Sánchez Bugallo, alcalde de Compostela, afirma que a policía actuou despois solicitar aos mozos abandonaren a zona e que algúns grupos non obedeceron e comezaron a lanzar obxectos aos axentes, “motivo que provocou a carga policial”. Tamén asegura que non lle consta que fosen disparadas bolas de goma apesar de os vídeos mostraren o contrario: axentes disparando e varios mozos con feridas na cabeza producidas por pancadas da policía.

.

 

Coche patrulla da Policía Nacional

 

A policía despexou na pasada quinta feira en Compostela un grupo de máis de 2.000 mozos e mozas que se reuniron no exterior dun local de lecer nocturno despois de este fechar. Dadas as queixas dos veciños e “as negativas dos mozos a abandonaren a zona”, foron dispersados co que o alcalde califica de “cargas policiais puntuais e dirixidas a grupos concretos”.

Xosé Sánchez Bugallo, defendeu a actuación policial durante a noite da quinta feira nos arredores da discoteca Ruta, na zona do Ensanche compostelán.

“Cando a Policía dá unhas instrucións e non son obedecidas, ten o dereito de defenderse e o deber de pór fin a unha situación de infracción que está a ocasionar molestias aos veciños da zona”, asegurou Bugallo.

E é que durante a noite da quinta feira, a partir das 3,00 horas, ao fechar a mencionada discoteca e ser despexado o local, grupos de mozos e mozas reuníronse na zona para continuar a festa e celebrar un botellón. O rexedor matizou que non todos proviñan do interior da discoteca –“onde habería 200 ou 250 persoas”–, e que a multitude podía alcanzar as 2.000 persoas.

“CONFLITO DE ORDE PÚBLICA”

Bugallo subliñou que a policía actuou despois solicitar aos mozos abandonaren a zona, algo que non ocorreu e que algúns grupos comezaron a lanzar obxectos -botellas, vasos e similares–, segundo afirmou o propio alcalde, aos axentes, “motivo que provocou a carga policial”. O alcalde asegurou que non lle consta que fosen disparadas bolas de goma, como aseguran algúns dos participantes. No entanto nalgúns dos vídeos que circulan en redes sociais como Instagram é fácil ver os axentes disparando bolas contra un grupo de mozos, entre os que hai varios con feridas producidas por pancadas da policía.

 

Captura de pantalla dun dos vídeos que circulan polas redes.

 

O alcalde informou ademais de que hai un axente policial ferido, aínda que “leve e dado de alta”. Nos vídeos gravados por algúns dos mozos, publicados en redes sociais, pode verse algún con feridas sanguentas na cabeza; ao que Bugallo contestou que está “seguro” de que os axentes utilizaron “a forza necesaria e suficiente para conseguir o obxectivo de que se disolvese a concentración”Aínda non se coñece o balance de feridos entre os participantes na aglomeración.

“Non me gusta ver estas imaxes en Santiago mais con esas multitudes e a esas horas, que non son as máis claras do día, é difícil concretar as actuacións”, defendeu Bugallo, que insistiu en que comprende a “necesidade” dos mozos de socializaren após 18 meses de pandemia, mais “unha concentración de 2.000 persoas, facendo ruído ás 3 da mañá, non está xustificada en ningún sitio”.

Por súa vez, a Policía Nacional informou da abriu dilixencias polos feitos ocorridos esta pasada noite, uns feitos que Bugallo lamentou que deixasen de ser “problemas de convivencia” para converterse en “problemas de orde pública”.