(Parece unha tautoloxía. Pois non tal)

 

Centro Penitenciario de Teijeiro - Wikipedia, la enciclopedia libre

Xaquín Campo Freire

Xaquín, veño falar contigo de algo que me está a preocupar. O domingo, 13-11-2022, foi a Xornada Mundial dos Pobres. O Bispo de Mondoñedo Ferrol escribiu: “A proximidade aos pobres fai que nos preguntemos sobre o importante e fundamental na vida; permítenos quitar as nosas máscaras e afastarnos da superficialidade para provocarnos ao amor auténtico”. E ten razón. Gustaría de termos unha conversa longa, un diálogo, ou varios, sobre a pobreza no mundo. Pero concretando por grupos de empobrecidos. Por exemplo:

Son os cárceres lugares de pobreza hoxe, aquí e tamén no mundo? Como está iso? O Papa dixo: “Fronte aos pobres non se fai retórica”. Hai que pisar realidade. Se queres comezamos facendo demoradamente como unha visita virtual ao cárcere, un lugar onde só hai cantidade de pobrezas variadas, pero reais todas elas: A soidade, o desamor, os medos, a falta de liberdade, enfermidades varias, os diversos desarraigos, a desconfianza, as fracturas familiares, os enfermos psiquiátricos, os trastornos de conduta, etc. “La fábrica del llanto y el telar de las lágrimas”, como dixo Miguel Hernández.

Si. Eu case gostaría máis de ir formulándoche preguntas concretas. Si,coma unha ‘visita virtual’. Aínda que penso que vai dar para varias sesións.

No cárcere só hai pobres? Psicosocioloxicamente proceden maioritariamente de sectores empobrecidos, xa desde a propia infancia. Si. Xa veñen de ambientes pobres ou son vítimas de varios infortunios empobrecedores previos: As hipotecas, os deshaucios, os peches de empresas, malas xestións ou desbaldes económicos, alcol, drogas, ludopatías, non inculturados, inmigrantes, maltrartadas/os, os/as sen traballo, debedores, hipotecas, vítimas de especulacións financeiras, enfermos de todo tipo, conflitos familiares e de parella. Tamén dos que cando chega unha crise económica ou desafiuzamento son despedidos do traballo, ou non poden cos cretos, teñen moitos fillos, son inmigrantes, etc. Como na crise do 2008 ou a pandemia ou agora coa guerra, etc, “Sempre os pilla o touro. ”Para os pobres sempre é noite”.

E sobre todo están os de tipo psiquiátrico en diversos graos e diagnósticos ou mesmo sen diagnosticar e por tanto sen ningún tratamento adecuado xa desde a infancia ou da adolescencia.

Algúns ricos tamén van ao cárcere pero a súa estancia, aínda estando no mesmo patio, cela ou vida común, as angustias son diferentes. Se les o libro “Memorias de un preso” de Mario Conde daraste conta disto.

E no caso das mulleres hai algunha diferenza nisto? Si. De entre eses pobres, desde sempre, están o caso das mulleres encarceradas e tamén os menores. A maioría son aínda máis pobres. Son as vítimas da trata de seres humanos. España é un dos países cos meirandes negocios. Pensa en todos os cárceres. Tamén nos cárceres de fóra: dos pisos ou lugares de comercio e explotación sexual e outros polo estilo. Son cárceres! Ninguén quixera unha filla, unha nai, irmá ou avoa neses lugares. Precisamente por seren mulleres e menores. Para elas o cárcere xa chegou máis axiña. A vida marxinounos, excluínos e rompeunos xa moi cedo. Moitos mesmo xa ao naceren. E logo o tempo da condena pasará e preséntase máis dura de cumprir a estancia no cárcere ou reformatorio, por seren mulleres e menores, é dicir, máis vulnerábeis. E está o negocio do xogo. Os sociólogos e os que nos movemos polo interior dos cárceres sabemos desta realidade. Abonda con entrarmos calquera día en Google e estudar aqueles estudos de autores que vexamos serios con artigos imparciais e documentados. Están aí ao nos dispor. E non lle deamos máis voltas.

