi pouco probábel que sexan suficientes para facer recuar tanto Netanyahu como Trump.

DONALD TRUMP EN CAMPAÑA PRESIDENCIAL
Deses dous homes, Netanyahu é o máis ávido de actuar expeditivamente. Para el, o tempo urxe: no 3 de novembro saberá se é reelecto ou non. Así que terá de emprender o proceso de anexión antes desa data. Se Trump for reelecto -o que hoxe non é garantido-, todo irá vento en popa para el. Se for vencido, Netanyahu pode ter a esperanza de negociar nunha posición de forza frente a un presidente demócrata sobre a base do feito consumado. Trump, por súa vez, é un personaxe grotesco, con frecuencia imprevisíbel. Ora, para conseguir a reelección precisa do apoio máis amplo posíbel dos evanxélicos extremistas, que achegan os grandes batallóns de ‘cristiáns sionistas’.

Portanto, o mandatario estadunidense debería apoiar esas anexións. Por outro lado, sabemos que despois da publicación do seu ‘plano de paz’, foi constituído un comité estaunidense-israelita co obxectivo de elaborar os mapas das futuras anexións aprobadas pola administración estadunidense. Non se sabe canto avanzaron eses traballos, mais a súa mera existencia indica que as anexións son coordenadas coa Casa Branca.

A única cuestión, neste teatro de sombras, é saber se por algunha razón Trump preferirá aparecer como un ‘moderador’ da acción emprendida por Netanyahu ou se accederá a apoiar a totalidade ou case totalidade das súas ambicións territoriais. A lóxica da campaña electoral de Trump leva a pensar que se imporía a segunda opción. Mais con ese home border line (o mesmo que falou da lixivia para purgar os pulmóns do coronavirus…), todo é posíbel.

O ‘plano de paz’ de Trump avalaba a case totalidade das ambicións anexionistas de Netanyahu. É difícil crer que o líder israelita estea disposto a recuar. Todo é cuestión de timing. O máis probábel é que no momento que achar adecuado, Trump apoiará as anexións previstas por Netanyahu. Nese aspecto, este último parece estar tranquilo. Nun vídeo dirixido a grupos de evanxelistas europeos, defensores fanáticos do ‘Grande Israel’, Netanyahu describiu recentemente o ‘plano de paz’ de Trump como un documento que recoñece o dereito de Israel de ocupar todas as terras onde están situados os colonatos. ‘Teño confianza: nalgúns meses esta acción será cumprida e poderemos celebrar un novo momento histórico da historia do sionismo’, díxolles Netanyahu. Tres días antes, Mike Pompeo reforzara esa confianza. As anexións son ‘unha decisión israelita’, declarara o secretario de Estado estadunidense.

Os europeos -Emmanuel Macron á frente- deron a coñecer o mal que lles parecían esas anexións próximas. Mais, segundo unha analista israelita, pouco ou nada importa iso a Netanyahu. ‘Non haberá ningunha consecuencia. Que farán os europeos? Tomarán o té, mais furiosos. A historia da ocupación é unha historia infinita de lamentabeis condenas europeas‘. Logo a seguir a declaración do representante francés no Consello de Seguranza, Nicolas de Rivière, que lembrou que, caso seren levadas a cabo, esas anexións ‘afectarían as relacións’ do seu país con Israel, algúns altos diplomáticos israelitas riron del ao constatar que a Unión Europea fora incapaz de adoptar unha posición común a respecto do asunto.

JOE BIDEN ELEVARÁ A VOZ?
Durante este tempo todo, o potencial candidato demócrata á elección presidencial, Joe Biden, estivo calado. Se non ten nada a dicir sobre as fallas do sistema de saúde estadunidense frente ao coronavirus, non esperen que se levante para denunciar a anexión da Cisxordania… tan lonxe del! Contodo, dous importantes ex-membros da equipa de Obama en asuntos internacionais, Philip Gordon e Robert Malley, lanzaron un apelo urxente para pedirlle ‘se alzar contra os plans israelitas de anexión antes que for tarde demais’. Por que esta urxencia? Segundo os dous ex-asesores, aínda que Biden non será presidente o 1º de xullo próximo, a súa palabra ‘podería impactar sobre o que faga Netanyahu, sobre a posición de Gantz e a dos Estados árabes’.

E é urxente que actúe porque é o único que dispón desa posibilidade. Para transmitir que mensaxe? En poucas palabras, que a anexión pon en perigo á democracia israelita, ignora os dereitos dos palestinos e é susceptíbel de levar a rexión a unha situación de maior inestabilidade e violencia.

Mais sobretodo, engaden, Biden debería suxerir a Netanyahu que se persistir nas súas intencións, os Estados Unidos, sob a súa dirección, podería ditar sancións financeiras contra Israel. Algúns dirán, conclúen os ex-asesores, que semellante actitude só podería forzar Netanyahu a ir máis rápido, e a Trump, a apoialo.

Infelizmente, ‘un e outro non necesitan ningún incentivo para avanzar, e ambos pensan que unha política fervorosa de anexión os axudaría a se manteren no poder. En troca, se Biden non fala hoxe, despois podería ser demasiado tarde, aínda que for electo en novembro’.

No 29 de novembro, durante unha cea para arrecadar fondos para a campaña, Biden expresouse respecto de Oriente Próximo. Para evocar os proxectos de anexión de Netanyahu? En absoluto. Para dicir, que se for electo, non retornará a embaixada estadunidense de Xerusalén a Tel Aviv. Compre lembrar que cando Trump anunciou esa mudanza extremamente simbólica, Biden criticara unha decisión ‘míope e frívola’. Mais actualmente, Biden explica que voltar sobre o feito consumado non contribuiría en nada ao relanzamento dun proceso de paz. Contodo, sinalou que reabriría en Xerusalén Leste o consulado estadunidense que Trump encerrou.

Os israelitas saben ler este tipo de situación. Durante o inverno de 2009, o seu exército conduciu un dos peores bombardeos masivos sobre Gaza, seguido dunha invasión terrestre. O saldo foi de 1315 mortos palestinos (o 65% eran civís), 10 soldados israelitas caídos (4 deles por `’fogo amigo’, quer dicir, por erros israelitas) e 3 civís israelitas mortos. Nese altura, Barack Obama esperaba entrar na Casa Branca o 20 de xaneiro. Algúns dos seus asesores suplicáronlle que falase para deter os ataques israelitas. Obama recusou, e repetiu que só interviría cando entrase na Casa Branca. Dous días antes da súa asunción como presidente, os israelitas cesaron o fogo. Para eles, en termos políticos, a mensaxe de Obama fora clara: non impedira a continuación da súa intervención.

Sylvain Cypel

Traducido del francés por Ignacio Mackinze para OrientXXI.