O dixital Nueva Tribuna e a web Todos os nomes reciben unha petición formal para que eliminen dun artigo o nome do secretario do xuízo franquista contra Miguel Hernández, Antonio Luís Baena Tocón. A Universidade de Alacant accedeu, ante esta petición, a eliminar de maneira cautelar este nome en dúas publicacións na súa versión dixital. Investigadores, historiadores e xuristas denuncian que o que está en xogo é o dereito a “investigar” e á “memoria histórica”

 

Miguel Hernandez

 

A Universidade de Alacant accedeu de maneira provisoria a eliminar de dous artigos dixitais do catedrático Juan Antonio Ríos Carratalá o nome do alférez que participou como secretario no consello de guerra que condenou a morte o poeta, Antonio Luís Baena Tocón. Fíxoo despois de recibir unha petición do fillo do alférez en virtude da Lei de Protección de Datos. A decisión causou un grande balbordo entre historiadores e académicos ao sentar un perigoso precedente para os seus traballos de investigación. Contodo, a Universidade de Alacant non é a única que recibiu unha petición para que o nome de Antonio Luís Baena Tocón desapareza da historia.

O xornal Público constatou como os avogados do fillo do alférez tamén remitiron escritos ao medio de comunicación Nueva Tribuna, asociado ao xornal, e á web memorialista de Andalucía Todos los Nombres. O motivo da carta é o mesmo: eliminar o nome Antonio Luís Baena Tocón do artigo A Historia nas cunetas, publicado orixinalmente en Nueva Tribuna e asinado por Herminio Trigo, alcalde de Córdoba durante nove anos.

O exalcalde conta no artigo en cuestión que descubriu en 2017 que Antonio Luís Baena Tocón, ademais de ser “o interventor” do Concello de Córdoba “durante os primeiros anos” de goberno de EU na cidade, “foi membro do Tribunal Militar que condenou Miguel Hernández”. “Aínda que o soubemos no seu momento, pouco se podía facer, estaba amnistiado”, prosegue Trigo no seu artigo.

 

“Unha vez tivemos que eliminar o nome da persoa que puxo a bomba contra a revista satírica ‘El Papus'”, denuncia Gordillo

 

Neste sentido, Público contactou cos responsables de Nueva Tribuna e da web memorialista Todos los nombres. A resposta é que a petición do fillo do secretario do xuízo a Miguel Hernández púxose en mans das respectivas equipas xurídicas que tomarán unha decisión logo após contactar coa Axencia de Protección de Datos. De momento, no entanto, Nueva Tribuna sinalou que non “vai retirar o artigo en que se menciona o alférez franquista Antonio Luís Baena”.

“Non é a primeira vez que recibimos unha petición deste tipo. Unha vez tivemos que eliminar o nome da persoa que puxo a bomba contra a revista satírica ‘El Papus‘. Tivemos que substituílo polas súas iniciais. Naquel caso actuamos como imos facer neste. Puxémolo en coñecemento do noso avogado quen, despois de consultar coa Axencia de Protección de Datos, recomendounos substituír o nome polas iniciais”, explica Cecilio Gordillo a Público, que explica que agora están á espera dos consellos do seu avogado.

O caso do ‘apagado’ do nome do secretario do xulgamento de Miguel Hernández, contodo, chamou moito máis a atención que o denunciado por Gordillo. Por varios motivos. Primeiro, pola forza que ten Miguel Hernández como símbolo da represión franquista. Segundo, porque historiadores e investigadores viron na cesión da Universidade de Alacant unha ameaza para os seus traballos e publicacións.

José Luís Ferris, autor do libro Miguel Hernández: Pasiones, cárcel y muerte de un poeta, sinala a Público que a decisión da Universidade de Alacant parécelle “demencial”. “Xa pasaron uns cuantos anos desde que morreu Franco e acabou a censura. Non entendo o porqué da decisión. A condición de que se poida demostrar o que estás a contar non debe se eliminado ningún nome. A decisión da UA, que di estar suxeita á Lei de Protección de Datos, está coartando a liberdade dos investigadores para sacar á luz o que nunca debeu estar debaixo da luz”.

 

“Non entendo o porqué da decisión. A condición de que se poida demostrar o que estás a contar non se debe eliminar ningún nome”, di Ferris

 

Neste sentido, Ferris sinala que “non ten ningunha dúbida” de que a investigación de Juan Antonio Ríos Carratalá, catedrático de Literatura Española na UA, é “completamente correcta”. “Cónstame que Ruiz Carratalá traballou con datos fidedignos e que pode documentar todo o que publicou. Espero que a Universidade rectifique porque se non sentará un perigoso precedente e imos ter que eliminar moitos nomes das nosas investigacións”, sentenza Ferris.

