“Non hai nada xusto ou inxusto que non mude a súa natureza coa mudanza dos puntos cardeais”

Bernard von Brentano

Por moito que raspen o manto de xeo e levanten a neve con pá e picareta, non van achar moitas referencias na prensa madrileña á reunión da JURI que terá lugar mañá quinta-feira no Parlamento Europeo para ouvir á porta fechada Puigdemont, Ponsatí e Comín, sobre o pedido de levantamento da inmunidade. Tampouco as houbo da propia recusa da xustiza belga a entregar Puig. Silencio. Como o que se apropia da terra cando a neve deixa en suspenso a vida.

 

Puigdemont, Comín y Ponsatí, en Perpiñán en febrero

 

Non é que eu crea que tal virada no interese polas peripecias xurídicas do caso Puigdemont teña a ver coa meteoroloxía. É unha cuestión que xa non rende na guerra política e, alén diso, non está nada claro que as derrotas non vaian acumularse como a neve nas rúas. O que non interesa ao relato político tende a desaparecer das primeiras páxinas e así vamos. Apenas o intrépido González Pons fixo unhas declaracións hai menos dun mes: “Ventilaremos o pedido e enviaremos Puigdemont a España así que poida reunirse a Comisión Xurídica”. A comisión reúnese mañá quinta feira pola tarde, se entre as filomenas e os virus non impiden que cheguen a Bruxelas as persoas imprescindibeis para iso. Daí a que despois vaian enviar Puigdemont para España hai un treito tan longo, tan longo, tan longo que case tende ao infinito. Parecería que Pons está a dicir ao mundo que o pedido de levantamento da inmunidade é o rufar final de tambores e que se este fose aprobado, a sorte estaría lanzada e veriamos o expresident nunha prisión española agardando a ser xulgado polo Tribunal Supremo e, a verdade, as cousas non son nin moito menos así.

Primeiro, porque non está claro que o pedido sexa concedido -esta é unha decisión política que sairá do voto dos parlamentares- e, segundo, porque o que autorizaría o Parlamento Europeo ao levantar a inmunidade sería que a xustiza puidese ocuparse de Puigdemont, Comín e Ponsatí. Claro, mais, que xustiza? Pois a belga, obviamente, que é o lugar en que residen (manteñamos fora Ponsatí de momento). O que o Europarlamento abriría sería o camiño á resposta sobre a OEDE, tal e como aconteceu con Puig e iso veríao o mesmo xuíz de instancia que viu o de Puig e a mesma sala de apelacións que fallou sobre Puig, coa actuación da mesma Procuradoría que recuou e desistiu de seguir recorrendo. Ven?

Por iso é tan interesante a lectura da resolución belga que recusa a entrega de Puig que acabo de terminar. A sensación que me resta é a de que os colegas belgas viron perfectamente a cara aos colegas do Supremo español e que teñen clarísimo o que estiveron facendo para ficaren eles coa competencia. Tanto como o teño eu e outros moitos que levamos desde o inicio dicindo que se retorceron e até mudar as normas para sacar de Catalunya o asunto.

 

A sensación que me resta é a de que os colegas belgas viron perfectamente a cara aos colegas do Supremo español e que teñen clarísimo o que estiveron facendo para ficaren eles coa competencia

 

“O Tribunal Supremo español declarouse reiteradamente competente para xulgar todos os co-acusados sobre a base da estreita conexión entre os delitos sen que exista unha base legal explícita para ampliar esa competencia (…) constátase que hai motivos fundados para crer que a execución da OEDE produciría vulneración dos dereitos fundamentais”, din literalmente os belgas. Non existía unha norma previa e explícita sobre esa competencia senón que esta foi montada sobre conexións que tampouco ven nada claras. Para iso o tribunal belga achou por ben estudar as conclusións do estudo emitido polo Grupo de Traballo sobre Dereitos Humanos da ONU, do que afirman, como é lóxico, que é un organismo que cumpre cos requisitos de emitir información obxectiva e fidedigna. É probabelmente nese relatorio no que foron lendo unha após outras as trapazas, a enxeñaría xurídica, ou como queiran chamala, que foron facendo desde o inicio do procedemento para conseguir que a competencia recaese nos órgaos centrais de Madrid: o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional.

Expoñen os belgas que o seu propio estado foi condenado dúas veces por Estrasburgo “por vulneración do artigo 6” por a Corte de Casación belga, o seu TS, se ter arrogado competencias tendo en conta a súa propia xurisprudencia e non normas “explícitas” previas. Aí os apañan. Parece que é un costume que non só se dá en España. Sería demasiado sinxelo aceptalo porque permitiría calquera corte suprema facerse con todo aquel asunto que quixese. Chegaría con faceren eles a súa propia xurisprudencia para apoiar as súas propias accións sen que ningún outro órgao inferior do país puidese contradicilos. Exactamente o que aconteceu aquí.

Na resolución belga fálase tamén das declaracións políticas realizadas por maxistrados que poñen en causa a presunción de inocencia. Tampouco é verdade que os xuíces teñan unha liberdade de expresión tan ampla que lles permita dicir o que queiran tamén en relación a asuntos sobre os que van pronunciarse. Dá moita vergoña que teñan de llo lembrar outros colegas desde fóra.

Así que Puig fica e case parece que Puigdemont tamén. Con esa argumentación resulta imposíbel pensar que aínda sendo aprobado o pedido de levantamento de inmunidade os belgas vaian entregalo. As normas “explícitas” previas deixan ben claro que son os órgaos cataláns os competentes.

Talvez neste cadro debamos inscribir a proposta de relatorio que Conde-Pumpido presentará para resolver o amparo presentado por Meritxell Borràs en que tamén cuestiona esa competencia. Avanzouse que o maxistrado progresista do Constitucional, amigo de sempre do procurador Zaragoza, defende tamén a idea da competencia por seren os feitos delituosos inescindibeis uns dos outros. Talvez se o Tribunal Constitucional falla a tempo, esa resolución será considerada unha baza para levar aos belgas se deben estudar o caso Puigdemont, mais tampouco mudaría en nada a interpretación que fai a soberana xustiza belga. Subliño o de soberana por ese costume que se estendeu entre parte da xudicatura española de desrespectar e até faltar aos xuíces estranxeiros que non compran as manobras con tanta soltura como eles. O certo é que o mesmo medo que di Llarena que lle dan os belgas dá aos belgas Llarena. Non sei se me explico.

En todo caso, en tanto todo iso acontece, en Madrid fálase só do tempo.

Talvez algúns no centro da Vila e Corte fiquen xelados no fin de todo este asunto. Non parece de que vaian darlles a razón.

Elisa Beni

El Nacional