Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Compostela, participou no cerimonial relixioso da suposta Traslatio do apóstolo Santiago da Palestina á Galiza como delegado da Casa Real española, incumprindo mais unha vez o mandado constitucional que obriga os poderes públicos a respectaren o principio de neutralidade en materia relixiosa e veda calquera tipo de confusión entre funcións relixiosas e institucionais, así como calquera tipo de discriminación en favor dunha determinada fé.

 

 

Durante o acto relixioso, o alcalde de Compostela pediu ao santo católico que guíe os gobernantes para que estes acerten nas súas decisións e “fagan prevalecer sempre o interese xeral sobre calquera outra consideración”. Tamén lle demandou coidar “especialmente” os sanitarios. E, ainda que nesta ocasión tiveron que conformarse cun papel máis modesto que o doutras veces, non esqueceu Sánchez Bugallo lembrar os problemas que protagonizan desde hai tempo estas ofrendas (violencia machista, loita contra o desemprego, erradicación da pobreza e emerxencia climática). Problemas que por agora o seu patrón non deu resolvido apesar da insistencia con que a casa real española e os seus delegados lle reclaman solucións.