Despois de o Parlamento Europeo ter votado no pasado 26 de marzo de 2019 a nova directiva de Copyright, o colectivo Xnet sinalou en comunicado que “non só é un día negro para os dereitos na era dixital, senón tamén para a calidade democrática das institucións europeas”. Finalmente gañaron os lobbies do copyright. Nin xigantes como Google ou Facebook puideron impedilo.

 

Resultado de imaxes para negro el once

 

O Parlamento Europeo aprobou o 26 de marzo a reforma de lei de copyright por 348 votos a favor, 274 en contra e algunhas abstencións. Os controvertidos artigos 11 e 13 (agora 15 e 17) que xeraron no pasado ano o ‘apagamento de Wikipedia’, entre outras tantas mobilizacións de colectivos e personalidades da Internet, hoxe son lei europea e deberán ser levados en todos os países comunitarios ás leis estatais, onde corresponda regular o copyright, nun prazo máximo de dous anos.

Unha vez aprobada no Parlamento Europeo, a reforma do copyright deberá ser adoptada polo Consello da Unión Europea (que meses atrás rexeitara os artigos 11 e 13 e con iso lograba abrir unha xanela de esperanza en defensa das liberdades na internet). Isto podería acontecer o próximo 9 de abril.

O repudiábel e condenábel desta modificación é que se ataca a esencia mesma da Internet en tanto como usuarios non nos limitamos a consumir contido, senón que tamén achegamos (partillando links, creando novos contidos a partir dos existentes, etc.). A partir desta decisión do Parlamento Europeo haberá que pensar nunha nova Internet, cun modelo similar á televisión: dun único sentido. Soamente poderemos consumir materiais, noticias e contidos sen a posibilidade de partillar, por exemplo, un meme.

Os agora artigos 15 e 17 obrigan ao control de todo o contido subido á Internet. A cantidade de contidos que se soben fai impensábel que a tarefa poida realizarse con humanos moderadores, o que obrigará probabelmente a usar filtros automatizados que talvez non detecten ironía ou humor e censuren infinidade de contidos.

Os ‘artigos negros’ (vexa o prato de roleta: 11, 13, 15 e 17 son negros!!)

Artigo 11, agora 15 (usos dixitais das publicacións de prensa): con estas medidas a Unión Europea exporía a implantación dunha especie de taxa Google ou Canon AEDE. Os editores de publicacións de prensa poderían xerir os seus dereitos de autor, cobrando ou non a quen os enlacen ou os usen de fonte certo cantidade como pagamento por facer uso da información con dereitos de autor. Enlazar ou citar converteríase nun verdadeiro problema tanto na práctica como na súa xestión e as súas consecuencias legais. (Fonte kaosenlared. net)

Artigo 13, agora 17 (vixilancia de contidos protexidos por parte de fornecedores): neste caso a normativa obrigaría as plataformas de contidos a monitorizar o que os usuarios soben para comprobar se violan ou non os dereitos de autor. Cada servizo tería que crear un sistema tipo Content IDE de YouTube que permitiría detectar violacións dos dereitos de autor. Non só de música, senón de calquera contido. Sitios como a Wikipedia -aínda que a UE citou este caso como unha excepción- ou GitHub que avogan pola libre partilla de información e coñecemento, por exemplo, estarían entre os afectados. (Fonte: xataka.com)

Sen dúbida estamos ante a presenza dunha mudanza radical en beneficio dos grandes lobbies do copyright que impactará na Internet tal e como a coñecemos hoxe día. En Latinoamérica non podemos pensar que todo isto será inocuo para nós en tanto accedemos a diario a sitios europeos, enlazamos artigos, imaxes ou vídeos aloxados ou producidos na Unión Europea, utilizamos servidores aloxados na Unión Europea e portanto estarán sometidos á nova lexislación.

A Internet é global, non ten fronteiras, xa está suficientemente dominada polos enormes oligopolios transnacionais (Google, Apple, Microsoft, Facebook). Xa estes oligopolios son quen nos filtran, controlan, analizan o noso comportamento e con iso móstrannos o que queren que consumamos (xa sexa con fins comerciais mais fundamentalmente políticos). Agora serán eles mesmos -apesar de se oporen a esta nova forma de control, porque vai en contra dos seus intereses comerciais- quen aplicará máis control e censura sobre o noso uso e acceso á ‘rede de redes’.

Latinoamérica loita contra muros de Trump, ameazas de invasión e bloqueo tanto en Venezuela como Cuba, inféstase de bases militares norteamericanas, os gobernos viran á dereita e a ultra dereita. A corrupción dos novos gobernantes é alarmante e xa levou ex presidentes á xustiza e seguro levará varios outros (Temer e Moreno os máis ‘destacados’ viiiix). Tamén son ollados con máis ‘agarimo’ os TLC coa Unión Europea e Oh paradoxo! todos os TLC teñen varios parágrafos dedicados exclusivamente a temas de dereitos de autor.

Con UNASUR desarmándose, MERCOSUR trabado, nacemento de PROSUR (á dereita do sur), destrución de conquistas civís en toda a Latinoamérica: Como situamos propostas alternativas e contra-hexemónicas nestes escenarios? Sen dúbida os pobos, hoxe máis que nunca, teñen a palabra…

Enrique Amestoy