Segundo a información da Policía recollida por medios internacionais, foron detidas ademais seis persoas e outras tantas “fuxiron”. Ademais, hai orde de detención para 18 persoas.
As mortes, dixeron, producíronse por resistirse ao arresto. Porén, a organización de dereitos humanos Karapatan e o partido Kabataan que se tratara de “execucións”. Entre os falecidos está Manny Asuncion, un líder sindical na provincia de Cavite, ás aforas da capital Manila, segundo confirmou a federación de mariñeiros Pamalakaya.
Outros dous sindicalistas, marido e muller, tamén foron abatidos na provincia de Batangas, informou a publicación estudantil UPLB Perspective, da Universidade das Filipinas. O fillo de Ariel e Chai Evangelista, de 10 anos, permanece en paradeiro descoñecido.
As operacións policiais producíronse tras o discurso de Duterte. “Díxenlle ao Exército e a Policía que de se encontraren nun encontro armado cos rebeldes comunistas, que os maten, que se aseguren de matalos, e liquidalos se estiveren vivos”, manifestou nunha xuntanza gobernamental para tratar temas de contraterrorismo.
“Simplemente asegurádevos de devolver os cadáveres ás súas respectivas familias”, dixo, e engadiu: “Esquecédevos dos dereitos humanos. Esa é a miña orde. Estou disposto a ir ao cárcere, ese non é un problema”.
“Non teño escrúpulos ningúns en facer as cousas que teño que facer”, recoñeceu. E dirixíndose aos guerrilleiros comunistas, afirmou: “Sodes todos uns bandidos. Non tedes ideoloxía. Mesmo a China e Rusia son capitalistas agora”. Ao mesmo tempo, prometeulles traballo e vivenda se deixaban as armas.
Décadas de combates
O Novo Exército do Pobo (BHB) é a guerrilla que desde 1968 leva combatendo contra o Goberno filipino, sendo a rebelión maoísta máis duradeira do mundo.
Segundo o Exército, o BHB ─brazo armado do Partido Comunista das Filipinas, PKP─ provocou a morte de máis de 30.000 persoas neste tempo. En varias ocasións tentouse alcanzar, sen éxito, un acordo de paz. O seu líder, Jose Maria Sison, está exiliado nos Países Baixos.
Nós Diario