Na madrugada do 7 de agosto, case 300 persoas tentaron entrar en Ceuta a través da pasaxe fronteiriza de El Tarajal, delas finalmente conseguírono 187. Ante as imaxes publicadas nalgúns medios de comunicación que mostraban como a actuación dalgúns dos axentes consistiu en propinar golpes con porras e pontapés aos migrantes que tentaban entrar sen faceren uso da violencia, o director de Amnistía Internacional, Esteban Beltrán, declarou:

“É inaceptábel, tal e como mostra o vídeo, que se tente parar a entrada de persoas migrantes e posibeis refuxiadas a base de pontapés e pancadas. Escribimos ao Ministro de Interior, Juan Ignacio Zoido, para solicitarlle información sobre a actuación policial na pasaxe fronteiriza. Como reiterou a organización en anteriores ocasións, é necesario que sexan revisados integralmente os protocolos de actuación nestes casos para garantir a existencia e aplicación efectiva de salvaguardas que protexan os dereitos das persoas migrantes, solicitantes de asilo e refuxiadas.”

Amnistía Internacional constatou con preocupación o imposíbel acceso aos postos fronteirizos para as persoas de orixe subsahariana que desexen solicitar protección internacional, sendo a única opción viábel a entrada de maneira irregular, ben tentando saltar o valo, escondidas en vehículos ou a través do mar en perigosas e inseguras embarcacións, ou mesmo nadando. O últimos tres intentos de entrada deste mes, entre os que podería haber persoas refuxiadas, son unha mostra máis da necesidade de garantir a existencia de postos habilitados de asilo, e, en canto isto non acontecer, estas persoas continuarán recorrendo a rotas perigosas”.

“Doutra banda, as declaracións do Delegado do Goberno en Ceuta, en que indicaba que a rotura de tibia e peroné dun axente foi consecuencia da ‘actitude violenta dos inmigrantes’, e que o vídeo parece desmentir, poderían contribuír a fomentar un discurso do odio e a xenofobia. Amnistía Internacional denunciou en numerosas ocasións como a retórica do nós contra eles soi incrementándose nos últimos tempos, e que é necesario lle pór fin”.

Ler máis.