A ‘Directa’ tivo acceso ao rexistro dunha formación de docentes de escolas na Área Metropolitana de Barcelona realizada polos departamentos de Interior e Educación no cadro do Protocolo de Prevención, Detección e Intervención de Procesos de Radicalización Islamista (PRODERAI) que é, segundo afirman, un cúmulo de elementos estigmatizadores da comunidade musulmana.

 

 

 

A Directa tivo acceso á grabación dunha sesión formativa do Protocolo de Prevención, Detección e Intervención de Procesos de Radicalización Islamista (PRODERAI) dos Mossos d’Esquadra impartida diante dunha equipa de docentes de diversos centros escolares da Área Metropolitana de Barcelona. Nesta formación, un axente da policía catalá describiu como posíbeis indicadores de radicalización islamista trazos culturais e relixiosos propios da comunidade musulmá: comida de tradición halal, non maquillarse, non celebrar o Nadal ou levar tatuaxes feitos con henna, unha tinta natural moi empregada nos países árabes.

As formacións do programa PRODERAI foron desenvolvidas, desde novembro de 2016, para todas as equipas directivas dos centros educativos -públicos e concertados- de Catalunya. Como xa explicaba a Directa nunha reportaxe publicada no mes de novembro de 2017 -através de testemuños-, os indicadores que terían de activar as alarmas dun posíbel caso de radicalización islamista “estigmatizan e criminalizan” prácticas habituais da comunidade musulmá. Este suposto fica confirmado através das grabacións inéditas que agora dan a coñecer.

Como consecuencia da falta de transparencia e información sobre estas formacións por parte do departamento de Interior da Generalitat de Catalunya, até agora só se tivera acceso aos indicadores grazas ás notas e apontamentos que tomaban durante as formacións algunhas membros das equipas directivas. Agora, un ano despois, a Directa tivo acceso á grabación completa dunha destas formacións -de catro horas de duración- en que son pormenorizados estes indicadores e os perfis que o profesorado tería de vixiar, segundo os Mossos d’Esquadra, como “potenciais terroristas” dentro das escolas.

Ver aqui a información na íntegra.

Vicent Almela | @La_Directa
Ainhoa Nadia Douhaibi | @ainhoa_nadia