P.E.G. cumpre condena no módulo de isolamente do CP de Teixeiro, está clasificado en 1º grao de tratamento, réxime de vida “2ª fase”. Segundo o seu testemuño, o pasado 21 de xaneiro funcionarios do cárcere teríanno insultado, ameazado e posteriormente espancado con brutalidade. Os malos tratos non foron precedidos de incidente algún, o que parece suxerir que se tratou dun acto baseado exclusivamente na crueldade dos autores.

 

Resultado de imagem para carcel teixeiro

 

Dacordo co relato da propia vítima, sobre as 17:00 do 21 de xaneiro os funcionarios procederon a abertura das celas para os penados saíren a pasar o tempo en común que corresponde a este réxime prisional. No entanto, na cela 17 da primeira galería asignada a P.E.G. o funcionario (individuo de cabelo canoso, estatura baixa e lentes) abre unicamente a porta exterior, deixa fechada a porta interior (coñecida como “caranguexo”) e avisa o penado: “Tu te quedas el último”.

Cinco minutos máis tarde, cando xa o resto dos presos abandonara a galería, o funcionario regresa, abre a porta, dille que saia e diríxese con el ao detector de metais onde xa están outros dous funcionarios. A intención de P.E.G. é acceder á sala de televisión, mais un dos dous funcionarios que esperaban xunto ao detector (nome probábel Bonifacio), córtalle o paso e espétalle que un “preso asqueroso” como el non deberia celebrar o seu aniversario (P.E.G. naceu un 21 de xaneiro). O preso contesta en idénticos termos, indicando que peor é ser funcionario de prisións, e tenta proseguir o seu camiño até a sala de TV para evitar problemas. Porén, cando chega á porta, comproba que a cancela está fechada e o funcionario baixo e canoso ordénalle dirixirse á sala do educador para ser sometido a unha inspección corporal (nu integral). P.E.G. entra na sala indicada e deposita a roupa sobre a mesa, momento en que, sen a examinar, o funcionario atíraa ao chan e ordena o preso dirixirse á cela de isolamento provisorio. Nese momento, P.E.G. sinala que o funcionario non ten competencias para acordar esa medida e négase a dirixirse á cela até non estar presente o xefe de servizo, o único que pode dar a orde.

 

Resultado de imagem para carcel teixeiro

 

Pouco despois chega o xefe de servizo acompañado dun elevado número de funcionarios armados con porras e, no momento en que P.E.G. vai explicarlle o que acontecera, o propio xefe de servizo golpéao na cara e inmeditamente o preso é deitado no chan polos funcionarios, que o espancan con porras, nomeadamente nos pés e cabeza, e lle pisan reiteradamente as mans.

Despois esta agresión, os funcionarios levan a rastas o preso coas alxemadas nas costas, á cela 29 (segunda galería) para lle aplicar o isolamento provisorio. Alí tíranlle as alxemas e deposítanno sobre un colchón.

Como é preceptivo nos casos de isolamento provisorio, acode o médico do cárcere (nome probábel José Antonio e cargo, tamén probabel, subdirector médico) . P.E.G., con múltiplas lesións que sangran abundantemente, pédelle que o examine, que o trate e que levante o correspondente parte de lesións.

Mais o médico négase a expedir parte e a proporcionar cuidados ao penado. Ante esta situación, P.E.G. bate coa man dereita nun vidro, producíndose cortes no pulso dereito, e engole trozos de vidro, o que provoca que, finalmente, após un tempo na cela, sexa levado nun furgón da Garda Civil ao Hospital. Alí a médica que atende -do Servizo Galego de Saúde- ordena aos axentes que lle tiren as alxemas, procede a obter RX e proporciona ao penado os cuidados médicos necesarios. Tamén pauta realización de curas nos días sucesivos, mais os médicos do centro penitenciario non as realizan.

Nestes momentos o preso está novamente na cela 17 da primeira galería.

Situación observada directamente por EsCULcA

O 27 de xaneiro, P.E.G. ainda presentaba lesións visíbeis detrás da orella dereita, no dedo índice da man esquerda, no dedo mainiño da man dereita, na uña do dedo grande do pé esquerdo e no dedo contiguo e no mainiño. Tamén presentaba hematomas no nocello esquerdo.