O Centre Delàs acaba co mito da precisión das armas explosivas nun novo relatorio coincidindo coa asinatura en Dublín da Declaración Política para prohibir o seu uso en zonas poboadas: Cando son bombardeadas zonas urbanas, 9 de cada 10 vítimas son civís.

.

 

 

 

As armas explosivas non poden en ningún caso, por moi avanzadas que sexan, como as bombas de precisión ou os drones armados, garantir a discriminación entre civís e combatentes cando son utilizadas en zonas urbanas.

Espérase que ao redor de 75 Estados -incluído o Reino de España- asinen esta declaración en Dublín, entre os que están algúns dos principais usuarios de armas explosivas, así como países afectados.

O uso de armas explosivas en zonas poboadas expón a poboación civil a un alto risco de morte ou lesión e á destrución accidental ou deliberada das infraestruturas das que depende. Así o constata o novo relatorio publicado polo Centre Delàs d’Estudis per la Pau, con motivo da Declaración Política para a prohibición destas armas en zonas urbanas. E é que o 90% das vítimas dos bombardeos en zonas poboadas son civís, tal e como demostra unha investigación da organización AOAV, que desde 2010 documentou en polo menos 130 países incidentes que provocaron danos civís polo uso de armas explosivas.

Os estados e outras partes interesadas reuníronse o 17 e 18 de novembro en Dublín, nunha conferencia internacional para asinar a Declaración política sobre o fortalecemento da protección dos civís frente ás consecuencias humanitarias derivadas do uso de armas explosivas en áreas poboadas. A declaración é unha conquisa histórica co potencial de fortalecer significativamente a protección dos civís contra os bombardeos de aldeas e cidades. O texto é resultado de anos de traballo da campaña internacional que busca a prohibición das armas explosivas (INEW pola súa sigla en inglés) -que o Centre Delàs promove no Estado español-, e do liderado de Irlanda os últimos anos.

En concreto, a Declaración asinada hoxe, pide que os Estados se comprometan a adoptar políticas nacionais e prácticas militares que non danen a poboación civil, a absterse de utilizar armas explosivas con efectos de área ampla en zonas poboadas e recompilar e partillar datos sobre os efectos das armas explosivas. Un total de 112 estados e territorios e 6 agrupacións de estados recoñeceron publicamente o dano causado polas armas explosivas en zonas poboadas en diferentes declaracións.

“Aínda que non son xuridicamente vinculantes, declaracións políticas como esta teñen un peso importante na medida en que poden axudar a esclarecer a aplicabilidade do dereito internacional existente a unha situación concreta ou a esbozar normas de conduta que van alén do dereito vixente. No caso deste tipo de armas, responsabeis de tantas vítimas en guerras de todo o mundo, como ocorreu coas bombas de fragmentación ou as minas anti-persoa, a única solución ante o devastador impacto do seu uso en zonas poboadas, é a súa prohibición”, apunta Camiño Simarro, investigadora do Centre Delàs e co-autora do relatorio.

Un representante do Centre Delàs d’Estudis per la Pau asistiu na quinta-feira 17 e a sexta-feira 18 de novembro en Dublín ao Foro da sociedade civil e á Conferencia para a adopción da Declaración Internacional para a protección dos civís ante o uso das armas explosivas en áreas poboadas.

Apesar de o Dereito Internacional Humanitario ter tratado de restrinxir e prohibir o uso de varios tipos de armas, os ataques indiscriminados e desproporcionados en zonas urbanas parecen ser o prato do día, principalmente através do uso de armas explosivas.

O efecto de certas armas deste tipo tamén pode impedir a produción e distribución de bens e servizos esenciais para o benestar da poboación civil. Os conflitos no Iraq, Siria, Iemen e, máis recentemente, Ucraína demostraron estes graves impactos nas infraestruturas básicas e no contorno do que a xente depende, o que tamén xera un grande sufrimento e vulnerabilidade, así como efectos a longo prazo no desenvolvemento socioeconómico e humano da rexión ou país en cuestión. Tamén fica patente nestes conflitos que o uso de armas explosivas en zonas poboadas constitúe unha das principais causas de deslocamento, tanto no ámbito interno como fora do propio país.

Neste sentido, a investigación achega argumentos que desfan o mito da precisión das novas armas, utilizado por gobernos e exércitos para xustificaren determinadas operacións militares, alegando que respectan o DIH e non afectan a poboación civil. O principal obxectivo destas armas é substituíren os combatentes humanos no terreo, trabando guerras asimétricas cun número moito máis reducido de baixas propias. Están deseñadas, portanto, para diminuír as baixas de soldados en combate mais isto non significa que estean preparadas para reducir o número de vítimas civís. De feito, os autores sinalan que co uso de novas armas robóticas e a proliferación de conflitos armados de baixo custo e risco para a parte atacante, é moi posíbel que morran máis civís que nos ataques con armas convencionais.

“No Estado español tamén escoitamos declaracións neste sentido, como foron as de Josep Borrell, defendendo a venda de míseis á Arabia Saudita, apesar de estaren amplamente documentados bombardeos con numerosas vítimas civís por parte do réxime saudita”, lembra Jordi Calvo, tamén investigador do Centre Delàs e co-autor do relatorio.

A investigación conclúe que a percepción da posibilidade de levar a cabo ataques sen risco pode facer prevalecer as solucións militares por cima das políticas, baixando os limiares para iniciar accións militares. E, por outra banda, que as novas tecnoloxías como a intelixencia artificial permitirán que sexa máis fácil pensar en guerras a distancia máis abstractas, o que pode levar a máis accións militares e a unha escalada incontrolada de conflitos en que a poboación civil é sempre a principal damnificada.

______________________________

O relatorio completo e a declaración en español aquí