Direiche máis. Moitas destas nosas irmandiñas pobres xa naceron fisicamente nos cárceres, de nais xestantes en prisión. Unha pobreza multiplicada. Ata os tres anos viven con elas en prisións chamadas ‘humanizadas’, pero sen liberdade. Levan o cárcere, non no ADN físico, pero case. Os primeiros apegos e as primeiras intuicións, que van gravadas no subconsciente, serán as do cárcere. E os desapegos que veñen a continuación serán consecuencia desa realidade e irán seguidos das primeiras tomas de conciencia no crecemento evolutivo. Pois ao saíren irán logo aos vis a vis ao cárcere e eles mesmos irán preguntando paulatinamente: E por que mamá está aí e non ven para casa? Ou non poderán, por pobreza, iren con frecuencia de visita ao cárcere onde está a mamá co trauma da separación e falta de trato para todas e todos. Logo, xa alguén lles dirán, máis cedo do que tarde, na barriada ou no colexio ou incluso na mesma familia: “ti es un fillo/a do cárcere”. Dito biblicamente, “acórdate que es pó e has de volver ao pó”. “A cabra tira ao monte”.

Que lle aporta o cárcere a calquera preso? Nunca a problemas complexos se deben presentar solucións simples. Nin como políticos nin como sociedade de opinión. O problema é moi diverso e amplo. O cárcere é “a grande purga de Benito”: Vale para todos os desaxustes condutuais. É o ‘sistema-parche’ xeral e universal que nós, como sociedade, creamos para solucionar todas as disonancias condutuais, sexan cales sexan. “Veña xa! Ao cárcere! Que nolos quiten de diante”. Non vale culpabilizar logo ao funcionariado. Pode haber casos illados con problemas, pero non é culpa deles. Son problemas estruturais.

Intentouse co art. 25, § 2, da Constitución afrontar o problema. Pero aí ficou. Gran parte das leis que deberan ir desenvolvendo e dotando institucionalmente de medios as distintas respostas adecuadas por sectores e grupos de problemas, están sen desenvolver.

Poño por caso toda a sanidade psiquiátrica pública e as respostas adecuadas para toda a poboación, por sectores parciais, con institucións para diagnósticos precoces e preventivos e con respostas e terapias axeitadas. Hai, por exemplo, cárceres-granxa para psiquiátricos con bos resultados. Pero hai que inverter en persoal especializado e medios.Todo iso segue dentro da sanidade xeral, limitada aos Centros de Saúde, coma unha gripe ou un catarro común. E conste que os sanitarios deses Centros fan moitísimo máis do que poden. Pero van máis de corenta anos. Cando chegan os problemas, … cada un que se entenda. Os pobres nunca terán medios para ir á sanidade privada e especializada, moi cara xa desde as primeiras consultas e non digamos logo as terapias en réxime de internamento. Que tampouco están ben orientadas. Están ao lucro!

Pero somos principalmente nós, a sociedade civil, os algo máis que presuntos implicados. Só sabemos repetir como berro común: “Que podrezan no cárcere”, vitimizamos vindicativamente. Se a un neno en vez de mandalo á escola o mandamos a coidar do gando non lle podemos esixir que estea preparado coa EXB ou o Bacharelato. Non está no sitio nin co tempo adecuado.

Moitos dos reclusos, de seren xente con problemas, retirámolos da sociedade con xuizos legais, (faltaría máis), por discordantes sociais ou perigosos. Pero non están no sitio que lles axude a curarse, rehabilitarse, reeducarse, reinsertarse e resocializarse. Nin nós os acollemos na sociedade cando saen para poderen valerse en por si. Nin temos instrumentos e institucións de acollida e reinsercion e resocialización. Nin persoal especializado suficiente.

Sabes, por exemplo que está medrando o número de reclusos que non quere saír do cárcere porque non se cren capaces de saíren adiante e, por medo, prefiren seguir presos?

Tamén está constatado que un sector non pequeno saen peor. E máis preparados para delinquir de novo coa solución para sobreviviren e que eles mesmos che din que teñen claro que serán reincidentes? Eles están dentro dun sistema que todos nós, sociedade civil, preparamos como a grande solución para todo: Que podrezan aí!

Dito todo o anterior, claro que non lles aporta nada do que se debía. Fainos peores. É o cárcere un fracaso colectivo pero con moitos intereses detrás, de todo tipo. Moitos especialistas serios nestes temas din que hai que ir a outras formas de tratar toda a inadaptación o desadaptación social. “Outra xustiza é posíbel. Outro cumprimento das penas é posíbel.

Pero agora xa é tarde. Seguimos falando na conversa seguinte. Cóidate.