Nas últimas semanas, puidemos escoitar ou ler grandes ovacións á eficacia do goberno do Estado de Israel en aplicar a vacina contra o covid. Mais son poucas as voces que se levantan para interpelar, con tímida voz,  este concerto de louvores. E que hai das e os veciños palestinos da Cisxordania e Gaza?

 

 

O IV Convenio de Xenebra establece que Israel é responsábel da saúde e o material sanitario da poboación palestina baixo colonización e ocupación desde 1967. Alén diso, este convenio fundamental no dereito internacional ditamina especificamente a obrigación da potencia ocupante de prevenir a propagación de pandemias. Igualmente, aínda que fose posíbel aducir que os Acordos de Oslo transferiron á Autoridade Palestina as cuestións sanitarias, a infraestrutura imprescindíbel para importar, distribuír e administrar a vacina está sob estrito control israelí, o status internacional do IV Convenio de Xenebra prevalece sobre acordos como os de Oslo e todo o mundo sabe que Israel violou e viola estes sistematicamente.

Pode ser chamado ‘apartheid sanitario’? Pode, si. ‘Apartheid’, o réxime racista de separación das poboacións con diferenza de dereitos e privilexios desenvolvido en Sudáfrica, e que foi aplicado tamén con algunhas diferenzas nos Estados Unidos contra as poboacións nativas coa política de reservas e no sur do país con leis históricas como as Jim Crow. Israel exerce o apartheid sanitario coa vacina do covid porque é unha expresión máis do seu apartheid. Este Estado colonial, que nin representaba nin representa o xudaísmo nin as persoas xudías, controla o 100% da Palestina histórica, e aplica diferentes réximes xurídicos segundo a persoa sexa xudía ou non xudía.

Hai varias semanas, a ONG israelita máis coñecida do mundo, B’Tselem, declarou que Israel exerce un réxime de apartheid do mar Mediterráneo ao río Jordán. En marzo de 2017 un organismo da ONU, a CESPAO, afirmou que Israel é un Estado de apartheid e que o BDS é unha ferramenta lexítima para acabar con este apartheid. Mais é que mesmo o ex presidente estadunidense Jimmy Carter escribiu un libro en 2006 sobre Palestina en que reclamaba ‘peace, not apartheid’. De feito, ese foi o título do libro. Un premio Nobel da Paz, o arcebispo surafricano Desmond Tutu, tamén criticou o ‘apartheid israelita’.

Varias décadas atrás, o primeiro ministro da Sudáfrica do apartheid entre 1958 e 1966, Hendrik Verwoerd, revelou que estaba de acordo co Estado de Israel, posto que “Israel, como Sudáfrica é un Estado de apartheid”. Por certo, é importante lembrar que o apartheid é un crime contra a humanidade segundo o Estatuto de Roma do Tribunal Penal Internacional, que acaba de declararse competente para investigar crimes na Palestina. Podería ser a primeira vez en máis de 70 anos que a poboación palestina poida ter acceso á xustiza internacional e que os criminais israelitas sexan xulgados.

 

O apartheid israelí é parte fundamental dun modelo de colonialismo de asentamento que é o principal cadro en que hai que comprender a cuestión de Palestina-Israel e a relación do movemento sionista e o Estado de Israel desde 1948 coas persoas palestinas

 

Así, o apartheid israelita é parte fundamental dun modelo de colonialismo de asentamento que é o principal cadro en que hai que comprender a cuestión de Palestina-Israel e a relación do movemento sionista e o Estado de Israel desde 1948 -non só desde 1967- coas persoas nativas palestinas. Só a poboación israelita ten o privilexio de poder vacinarse, e este éxito é tamén produto desa sociedade ultramilitarizada e ultratecnificada, en que desde a escola son analisadas aptitudes e desenvolvementos de nenas, nenos e adolescentes para despois, á hora de chegar á idade militar obrigatoria, seren asignados á unidade do exército máis adecuada.

Non hai que esquecer que a organización da defensa civil israelita é tamén moi importante, así como a construción de refuxios nos edificios dedicados para poboación xudía, ou a distribución de máscaras antigás en episodios históricos como as dúas guerras do Golfo. Por factores como estes, a sociedade israelita está ben treinada para distribuír e administrar rapidamente unha vacina á súa poboación, que aproximadamente equivale en número de habitantes á existente na Comunidade de Madrid. Mais para a poboación de Gaza e Cisxordania, nada. Só nos últimos días chegaron as primeiras vacinas á poboación palestina de Cisxordania debido á presión internacional.

