O dereito pode interesarse pola ofensa, pero, en xeral, os insultos persoais deixaron de ter relevancia xurídico-penal. Por que entón protexe o lexislador as crenzas relixiosas contra os agravios? Quizais porque considera que o nivel de tolerancia dun crente non é comparábel ao dun non crente? E non resultaría isto aldraxante para o primeiro? Se fomos evolucionando cara á convicción de que ofender as ideas non merece un castigo, como é posíbel que se manteña no noso Código penal algo moi parecido ao anacrónico delito de blasfemia? Condiciónanos tanto a nosa senda nacionalcatólica?
A blasfemia desapareceu do Código penal en 1988, pero fican nel, entre os delitos contra os sentimentos relixiosos, dous tipos que os xuíces, por fortuna, son remisos a aplicar: a profanación do artigo 524 (os “actos de profanación en ofensa dos sentimentos relixiosos”) e mais o escarnio do artigo 525.1 (o “escarnio dos […] dogmas, crenzas, ritos ou cerimonias” co propósito de “ofender os sentimentos dos membros dunha confesión relixiosa”). Certamente, a lei penal non menciona a igrexa católica e tipifica, no artigo 525.2, o escarnio “de quen non profese relixión ou crenza ningunha”. Non parece, porén, que haxa moitos non crentes dispostos a botar man deste artigo, e iso que a fe cristiá non sempre os trata con demasiada delicadeza. N’A Biblia, mesmamente, pode lerse: “Pensan os parvos para si: / ‘Deus non está’. / Corrompidos, de conduta abominábel: / non hai quen faga o ben” (“Salmos”, 14,1 e 53,1).
A represión das condutas non violentas contra a relixión amosa a consideración das crenzas como fenómenos dotados dun plus merecedor de protección. Utilizar a liberdade de expresión para ferir a sensibilidade dos crentes pode parecer de mal gusto, irreverente ou pouco intelixente –se dificulta a convivencia nunha sociedade plural–. Pero debe ser un acto puníbel nun Estado aconfesional? E con que criterio exactamente? Son os propios practicantes da relixión os que deciden que é o que lles resulta ofensivo? E, en tal caso, por que deben todos os cidadáns aceptar esta decisión? Acaso non se espera dunha cidadanía democrática que aceptemos o cuestionamento das nosas ideas e crenzas? E que pasa con aqueles que conciben o ataque a unha relixión como un acto saudábel e liberador contra unha fe escurantista e sobrevalorada?
Algo máis da terceira parte dos Estados do mundo perseguen as condutas antirrelixiosas, como fai España. Estes 71 países limitan as liberdades individuais en nome dun deus. (Dentro deste club, España é, afortunadamente, un dos Estados que menos se desvía do estándar internacional en materia de dereitos humanos.) Con todo, e malia a situación de manifesto privilexio de que goza no noso país, a poderosa corporación católica amosa unha permanente actitude vitimista. O arcebispo de Santiago de Compostela, por exemplo, acaba de denunciar a fobia ao cristianismo fomentada, segundo el, polo laicismo. Pero non cre, monseñor, que nunha sociedade secularizada, por antiga que sexa a súa tradición católica, ten sentido pedirlles aos crentes que robustezan os seus sentimentos? Non ve canta xente hai que non fai o ben?
Fonte: Praza Pública