Máis policías que actuaron durante o referendo do 1-O en Girona, e que nesta sexta-feira declararon no xulgado como investigados, negaron agora que se fixesen cargas e falan “de actuacións defensivas de retirada”. Hoxe, o xulgado tomou declaración a catro policías máis, entre eles dous oficiais.

violencia referendum 1-O barcelona - Sergi Alcázar

 

O día do referendo, estes investigados formaron parte dos dispositivos que foron á Escola Verd e ao colexio Dalmau Carles. O portavoz dos avogados voluntarios, Albert Carreiras, explica que os policías coincidiron á hora de explicar que eles “só utilizaron as porras para retirarse e defenderse”. Unha versión que choca con imaxes que foron exhibidas á mesma xuíza durante o interrogatorio.

Este posicionamento contradi o que declararon na pasada segunda-feira tres policías que formaron parte da Operación Copérnico, que non negaron as cargas senón que as xustificaron como “accións defensivas”.

Os avogados cren que, a medida que se van sucedendo as declaracións, os policías investigados van “corrixindo” a súa versión. “Eu creo que hoxe a xuíza, en varias ocasións, notou que lle faltaban á verdade”, subliñou Carreiras.

Os avogados voluntarios, que exercen a acusación, subliñan que os axentes van mudando e adaptando” o relato a medida que se van sucedendo as declaracións. E cren que, antes de pasaren polos xulgados, aos axentes danlles “instrucións” sobre aquilo que teñen que dicir e como explicalo.

“Notamos que mudan o relato; é dicir, van corrixindo a maneira de describir a actuación en función das irregularidades e contradicións que van saíndo”, critica Carreiras. E pon un novo exemplo. Se antes outros axentes declararon que un dos insultos que os ofendeu máis era que lles dixesen “españois”, hoxe os policías concretaron que lles chamaban “españois de merda”.

Preguntas e repreguntas
Os avogados voluntarios tamén subliñan, contodo, que coas declaracións de hoxe tamén houbo contradicións. Explican o caso dun axente que saltou o valado da Escola Verd, e que repetiu “até tres veces” ante a xuíza que só fixo uso da porra nunha ocasión. Inicialmente dixo que a sacara porque estaban “rodeados”, e que en ningún caso estivo dentro do colexio.

A xuíza, contodo, pasoulle un vídeo en que se ve o axente escalando a cerca. “El mesmo recoñeceuse e as imaxes mostran como salta o valado do Verd utilizando a porra”, concretou Albert Carreiras. E nesa altura, o policía explicou que o fixo “para protexer un dos seus compañeiros, que estaba no outro lado e a quen estaban a agredir.”

“A partir de aquí, será a xuíza quen tirará as súas conclusións”, dixo o porta-voz dos avogados voluntarios. “Mais eu creo que ela mesma, en varias ocasións, notou como estaban faltando á verdade, e daí viñeron as preguntas e repreguntas”, engadiu Carreiras.

O xulgado citou a declarar como investigados catro policías máis para a próxima segunda-feira. E na quinta-feira, instrución 2 tomará declaración ao axente que perdeu a cámara GoPro na Escola Verd. Neste caso como testemuña.

Sergi Alcàzar

El Nacional