A metáfora kibbutz
Ligado a todo isto, gustaríamos explicar outro feito recente que axuda a entender numerosos aspectos de Palestina e Israel e deste apartheid. No pasado 28 de xaneiro, a TV3, a Televisión pública catalá, emitiu un documentario presentado por un dos ex directores do canal e coñecido polos seus posicionamentos pro sionistas, Vicenç Villatoro. Este documentario, Generació Kibbutz, é unha homenaxe aos kibbutzim (plural de kibbutz), comunas sionistas supostamente ‘socialistas’ existentes desde 1909. Tamén, no fondo, é unha homenaxe á colonización sionista da Palestina, especialmente no referido ao seu sistema agrícola e ao control do territorio desenvolvido polos kibbutzim.

 

O apartheid israelí é parte fundamental dun modelo de colonialismo de asentamento que é o principal cadro en que hai que comprender a cuestión de Palestina-Israel e a relación do movemento sionista e o Estado de Israel desde 1948 coas persoas palestinas

 

As e os narradores e testemuños do documentario son persoas voluntarias catalás que realizaron estadías de semanas, meses ou anos en diferentes kibbutzim por todo Israel (denominada tamén Palestina do 48), durante as décadas de 1960 e 1970. As e os voluntarios viñan principalmente de dous contornos, o catalanismo político ou cultural -en maior ou menor medida clandestino naqueles anos sob a ditadura franquista-, ou de familias xudías catalás que foran fortemente influenciadas polo sionismo.

Tendo en conta quen son os narradores do documentario, xa observamos un rumo claramente sionista. Fálannos de como ficaron admirados da organización comunitaria dos kibbutzim; as actividades culturais e bibliotecas onde podían achar boa parte das obras que en España eran prohibidas e censuradas (especialmente marxistas e de esquerdas); da liberdade sexual; de como se bañaban espidos e xuntos mozos e mozas, etc. Tamén enxalzan a superación do xudeu da diáspora co ‘novo home colonizador xudeu’ seguindo as liñas sionistas, ou a capacidade de autodefensa e de organización sociedade-exército, chegando algúns deles a recibir treino para a guerrilla urbana ou a entrar nalgunha das milicias do exército de Israel.

De feito, existía un grande vínculo entre os kibbutzim e o militarismo. Debido á condición de moitos kibbutzim de postos militares avanzados para colonizaren territorio antes e despois de 1948, e polo coñecemento do terreo e capacidade de autoorganización castrense dos seus membros, grandes líderes do exército israelita, como Moshé Dayán, Isaac Rabín ou Ariel Sharón, viñeron de ou viviron en kibbutzim ou moshavim, estes últimos similares ao primeiros mais con maior presenza da propiedade privada.

Doutra banda, no documentario pode observarse mesmo Xavier Torrens, profesor de Ciencia Política da Universidade de Barcelona abertamente sionista, que chega a afirmar que os kibbutzim foron un do tres grandes modelos de procura dunha sociedade igualitaria que chegaron a ter certo éxito, xunto co soviético e o socialdemócrata nórdico. Con efecto, durante moitas décadas, diferentes esquerdas europeas admiraron o modelo ‘socialista’ e ‘autogestionado’ dos kibbutzim. Mais é que durante moito tempo, numerosas esquerdas esqueceron ou desprezaron -e, nalgúns casos, esquecen e desprezan- a cuestión do colonialismo e o racismo.

Os kibbutzim eran colonias de asentamento en que só as persoas xudías ou brancas podían ser integrantes de pleno dereito. Portanto, era un apartheid a respecto da poboación palestina nativa. Nin unha única vez é mencionado este ‘pequeno pormenor’ no documentario. Tampouco se fai nin unha única referencia que fose a que numerosos kibbutzim foron construídos sobre as ruínas de localidades palestinas que sufriron a limpeza étnica sionista-israelita durante a Nakba de 1948. Por exemplo, sobre as terras do municipio palestino desaloxado e destruído de Endur foi construído o kibbutz ‘Ein Dor’. Sobre a localidade palestina de Luby, o kibbutz ‘Lavi’. Sobre terras da o-Birweh, o pobo arrasado do grande poeta palestino Mahmoud Darwish, foron edificados ‘Yas’ur’ e ‘Ahihud’. De feito, un dos testemuños de Generació kibbutz, Miquel Sellarès (ex director dos mossos), foi ao kibbutz Beit Kama, fundado xusto ao sul-leste da o-Jammama, poboado palestino que sufriu a limpeza étnica.

O kibbutz Netiv HaLamed-Heh foi fundado sobre as terras do pobo palestino desaloxado Bayt Nattif. Despois, nestas terras, inaugurouse un bosque que rendía homenaxe a persoas que salvaron xudeus e a xudías durante a Segunda Guerra Mundial, como o holandés Bastiaan Jan Ader. Unha práctica habitual do Estado de Israel despois da súa creación foi plantar novos bosques sobre poboados palestinos que sufriran a limpeza étnica. Así os eliminaban do mapa e impedían a poboación refuxiada palestina poder voltar ás súas casas.

