Jaime Ramos, Alcalde de Talavera
“É un feito que se reputa notorio na localidade de Talavera de la Reina que o Garda Civil Valentín Galán Caldera foi sancionado disciplinarmente e degradado como consecuencia da comisión de faltas moi graves, que poderían responder segundo parece, a comportamentos prexudiciais para o servizo e para o funcionamento da Institución.”
A sorpresa veu da man dunha noticia publicada nos medios de comunicación desta localidade, datada o 26 de novembro pasado, onde se di que “o alcalde talaverano, Jaime Ramos, felicitou Valentín Galán por pasar á reserva e polo “excelente traballo realizado en Talavera”, entregándolle o tradicional bastón con empuñadura de cerámica como lembranza”.
Ante a evidente contradición que resultaba de comparar os parabéns do alcalde talaverano coa eventualidade de Valentín Galán Caldera ter sido sancionado disciplinarmente e degradado como consecuencia da comisión de faltas moi graves cometidas nesta cidade, «decidimo realizar unha busca através da internet para localizar a sanción, atopándonos cunha sorpresa maior e é que, non só non achamos rastro algún desa sanción senón que nin sequera aparece rastro algún do propio Valentín Galán Caldera no BOE, salvo dúas referencias moi antigas no Boletín Oficial das Forzas Armadas. Aliás, as poucas referencias que se lle fan na internet teñen a ver cos parabéns do alcalde de Talavera», afirma a ACODAP.
Mais o que máis sorprende de todo é o que aparece cando se fan procuras relacionadas con ‘Valentín Galán Caldera’, xa que no final pode lerse o seguinte texto: “É posíbel que algúns resultados se eliminasen de acordo coa lei de protección de datos europea”.
Por esa razón, e ante a evidencia de que en internet se oculta algunha cousa que podería ser de interese para a cidadanía, «solicitamos que nos sexan proporcionados os datos públicos de que dispoñan relativos ás sancións disciplinares que no seu caso lle foron impostas ao Garda Civil Valentín Galán Caldera», informa a asociación liderada polo xuíz Presencia.
A resposta da Dirección Xeral da Garda Civil foi aínda máis sorprendente que a pregunta. Na resolución que se coñeceu no día de hoxe asinada por Francisco Esteban Pérez, Xeneral de División e Xefe do Gabinete Técnico, dise textualmente: “Na base de datos de Recursos Humanos da Garda Civil non consta ningún membro da Garda Civil co nome Valentín Galán Caldera”.