A Sala, presidida pola maxistrada Helena Jäderblom, considera que o Reino de España vulnerou o artigo 6.1 e 3 da Convención europea de Dereitos Humanos ao non escoitar persoalmente a versión das tres persoas condenadas -Juan María Atutxa (PNV), Gorka Knorr (EA) e Kontxi Bilbao (EB-EU)- por negárense a disolver o grupo parlamentar de Batasuna (Sozialista Abertzaleak).
O recurso das 3 persoas condenadas por desobedeceren a orde do Tribunal Supremo sostiña que se vulnerara o seu dereito a un proceso con todas as garantías porque os parlamentares foron condenados en segunda instancia, sen se lles dar a “posibilidade efectiva” de dirixirse persoalmente ao alto tribunal. E agora Estrasburgo dálles a razón.
O expresidente da Cámara vasca Juan María Atutxa -agora presidente da Fundación Sabino Arana– foi condenado polo Supremo en abril de 2008 a un ano e medio de inhabilitación e 18.000 euros de multa, resolución que confirmou cinco anos despois o Tribunal Constitucional. O delito, negarse a disolver a orde do Alto Tribunal de disolver o grupo parlamentar de Batasuna na Cámara vasca (Sozialista Abertzaleak). Tamén foron condenados a un ano de inhabilitación e 12.000 euros Gorka Knorr, entón parlamentar de Eusko Alkartasuna (EA), e Kontxi Bilbao da formación xa desaparecida Ezker Batua-EU.