A directora do Arquivo Histórico Provincial de Alacant, María del Olmo Ibáñez, corroborou a Público que o nome de Antonio Luís Baena Tocón aparece até en dez documentos no expediente do xuízo a Miguel Hernández como secretario. “Estudei o expediente de Miguel Hernández e podo testemuñar que o nome deste señor consta como mínimo en dez documentos e, ademais, aparece a súa asinatura”, explica Del Olmo, que tamén foi comisaría da exposición Miguel Hernández no cárcere de Alacant. Un intento de silenciar a palabra.

Del Olmo Ibáñez denuncia que a actual Lei de Protección de Datos resulta “unha pedra no zapato” no labor dos investigadores e, sobretodo, no acceso aos arquivos. “Esta lei supúxonos un retroceso tremendo. A causa xeral do franquismo, por exemplo, estaba on line a libre disposición e tivémola que retirar pola Lei de Protección de Datos. Mais hai máis exemplos. Temos todos os expedientes penais que deixou a represión na provincia. Poden consultarse de maneira presencial no Arquivo, mais non podemos subilos á web pola citada Lei”, prosegue a doutora en Historia.

 

Primera página del consejo de guerra a Miguel Hernández.

 

Que di a Lei de Protección de Datos e o seu uso por parte de familiares?
Até que punto ten dereito un familiar dunha personaxe a eliminar o seu rastro na internet? E que acontece se esta personaxe tivo un papel, aínda que mínimo, nun acontecemento histórico? Prevalece o interese público da memoria colectiva, ou o dereito ao esquecemento dun descendente que sente maculado?

A Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais, establece no seu artigo 2 que esta non se aplica ás persoas falecidas, mais no artigo 3 afirma que “as persoas vinculadas ao falecido por razóns familiares ou de feito así como os seus herdeiros poderán dirixirse ao responsábel ou encarregado do tratamento ao obxecto de solicitar o acceso aos datos persoais daquela e, no seu caso, a súa rectificación ou supresión”.

 

“Temos que ter todos claro que o que está en xogo é a nosa memoria histórica”, di o xurista Sánchez Almeida

 

Quer dicir, en principio e con carácter xeral un fillo si pode solicitar a supresión do nome do pai falecido dun documento. Contodo, non é tan sinxelo. Na mesma lei, o artigo 93, que regula o dereito ao esquecemento en procuras de internet, obriga a ter en conta “os fins para os que se recolleron ou trataron, o tempo transcorrido e a natureza e interese público da información”.

Nunha rigorosa análise do profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Oviedo Miguel Presno Linera, este académico razoa que no caso do fillo de Antonio Luís Baena Tocón, “se, como é o caso, o pai do solicitante participou como secretario xudicial nun consello militar parece que iso implica o desempeño dunha función pública que ten transcendencia social, e máis repercusión aínda se o condenado foi o poeta Miguel Hernández”.

Así mesmo, o Regulamento Xeral de Protección de Datos europeo, de aplicación directa, establece no seu artigo 87 unha serie de excepcións aplicabeis ao tratamento con fins de investigación científica ou histórica. No seu apartado 2 alude expresamente á investigación histórica, e prevé que poidan establecerse excepcións no dereito ao esquecemento dun suxeito (como o caso dun falecido cun papel determinado na historia) “sempre que sexa probábel que eses dereitos imposibiliten ou obstaculicen gravemente o logro dos fins científicos e cando esas excepcións foren necesarias para atinxir eses fins”.

Por último, na coñecida sentenza do Tribunal de Xustiza da UE relativa ao caso Costeja, os xuíces europeos estableceron ademais unha excepción esencial ao dereito ao esquecemento: hai que ponderar o papel desempeñado polo interesado na vida pública para xustificar ou non o interese do público en ter acceso á esa información.

“Estamos a falar da vida pública de datos históricos”, comenta a Público o avogado Carlos Sánchez Almeida, director xurídico da Plataforma en Defensa da Liberdade de Información, que destaca que “existe un risco de ‘amnesia histórica’ xa non tanto para unha universidade pública “que pode levar un ‘efecto Streisand’ de libro, como acaba de acontecer” senón para pequenos sitios web, blogs de investigadores independentes e demais, que van terminar recibindo peticións de dereito ao esquecemento e, ante a posibilidade de sancións ou demandas, a xente se autocensure”. “Temos que ter todos claro que o que está en xogo é a nosa memoria histórica”, conclúe.

Público