A Asociacíón Gitanas Feministas por la Diversidad enviou no pasado 22 de xullo escrito ao Defensor del Pueblo en nome da familia de Manuel Fernández Jiménez, de 28 anos, que morreu no 22 de outubro de 2017 en estrañas circunstancias no módulo de isolamento de Albocàsser (Castellò) onde levaba nove meses recluído.  Durante a última visita da familia, o falecido contara que tiña problemas cos funcionarios, que mallaban nel, mais que non quería interpor denuncia por temor a represalias.

 

 

 

Escrito enviado ao Defensor del Pueblo:

GITANAS FEMINISTAS.org (ASOCIACION GITANAS FEMINISTAS POR LA DIVERSIDAD).- Carta enviada por AGFD ao Defensor do Pueblo hoxe, día 22 de Xullo, en nome da familia de Manuel e apoiada polas organizacións abaixo asinantes, reclamando a presentación sen máis demora do relatorio final da autopsia e a investigación a fondo das circunstancias da morte sob custodia de Manuel Fernández Jiménez.

Ante a Oficina do Defensor do Pobo, AGFD Expón:

PRIMEIRO: Que Manuel Fernández Jiménez, de 28 anos e natural de Murcia, falece en estrañas circunstancias no pasado 22 de outubro cando estaba recluído en réxime de isolamento na prisión de Albocàsser (Castelló).

SEGUNDO: Que a familia o visita a mediados de outubro e comproba que Manuel Fernández Jiménez non ten problemas de saúde. Durante esta visita o falecido relata que ten problemas cos carcereiros, que estes mallan nel, mais que non desexa interpor denuncia por temor a represalias.

TERCEIRO: Que uns días despois deste encontro, o 22 de outubro, a familia recibe unha chamada informando que Manuel Fernández Jiménez falecera de morte súbita, que o acharon morto na súa cela repentinamente.

CUARTO: Que cando o día 23 de outubro a funeraria lles entrega o cadáver só permiten aos proxenitores ver a cara do seu falecido fillo. Ao resto da familia non permiten ver nada. Que a familia insiste en ver o corpo enteiro do falecido e comproba que presenta signos de violencia na cara e por todo o corpo: marcas no queixo que alguén próximo identificou como moi parecidas ás que deixa unha pistola ‘taser’ (aparello para aplicar descargas eléctricas); marcas de alxemas e ataduras en pulsos e brazos, e tamén nos nocellos; tiña os dedos amoratados e algunhas uñas rotas, como se estivese forcexando para defenderse; o peito cheo de feridas e hematomas; marcas no pescozo, dentadas e signos de terlle sido inxectada adrenalina no peito.

QUINTO: Que a funeraria non entrega á familia de Manuel Fernández Jiménez ningún documento, nin certificado de defunción, nin relatorio da autopsia que explique as causas do falecemento. Que a familia do falecido ten que esixir algún documento que certifique a situación através dunha avogada, xa que os encarregados da funeraria inicialmente néganse a entregalo. Que após esta reiterada petición, a funeraria entrega á familia unha acta de enterramento.

SEXTO: Que ante estas irregularidades e evidentes signos de tortura, a familia toma as fotografías que se achegan a este escrito e, xunto coa acta de enterramento, acode ao xulgado de garda de Murcia, onde nomean unha procuradora para pediren os documentos en poder do xulgado de instrución nº 4 de Castelló, que leva o caso, e solicita que o corpo non sexa enterrado para poder realizar unha segunda autopsia. Que o xuíz, após recibir o relatorio preliminar da autopsia do Instituto de Medicamento Legal e Ciencias Forenses de Castelló, que sinalaba unha ‘morte súbita a estudo’ e descartaba morte de ‘orixe traumática’, rexeita unha segunda autopsia. Que nesa altura a familia recorre o auto da Xustiza e presenta un recurso de apelación para que se investigue se o falecido sufrira malos tratos e tortura en canto estaba en prisión.

SÉTIMO: Que decorridos máis de nove meses da presentación deste recurso a familia do falecido aínda non obtivo resposta algunha por parte do Xulgado de Castelló. Que a familia aínda está á espera de recibir os resultados definitivos da primeira autopsia para poder seguir coas investigacións e esclarecer a presenza dos hematomas e feridas no cadáver.

OITAVO: Que todo o proceso estivo caracterizado pola opacidade e a falta de transparencia. Que lles foi negada a documentación requirida pondo innumerabeis empecillos burocráticos con actitudes racistas. Que recibiron un trato cruel e non foi respectada a súa dor e consternación. Que ao sufrimento de perderen un fillo súmase o de teren que lidar cunhas institucións xudiciais e penais que se escudan no silencio administrativo.

NOVENO: Que segundo o Comité Europeo para a Prevención da Tortura existe un padrón de malos tratos inflixidos por funcionarios de prisións como unha reacción desproporcionada e punitiva ao comportamento dos reclusos en réximes especiais. Que o caso de Manuel Fernández Jiménez é un dos moitos casos de reclusos de etnia cigana falecidos en prisións europeas en estrañas circunstancias e con signos de violencia.

Por todo o exposto,

SOLICITO:

Que este órgano actúe en consecuencia e investigue as causas da demora e se abra unha investigación interna para determinar as responsabilidades, para que o Xulgado de Castelló dea unha resposta sen máis demora e entregue o relatorio definitivo da autopsia. E que se abra unha investigación concretamente na prisión de Albocásser para esclarecer os feitos relatados, para que finalmente a familia poida obter a información e a xustiza que necesita para chorar o seu fillo en paz.

Esperando a súa rápida resposta ante a gravidade da situación.

Estas organizacións apoian a causa de Manuel Fernández:

FUNDACION PUNXAB, ASIEM, FAGA, ASOCIACION GITANAS FEMINISTAS POR LA DIVERSIDAD, SIKA, ARAKERANDO, PRETENDEMOS GITANIZAR EL MUNDO.

Fonte: Derecho Penitenciario

Noticia anterior