O caso é que Bastiaan Jan Ader e a súa muller Johanna Ader salvaron uns 200 xudeus e xudías do nazismo. Despois, Bastiaan foi asasinado polos nazis en 1944. 16 días antes, nacera o fillo de ambos, Erik Ader. Erik, que máis tarde sería diplomático, clamou por xustiza en 2016 cando Israel usou o nome do seu pai no bosque xunto ao kibbutz Netiv HaLamed-Heh, que ocultaba a localidade palestina destruída de Bayt Nattif. Erik Ader acusou Israel de estar ‘abusando da memoria’ do seu pai e de utilizar o seu nome para ocultar ‘unha limpeza étnica’. Unha grande e vergoñosa metáfora do Estado de apartheid de Israel e dos seus numerosos ‘washings’ ou lavaxes de cara (‘culturewashing’, ‘greenwashing’, ‘pinkwashing’, ‘vegwashing’…).

 

O apartheid israelí é parte fundamental dun modelo de colonialismo de asentamento que é o principal cadro en que hai que comprender a cuestión de Palestina-Israel e a relación do movemento sionista e o Estado de Israel desde 1948 coas persoas palestinas

 

Os kibbutzim fundamentábanse no colonialismo de asentamento, é dicir, nun modelo racista supremacista. Neste caso, supremacismo da colectivo/etnia xudeu. As e os habitantes nativos non xudeus daquela terra eran invisibilizados, expulsados, debían desaparecer. De feito, nos 52 minutos do documentario non se menciona unha única vez ás persoas palestinas. O paradigma do colonialismo de asentamento, o cadro máis importante e útil para entender a cuestión de Palestina, opera através de múltiplas arestas a respecto da poboación colonizada dependendo do contexto: invisibilización, alterización, exclusión, substitución, expulsión, subhumanización…  así como refugallo de bens materiais e culturais e tentativa de destruír ou secuestrar a memoria e a identidade.

O modelo kibbutz é parte do concepto racista establecido a partir da década de 1920 polos partidos ‘obreiros’ sionistas plasmado na ideoloxía do sindicato Histadrut (sindicato maioritario israelita e adherente á Confederación Sindical Internacional CSI): traballo exclusivamente xudeu, produción exclusivamente xudía, consumo exclusivamente xudeu, segregando “‘apartheid’ na lingua das e os colonos bóer surafricanos” á poboación árabe orixinaria. Portanto, trátase dun ‘sindicato’ que chamou e practicou desde as súas orixes o apartheid comunitario ou étnico, como certos sindicatos practicaban o apartheid racial en Sudáfrica.

Este ‘sindicato’, como os kibbutzim, viraban ao redor dos partidos de esquerda sionista antes e despois da proclamación do Estado de Israel, que constituíron a elite que forxou a estrutura social e económica do mesmo. O racismo do Histadrut continúa hoxe en día, nin defende -nin se espera que o faga- os dereitos das e os millares de traballadores palestinos asalariados de empresas israelitas. Os partidos da esquerda sionista, sexan da tendencia que sexan, foron e son cómplices de elevar tanto aos kibbutzim como ao Histadrut ao rango de entidades progresistas e non servidoras estruturais da ideoloxía e do proxecto sionista.

O colonialismo de asentamento implica o que se denomina un memoricidio e un epistemicidio. E é o que protagonizou o movemento sionista e o Estado de Israel cara á poboación nativa, concretándose en apartheid, limpeza étnica e ocupación militar que continúa e continuará o seu curso en tanto durar o proxecto sionista. Tampouco, nin unha única vez durante todo o documentario, son mencionados estes fenómenos e procesos históricos cjaves para entendermos calquera aspecto relacionado coa temática palestina. E iso que múltiplos kibbutzim existentes en 1948 participaron na limpeza étnica de Palestina.

En definitiva, a vacinación contra o covid, así como os propios kibbutzim, son unha metáfora do apartheid e da colonización sionista. Alén do máis, produtos culturais como este documental axúdannos a comprender o rol tan importante da hasbará -a ‘diplomacia pública’ ou propaganda internacional israelí – no proxecto colonizador sionista e no Estado de Israel, así como as súas numerosas complicidades académicas, culturais, económicas, militares e políticas dentro e fóra dos nosos territorios. Como sabe e como nos conta o pobo palestino, o apartheid israelita sostense grazas a toda esta rede de complicidades e colaboracións. Portanto, pór fin a este crime contra a humanidade, como pide a maior coalición da sociedade civil palestina -BDS- é urxente e todo o mundo pode contribuír.

El Salto Diario