O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ditaminou que Arnaldo Otegi, Rafa Díez, Sonia Jacinto, Miren Zabaleta e Arkaitz Rodríguez non tiveron un xuízo imparcial e que se vulnerou o artigo 6.1 da Convención Europea de Dereitos Humanos, que establece o dereito a un xuízo xusto.

BateragunekoakZabaleta, Otegi, Díez, Jacinto e Rodríguez en agosto pasado, cando o ex secretario xeral de LAB saíu de prisión. (Aritz LOIOLA/FOKU)

 

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciou por unanimidade que a Audiencia Nacional española vulnerou o dereito a un xuízo xusto de Arnaldo Otegi, Rafa Díez, Sonia Jacinto, Miren Zabaleta e Arkaitz Rodríguez, que foron condenados a entre seis e seis anos e medio polo ‘caso Bateragune’.

O que se ventilaba neste recurso era se o xuízo a Arnaldo Otegi e os seus compañeiros fora «xusto» ou non, que é o que suporía unha violación do artigo 6.1 do Convenio Europeo, ao que se atén o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos: «Toda persoa ten dereito a que a súa causa sexa ouvida equitativa, publicamente e dentro dun prazo razoábel, por un tribunal independente e imparcial, establecido pola lei…», comeza dicindo ese artigo.

A sentenza establece agora que si se violou o citado artigo.

Antecedentes no xuízo por ‘Gatza’, que tivo que repetirse

Os antecedentes son coñecidos. A presidencia do tribunal no xuízo celebrado en xuño-xullo de 2011 foi exercida por Angela Murillo, que anteriormente vira anulada polo Supremo unha condena a Arnaldo Otegi (por unha homenaxe a Joxe Mari Sagardui ‘Gatza’, preso na altura) debido á súa manifesta parcialidade. Nese caso produciuse a circunstancia de que Otegi foi xulgado de novo e absolvido, contrariamente ao que fixo o tribunal de Murillo en primeira instancia.

Os sete xuíces destacan ese extremo e sinalan que «o receo dos demandantes (cara a Murillo) podía considerarse obxectivamente xustificado», tendo en conta que dous meses antes o Tribunal Supremo aceptara a súa recusación noutro caso. Así, consideran que Murillo mostrou unha «falta de imparcialidade que contaminou» o resto de xuíces do tribunal, o que fixo que a vista oral tivese que ser repetida.

Naquela vista de marzo de 2010 pola homenaxe a ‘Gatza’, a xuíza respondeu con varios exabruptos ao líder independentista xulgado («por min como se toma viño», dixo cando Otegi pediu auga) e na fase final da vista preguntoulle se condenaba a violencia de ETA, o que o Supremo entendeu como a manifestación dun «preconcepto acerca da culpabilidade», polo que ordenou repetir o xuízo. Con outro tribunal diferente, foi exculpado.

Apesar desa anulación en febreiro de 2011, Murillo foi mantida tamén como a presidenta do tribunal do ‘caso Bateragune’, onde certamente tivo unha actuación máis moderada. Loxicamente a defensa dos acusados pediu antes da vista a súa recusación e a dos outros dous xuíces (Juan Francisco Martel e Teresa Palacios) dunha terna que estaba moi marcada politicamente, mais a demanda foi rexeitada. En consecuencia, Murillo, Martel e Palacios xulgaron o asunto na Audiencia Nacional e ditaron as condenas iniciais, que ascenderon a dez anos no caso de Otegi (logo rebaixada a seis e medio polo Supremo).

Estrasburgo afirma que Otegi e os seus compañeiros xustificaran obxectivamente os seus temores sobre a falta de imparcialidade deses maxistrados.

Rexeita a compensación económica solicitada por Rafa Díez

O tribunal rexeita a compensación económica que solicitou Rafa Díez e conclúe, por 6 votos a 1, que sentenciar que houbo unha violación de dereitos é en si «suficiente satisfacción xusta por calquera dano inmaterial sufrido» polo ex secretario xeral de LAB.

Este punto conta cun voto particular da maxistrada Hellen Keller, quen si considera que o tribunal tiña que concederlle unha «satisfacción equitativa» en lugar de só afirmar que establecer que houbo unha vulneración de dereitos é suficiente.

Naiz