O Relator Especial da ONU no Consello de Dereitos Humanos, Dainius Pūras, sintetiza no seu informe anual de 2020 o principal problema arredor da atención aos problemas de saúde mental, marcados pola dominación do modelo biomédico reducionista, e advirte sobre o enfoque que ha de rexer en todas as estratexias de prevención e tratamento neste eido: “a forma de superar esa dominación require unha acción transformadora en materia de dereitos humanos”.

O sufrimento, substanciado en moitas ocasións nun diagnóstico psiquiátrico, é unha resposta humana, ás veces extrema na súa intensidade, ante condicións da vida en ocasións tamén extremas. Non se pode negar ou minimizar o impacto físico e emocional das situacións de desigualdade, discriminación e violencias que fan que a vida non se poida vivir.

Pola contra, a resposta social a unha situación que nos concirne a todas e todos con frecuencia é neglixente, pois a solución asistencial que damos é a de individualizar o sufrimento, descontextualizalo da súa orixe social, medicalizalo e, paradoxicamente, anular a identidade da persoa que hai detrás do diagnóstico.

Isto ten consecuencias moi graves, como podemos ver a continuación.

Perpetuamos os estereotipos que rodean a enfermidade mental: a suposta incompetencia das persoas diagnosticadas para tomar decisións que afecten ás súas vidas; a debilidade persoal como motivo do seu sufrimento; e o máis grave, pensar que son impredicibles, perigosas e violentas.

Os prexuízos cara á enfermidade mental (o desprezo, o rexeitamento, o temor, ou a desconfianza) fan que as persoas nunha situación de especial vulnerabilidade non se atrevan a buscar o apoio dos seus achegados e a atención profesional á que teñen dereito. O silencio e a negación do sufrimento provoca máis illamento e soidade.

Resultado disto, determinadas medidas asistenciais e sociais incorren en prácticas coercitivas que vulneran gravemente os dereitos das persoas con diagnóstico psiquiátrico como se fosen expulsadas da súa condición de cidadás, e que a sociedade acolle sen cuestionamento como un mal menor, necesario para unha suposta protección da persoa e da sociedade, ou medida preventiva dun perigo ominoso. Aínda que os datos ofrezan unha realidade totalmente diferente, como é a de que as persoas cun diagnóstico de trastorno mental son máis frecuentemente vítimas de violencia que as causantes da mesma.

Nada do que aínda ronda no imaxinario colectivo é certo. Pero as mentiras perpetúan a discriminación das persoas diagnosticadas, e amplificadas en ocasións en noticias de tan alto impacto mediático como escaso o seu rigor. Ou incorrectamente lexitimadas por supostos expertos.

Non debemos seguir sendo cómplices das vulneracións de dereitos humanos en saúde mental. Ninguén pode quedar atrás.

Rosa Cerqueiro Landín